sábado. 16.01.2021 |
El tiempo
sábado. 16.01.2021
El tiempo

Melania Cruz: "Durante a rodaxe na illa de Ons houbo cinco temporais"

Melania Cruz, o domingo na sala dos cines Códex de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Melania Cruz, o domingo na sala dos cines Códex de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
A actriz de Lugo presentou o filme na súa cidade natal. O clima inclemente fai que os habitantes da illa sexan só dous

Melania Cruz comezou a rodar en Ons hai un ano. Este domingo estivo falando sobre Ons, a película de Alfonso Zarauza, na súa estrea nos cinemas Códex de Lugo. "A illa absórbete", recoñeceu.

Ons está situada ao suroeste de Galicia, ao sur tamén do Grove; frente a Sanxenxo. Nos anos 60 vivían 800 persoas. O clima implacable e cambiante, a pobreza de oportunidades de levar unha vida en condicións, o aburrimento e a incertidume de ter subministro eléctrico foron levando xente en barcos. Definitivamente. Agora quedan dúas persoas. Cesáreo e a muller.

Outro matrimonio, o formado por Vicente e Mariña, protagoniza Ons. O doutor Vicente (Morris) sufriu a perda da amante nun accidente de tráfico. Viaxa á illa en compañía da súa muller (Melania Cruz) para tratar de recuperarse da perda e intentar salvar a relación con Mariña.

A actriz (Lugo,1983) foi preparada para o aburrimento e a falta de cobertura telefónica. Levou libros, tamén un ukelele que empezara a tocar no outono do ano pasado. "Aprendín varias cancións", di con orgullo; pero non foi na filmación, "porque non tiven tempo. Foi no confinamento".

Había partes de Ons nas que podía falar por teléfono. Dispuñan de luz entre as sete da mañá e as once da noite, pero contaban co auxilio de xeradores. Para desprezarse pola illa tiñan dúas pick-up nas que se movían os corenta membros do equipo.

A intérprete vai substituír a María Vázquez nas representacións de ‘Fariña’ que se fan no teatro Alcázar de Madrid

Así que o peor foi o clima feroz da illa. "Houbo cinco temporais, dous deles no nos deixaron saír da illa", indica Melania Cruz, quen explica que foi un factor condicionante "porque Alfonso quería facer unha película concreta e ata tres horas antes non sabiamos que iamos rodar".

A película puido facerse e este domingo foi presentada en Lugo cun concerto de presentación a cargo de Chicharrón, que achega unha canción á banda sonora. Entre o público asistente estaba a presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro, e a gañadora dun Goya por O que arde, Benedicta Sánchez.

O papel de Cruz en Ons ten peso de dramatismo, e ela está combinándoo con "algunhas representacións" da obra teatral O empapelado amarelo, de non menor carga emocional.

A maiores vai subtituír a María Vázquez nas representacións de Fariña no teatro Alcázar de Madrid. Polo de agora, o ukelele quedará de novo á espera.

Melania Cruz: "Durante a rodaxe na illa de Ons houbo cinco temporais"
Comentarios