Lunes. 27.05.2019 |
El tiempo
Lunes. 27.05.2019
El tiempo

Melania Cruz: "A personaxe delira encerrada nun cuarto amarelo"

Melania Cruz, en 'O empapelado amarelo'
Melania Cruz, en 'O empapelado amarelo'

 A actriz lucense representa este xoves a súa nova montaxe na apertura de Escenas do cambio. A peza está baseada nun conto dunha escritora que sufriu depresión posparto

Charlotte pasou por sete colexios de Nova York entre os 11 e os 15 anos, entre 1871 e 1875. O seu pai abandonara a nai. Ela procedía da burguesía conservadora, polo que era impensable que traballase. Para dar de comer os dous fillos comezou unha migración por casas de familiares.

Charlotte Perkins publicou en 1892 O empapelado amarelo, un conto que transcorre nun cuarto coa decoración tan sobria que todo o que tiña era o papel de parede que lle dá título. O relato é autobiográfica, pero nada ten que ver co periplo frustrante dunha adolescencia sen fogar. Refírese a un tratamento médico que padeceu.

Melania Cruz (Lugo, 1983) vén de convertir esa peza nunha obra de teatro. Tras a estrea en Ourense, vai representala na xornada inaugural de Escenas do cambio, que empeza este xoves no Gaiás. Dende as 19.00 horas a actriz desenvolverá un monólogo dunha hora. "A personaxe está encerrada nunha habitación de empapelado amarelo co que se relaciona dun xeito cada vez máis delirante. Tras ese papel atopa unha sorte de muller que está pechada entre as catro paredes", explica.

A intérprete adianta que, detrás do empapelado amarelo "hai unha muller que está pechada entre as catro paredes

A posta en escena é unha metáfora do que lle aconteceu a Charlotte Perkins. Foi unha debuxante e escritora activa tanto intelectual como socialmente. Procedía dunha familia na que as mulleres se repartiran as loitas sufraxista e abolicionista.

En 1882 coñeceu un artista co que rexeitou casar polo que significaba de limitación para a vida pública, pero aceptou a proposición dous anos despois. Un ano máis tarde pariu unha filla. Lonxe de ser unha boa noticia, Charlotte caeu nun pozo de tristeza. Acudiu a un neurólogo de vangarda que, naquel tempo no que se ignoraba a existencia da depresión posterior ao parto, cualificou o seu estado como "esgotamento nervioso". A receita foi tan esaxerada como a sona do médico: "Leve unha vida doméstica. Teña a filla todo o tempo con vostede. Bótese unha hora despois de cada comida. Faga dúas horas diarias de actividade intelectual ao día como moito. Non toque unha pluma, un lápis ou un pincel no resto da súa vida".

Melania Cruz meteu os seus aforros nese cuarto amarelo porque quería contar esa historia "coa que está caendo, con partidos negando a violencia de xénero". Entende que pasados os séculos a necesidade de "normalizar as relacións para ser un mesmo" pode atopar unha lectura contemporánea na escrita de Perkins.

O perigo financieiro vai duplicado a todo ou nada co risco de representar un texto en solitario e observada de cerca polos espectadores. "Súboos ao escenario, ata un máximo de 88. Están á miña dereita, diante e á miña esquerda". Os apoios son a súa experiencia actoral, un xogo de luces e fume e un dueto de corda que interpretará unha banda sonora que compuxo Xabier Bértolo. Parte "dun espazo baleiro que se vai enchendo coa luz e a sombra ao longo do espectáculo".

O conto de Charlotte Perkins comeza coa protagonista preguntándose por que a casa que alugaron é tan barata e por que está deshabitada hai tanto: "John búrlase de mín, dende logo, pero iso é o que unha agarda do matrimonio2.

Melania Cruz: "A personaxe delira encerrada nun cuarto amarelo"
Comentarios