sábado. 15.05.2021 |
El tiempo
sábado. 15.05.2021
El tiempo

Marta Veiga gaña o Johán Caballeira: "Co virus saíron á luz moitas eivas para emendar"

A xornalista Marta Veiga. AEP
A xornalista Marta Veiga. AEP
A xornalista, premiada por unha reportaxe sobre a pandemia, desenvolveu a súa traxectoria no Diario de Pontevedra e en El Progreso

A xornalista e investigadora Marta Veiga — que desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional en el Diario de Pontevedra e El Progreso— é a gañadora do XVIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo. O xurado acordou recoñecer a súa reportaxe Cantigas para despois dunha pandemia, publicada na revista Luzes en xuño do ano pasado. Os integrantes do tribunal destacan que se trata dun traballo que "ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solucións a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do coxuntural".

A galardoada amosouse moi agradecida deste recoñecemento "que é moi especial porque recorda a un xornalista da vangarda do galeguismo que foi fusilado polo franquismo polas súas ideas. Carballeira era unha persoa combativa que loitou polos seus ideais e síntome moi orgullosa diso", indicou Veiga, quen explicou que a idea sobre a que tratou o traballo gañador xurdiu nunha reunión do comité de redacción da revista Luzes durante o confinamento. "Nesta pandemia falouse moito de que imos saír mellores, de que vai haber cambios de pensamento... Pero o virus tamén sacou á luz moitas eivas que hai que emendar", precisa a xornalista.

Así, en Cantigas para despois dunha pandemia faise unha reflexión sobre a problemática das residencias da terceira idade: "Co covid ficou a evidencia da estabulación da vellez en granxas de ata 200 prazas, servizos concertados en mans de fondos de inversión fronte a outros modelos coma os pisos comunitarios, máis adecuados e de proximidade", precisa. Fálase tamén da problemática dos límites territoriais ou das diferenzas entre as áreas urbana e rural en Galicia. "Quedou enriba da mesa o problema da conectividade nas áreas rurais ou que Ourense e Lugo son as provincias de todo o estado español con peores comunicacións", engade Veiga.

A galardoada é profesora asociada da área de Xornalismo no campus de Lugo da USC, xornalista freelance e xestora do grupo Xuvenciencia. O xurado estaba integrado polo presidente da Asociación Amigos de Johán Carballeira, Antón García Mosteiro, e os xornalistas David Lombao e Nieves Neira, redactora de El Progreso e gañadora da anterior edición. No seu fallo destacan ademais a estrutura "a modo de conversa, cun humor acedo que non cae na frivolidade", xunto ao feito de que, máis alá das cifras da pandemia, trata de achegar a cara social e política desta situación.

Marta Veiga gaña o Johán Caballeira: "Co virus saíron á luz moitas...
Comentarios