'Memoria Fonmiñá' percorre 70 anos de fotografía lucense

O libro do Grupo Fonmiñá reúne fotos de 42 artistas dende os anos 50 ata hoxe en día ► As imaxes pertencen a históricos como Vega ou Juan José, e mesmo ao exalcalde Orozco
Fotógrafos históricos de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Fotógrafos históricos de Lugo. SEBAS SENANDE

O día no que conseguiron as chaves do club parroquial de San Francisco Javier, Eduardo Ochoa (1952) e Miguel Calvo (1951) puxéronse contentos. Naquel Lugo resultaba complicado ter un tocadiscos no que escoitar os discos de música clásica que compraban. Eduardo e Miguel eran adolescentes e amigos. "Daquela estaban de moda Adamo e Raphael. Nós escoitabamos a Beethoven", apunta Ochoa. Aquelas ganas de coñecer a mellor música tiñan continuidade no río.

Baixaban dende a Estrada da Granxa ao Miño, "para facer fotografías con pretensións artísticas". Os modelos eran os amigos, as noivas e, habitualmente, eles mesmos. Teñen ben documentada a mocidade pola cantidade de fotos que se fixeron.

Agora, marchados tantos anos, failles gracia recordar as súas ínfulas. Perderon as pretensións e gañaron a arte.

Eduardo Ochoa é o coordinador do libro Memoria Fonmiñá, unha homenaxe a 70 anos de fotografía –entre 1950 e 2021– en Lugo que recolle obras de 42 artistas vencellados primeiro á Agrupación Fotográfica Lucense e, coa súa integración como sección, no Grupo Fonmiñá, que tamén organiza a Semana de Cine de Lugo.

As imaxes están asinadas por fotógrafos históricos xa falecidos, como José Luis Vega (1913-1993), Juan José Vivancos (1918-2011), que traballaron en Lugo, ou o sarriao Víctor Villarabid (1936-2009). Non falta a curiosidade de que participe o exalcalde lucense José López Orozco, que achega unha fotografía de ciclistas en carreira.

As imaxes están en cor e en branco e negro. Algunhas son analóxicas, pero a maioría son dixitais. A proporción é semellante cando se reúnen catro fotógrafos para falar da súa afección: Miguel Calvo, Eduardo Ochoa, José Manuel Guisasola e Miguel Fraga. Os catro botaron a metade do seu tempo libre das súas vidas movéndose entre as sombras vermellas dos seus laboratorios, pero soamente Ochoa mantén o seu aberto.

Miguel Fraga (1956) anda buscando o tempo para revelar uns negativos seus que lanzara nos anos 80. Está a preguiza que provocan a laboriosidade do proceso químico e os atrancos para encontrar os materiais necesarios.

Ochoa destaca que "hai un goteo de afeccionados que recuperan as cámaras analóxicas, ten prestixio en Estados Unidos e no norte de Europa" e Miguel Calvo apunta que "a calidade non é a mesma". Eduardo pensa que "non morrerá, pero tampouco vai volver".

Guisasola asume que "cambia o positivado". Comprende a Eduardo Ochoa cando sinala que "a ferramenta define o resultado". Nunha viaxe dun mes por Polonia levou unha cámara analóxica e volveu con dous centos de imaxes. "Seleccionas máis. Se vas cunha dixital volves con dúas mil". Miguel Fraga defende que lles queda "a idea de pensar as fotos" aos afeccionados da súa idade, polo que non fan "milleiros de fotos", como explica Miguel Calvo.

Os catro usan móbil –Ochoa "como documentación"–, pero Calvo, Fraga e Guisasola resístense a enganchar a película na cámara. "Eu estaba cinco ou seis horas no laboratorio. Iso é impensable", conclúe Guisasola.

O prestixio da ‘Foto de la semana’
Miguel Fraga animouse coa fotografía porque quería que unha obra súa fose Foto de la semana. A Agrupación Fotográfica Lucense organizaba un concurso entre os seus socios polo que se escollía una imaxe semanal. O premio consistía en vela publicada en El Progreso e ser colgada na Praza Maior, que era o ámbito de paseo dos lucenses. Cada luns proclamábase unha.

Paseos
Fraga lembra, "cando tiña 18 ou 19 anos», a emoción de ser escollido e o xeito no que se «paseaba ao lado da foto" dun se resultaba escollida porque aumentaba, iso crían, o seu atractivo para as conquistas. "Recordo as fotos da semana dos que agora son os meus compañeiros en Fonmiñá. Eu tamén quería aparecer nese cadro de honra".

Minuteiros
José Manuel Guisasola recorda figuras históricas da fotografía en Lugo, coma os minuteiros, "que se chamaban así porque eran fotógrafos de rúa que che facían a foto ao minuto".

"Os catro comezamos sendo fotógrafos oficiais das nosas familias" 

As primeira imaxes tomábanse na casa e consistían en crónicas das vodas, bautizos e comuñóns que se facían

O primeiro título que recibe todo fotógrafo nos seus inicios é o de "fotógrafo oficial da familia", como expón Miguel Fraga e aseveran os seus compañeiros. El comezou cun tío seu, Luis Fraga,que era cura en Gaioso (Outeiro). As primeiras imaxes que quitou foron nunha casa reitoral. A práctica foi intensa porque eran oito irmáns.

A falta de móbiles traía unha correlación entre que un adolescente amosase atracción por unha cámara e que a familia lle encargase o clásico BBC (bodas, bautizos e comuñóns). Eduardo Ochoa indica que el comprou a primera cámara "a prazos", que ten pagado con "algún bautizo" que che cedía un profesional porque el "non podía facelo".

Fraga empezou con Paco Espinar. "Somos da mesma idade. El era máis inquieto, eu máis clásico". Ambos déronse conta do bo negocio que resultaba de tirar fotografías dos seus compañeiros de instituto e doutros institutos. Deulles para comprar senllas cámaras Nikon.

Os inicios de José Manuel Guisasola foron máis fáciles porque el traballaba nun banco, "gañaba ben, así que nunca pensei en ser profesional da fotografía". Compartía o interese coa súa muller, Toñi Ónega, e apuntáronse "a un curso da caixa de aforros no que ensinaban a revelar, enfocar e encadrar. Empezamos a facer fotos con outro sentido". Ochoa apunta que esas ensinanzas "cámbianche a mirada".

Guisasola e Ochoa lembran dun amigo seu "que montara un laboratorio nun armario", aínda que para eles resultou menos engorroso aprender a química porque practicaron nas instalacións da Agrupación Fotográfica Lucense.

Dos catro soamente Ochoa continúa utilizando o labotario con cubetas. O resto fotografa e revela co dispositivo que leva no peto, que tamén vale para falar por teléfono.

Comentarios