Melania Cruz estrea unha obra sobre a "exiliada" María Casares

A actriz de Lugo representa Continente María, un diálogo sobre momentos destacados na vida da intérprete coruñesa, que tiña "o teatro como patria" tras verse obrigada a fuxir
Melania Cruz como María Casares. /AIGI BOGA
photo_camera Melania Cruz como María Casares. /AIGI BOGA

Melania Cruz estrea na Coruña a obra Continente María, na que a actriz lucense fai de si mesma por veces e da intérprete María Casares noutros momentos do espectáculo. Cruz subirá ao escenario do Teatro Rosalía de Castro da Coruña este luns 16 de maio, ás 20.30 horas. 

Casares (A Coruña, 1922; Alloue, Francia, 1996) viviu a infancia na cidade herculina, marchou a Madrid cando o seu pai, Santiago Quiroga, foi elixido ministro de República. Tras o golpe de Estado de 1936 tiveron que fuxir a Francia, onde ela viviu ata a súa morte. "Ela dicía que a súa patria era o teatro, sentiuse exiliada sempre. Non ten nacionalidade francesa ata que volve a España nos anos 70. Despois casou para obter os papeis", indica Melania Cruz.

Nese retorno "sentiuse decepcionada porque viña dunha república e porque atopou unha España arrasada cultural e educativamente tras corenta anos de ditadura". O afastamento de Galicia pode ser o motivo de que sexa "pouco coñecida en Galicia", a pesar de que "fixo cine, radio e de que ten unha carreira de teatro descomunal" en Francia. Esa sensación de que fora ignorada pese á súa importancia levouna a montar Continente María, por moito que recoñeza a natureza efémera de representacións teatrais, "que desaparecen" logo de rematar.

María Casares viviu exiliándose: "Arriscaba sempre en vez de escoller a estabilidade"


A Coruña e Montrove son referencias constantes na autobiografía de Casares, pese a que non regresou á terra galega. "Vivía a metade do ano na Coruña e a outra metade en Montrove para ir a praias como as de Bastiagueiro", comentou Melania Cruz, quen engadiu que os seus pais temían que tivese problemas de saúde. "Vestíana cun mameluco, que é un bodi que deixa os brazos e as pernas ao descuberto, para estar ás diferentes temperaturas do ano". A pequena María medrou "en contacto coa natureza". Esa Galicia aparece "idealizada" no texto.

O proceso de converterse en actriz foi natural. Melania Cruz conta que, na mocidade en París, "estaba nunha cea e recitou un romance. Colona Romano e a súa parella, que eran actores, quedaron sorprendidos e animárona a selo tamén". A María pareceulle unha boa idea. Acabaría por deixar os estudos, estudar francés e tratar de ingresar na escola de arte dramática, para o que "á terceira foi a vencida". A partir dese momento, a súa carreira marchou nun ascenso continuado.

María Casares viviu exiliándose. "Arriscaba sempre en vez de escoller a estabilidade. Cando pensaba que se estaba estancando cunha compañía marchaba a outra. Lanzouse ao baleiro tanto no ámbito persoal como no profesional". No espazo íntimo, Continente María fai referencia á súa relación con Albert Camus, "pero non quixemos presentala como filla de nin como amante de" dado o seu peso propio. 

Melania Cruz indica que este proxecto ten a súa orixe nun texto de María Lopo que lle ofreceron representar en 2007.Daquela ela non puido e ocupouse Sarabela. O texto actual é de Marinela Morena,que será dirixido por Tito Asorey. En escena, xunto á actriz, está o músico lucense Vadim Yuknevic.