"A Maruja Mallo perxudicouna ser muller e ter un carácter explosivo"

O realizador Antón Reixa reflexionou sobre a artista viveirense na conmemoración dos seus 120 anos no Museo Provincial de Lugo
Antón Reixa, entre cadros de Maruja Mallo, no Museo Provincial /VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Antón Reixa, entre cadros de Maruja Mallo, no Museo Provincial /VICTORIA RODRÍGUEZ

Antón Reixa explicou que Maruja Mallo foi relegada por ser muller, libre, exiliada e de personalidade forte. Esas catro características reflectiunas no seu documental Maruja Mallo. Metade anxo, metade marisco (2009), que foi proxectada este xoves no Museo Provincial de Lugo para encauzar un debate sobre a artista de Viveiro que contou con Reixa e coa directora do centro museístico, Aurelia Balseiro, co gallo do 120ª aniversario do nacemento de Mallo en Viveiro.

"A Historia foi inxusta con Maruja Mallo por ser muller. Debería estar de pleno dereito con Dalí, Buñuel ou Miguel Hernández", considera o director da peza que se proxectou xoves. "Desenvolveuse con liberdade nun mundo de homes", pero "pasoulle factura a condescencia", comentou, antes de poñer o exemplo da exposición sobre a Revista de Occidente que organiza Ortega y Gasset, que Reixa caricutariza como "a veleidade dun vello por unha rapaza guapa".

Engadiu que a creadora "vive fóra desde 1936 ata case a morte de Franco". Sorpréndelle a escasa obra que se garante como auténtica, "entre 70 e 100 obras, cando non deixou de pintar ata os tres últimos anos da súa vida", que pasou nun asilo. A consecuencia é que a súa produción está repartida "e as avaliacións son moi distintas". O círculo da indiferenza péchase por ser "unha muller cun carácter explosivo", que reducía as posibilidades de ser aceptada.

Antón Reixa defendeu a modernidade, aínda vixente, de Maruja Mallo. O director atópaa en cadros como ‘Guía postal de Lugo’, que fai sendo nova, ou na serie Cementerios y campanarios, que amosa en París, que causa impacto en André Breton e lle permite ser admitida no surrealismo. "Foi epicúrea e sensual. Viviu para si mesma", remarcou, antes de recordar que argumentara que "unha persoa vale tanto como a soedade que é capaz de asumir".

Reixa fixo cine, vídeo, música, teatro, poesía e mesmo produciu o Supermartes para a TVG. Nunca pintou "porque non teño man". Continúa, xa que logo, co resto das facetas. Está preparando un disco novo dos Resentidos tras o seu regreso do ano pasado con Organización Nautilus. Incluirá unha canción nova e revisións dos discos antigos. A editorial Elvira vai recuperar poemarios de Rompente e Madrgord publicará Outlet en castelán. "Veño de rematar un libro de poesía", revela para comentar que empezará a busca dun editor. Tamén está escribindo relatos. 

A todas as súas facetas profesionais vai engadir unha de comisariado cunha exposición na Cidade da Cultura sobre artistas e persoeiros que estiveron en Galicia desde 1900
 

A todas as súas facetas profesionais vai engadir unha de comisariado cunha exposición na Cidade da Cultura sobre artistas e persoeiros que estiveron en Galicia desde 1900. Refírese a escritores e artistas como Cortázar, Ernesto Sábato, Jorge Luis Borges ou García Márquez".

Xunto a estes literatos aparecerán  na mostra, a principio de ano, as figuras de "Einstein, que estivo na baía de Vigo e fai unha descrición no seu diario, ou Stefan Zweig, que estivo en Vigo en plena eclosión da Falanxe", apunta. A maiores, falou de Ramón y Cajal, "que o mesmo ano en que recibiu o premio Nobel de Medicina era termalista en Cabreiroá". Engadiu que "de feito, foi quen deu o certificado que autoriza o uso do manancial de Cabreiroá".

Comentarios