Os Martín Códax recoñecen a Eladio y los Seres Queridos, a Uxía e ao Resurrection Fest

A Gramola Gominola fíxose co premio ao mellor proxecto infantil e Som do Galpóm co do mellor proxecto de hip hop

Eladio y los Seres Queridos, recollendo o seu premio. RAFA FARIÑA
photo_camera Eladio y los Seres Queridos, recollendo o seu premio. RAFA FARIÑA

Uxía, Eladio y los Seres Queridos, Igmig, Som do Galpóm, A Gramola Gominola e The Lákazans veñen de ser recoñecidos cos Premios Martín Códax da Música. A gala de entrega de galardóns de Músicos ao Vivo tivo lugar este mércores á noite en Pontevedra, nun Pazo da Cultura co aforo completo. O monologuista e actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila foron os encargados de conducir unha gala na que se puido ver ao personaxe de Dora (creación de Davila) recibindo aos asistentes coa dobraxe en directo de Blanco, segundo informou a organización. Ademais, o espectáculo contou coas actuacións de The Cool Experience e de Tanxugueiras, finalistas na categoría de música tradicional e folk.

A gala, na que se entregaron 18 recoñecementos (15 deles en apartados musicais e tres en extramusicais: festival, sala e espazo de comunicación), ademais dun de honra, abriuse co premio ao considerado mellor grupo de jazz, que foi para Yago Vázquez Trío. Neste primeiro bloque do evento tamén se entregaron os de mellor grupo de rock, para Igmig, e o de mellor grupo vocal, que foi para Encaixe. 

Nun segundo bloque déronse os galardóns correspondentes a mellor grupo de metal, Arrythmia; mellor grupo de blues, The Lákazans; mellor grupo de hip hop, Som do Galpóm; mellor orquestra, Grupo Limón, e mellor proxecto de músicas do mundo, que foi para Brais Morán. 

O recoñecemento na categoría de reggae foi para Chotokoeu e na de música clásica para Roberto Oliveira. Eladio y los Seres Queridos fíxose co galardón ao mellor grupo pop e, tras eles, chegou un dos momentos máis emotivos da noite: o do sobriño de Uxía, Rui, recollendo o premio Martín Códax ao mellor proxecto de canción de autor no nome da súa tía. Rui, que cumpría 15 anos, viu como todo o auditorio lle cantaba o Aniversario feliz.

Finalmente, na categoría de música infantil gañou A Gramola Gominola e na de música tradicional, Xosé Lois Romero & Aliboria. 

Os tres premios extramusicais foron para o Resurrection Fest (festival), Garufa (sala) e Ábrete de orellas (comunicación). 

Cara ao final da gala foi o momento reservado para o discurso de Músicos ao Vivo, organizadores e promotores destes premios. O voceiro da asociación, Ramón Bermejo, lembrou que o colectivo cumpre dez anos de existencia cambiando de directiva. Tamén recordou que desde o 1 de febreiro deste ano, Músicos ao Vivo existe como cooperativa. 

FEMINISMO. O discurso da voceira da directiva Sonia Lebedinsky púxolle ademais o guiño feminista á gala. "Porque non se coñece o que non se ve nin se escoita, porque non estamos todas as que somos, porque a música é un lugar onde nos atopamos todas, porque outro mundo é posible se creamos novos mundos arredor de nós, porque somos as unhas das outras e precisámonos... E este balance feminino é porque vai referido a persoas, dígoo por se alguén se sente ofendido por que non estou masculinizando...". 

Os premios de honra deste ano foron para dous baixistas, Pepe Bordallo e Quique Alvarado. 

Para o remate da gala, a organización reservou un momento especial: o de ver aparecer a Tatán, mítico músico e actor, cantando a dúo con Carlos Blanco.

Listaxe de premiados:
- Pop: Eladio y los Seres Queridos
- Rock: Igmig
- Jazz: Yago Vázquez Trío
- Clásica: Roberto Oliveira
- Hip Hop: Som do Galpóm
- Folk: Xosé Lois Romero & Aliboria
- Músicas do mundo: Brais Morán
- Infantil: A Gramola Gominola
- Electrónica: Mounqup
- Metal: Arrythmia
- Reggae e ska: Chotokoeu
- Orquestra: Grupo Limón
- Blues e funk: The Lákazans
- Canción de autor: Uxía
- Música Vocal: Encaixe
- Festival: Resurrection Fest
- Sala: Garufa
- Comuniación: Ábrete de orellas

Comentarios