martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

Kathaarsys: ''El inglés nos permite transmitir nuestro concepto musical a más gente''

A integrante do grupo heavy Kathaarsys Marta Barcia móstrase estusiasmada cos novos proxectos da banda. Nacida na Coruña no 2006, Kathaarsys xa ten as súas costas unha gran rodaxe en salas de toda Europa. A última xira levou o seu heavy experimental por cidades de todo o continente con máis de 100 concertos. Como seguinte paso, gravarán un DVD ao vivo na sala Capitol o 9 de outubro.

Pregunta: Como foi a súa xira por Europa?

Resposta: Foi máis longa do que tiñamos pensado porque comezamos en marzo e ao final o que tiñamos pensado coma un tour de dous meses acabou prolongándose até agosto.

Foi moi intenso, de feito, foi a xira máis longa que fixemos até o momento e ademáis fixemos unha chea de quilómetros. Fomos até Rusia, a unha cidade moi preto dos Montes Urais e en moi pouco tempo demos toda a volta dende a Europa do leste até o sur de España e Portugal. Foi moi duro pero á vez moi gratificante, ao fin e ao cabo facemos o que nos gusta. Estivemos presentando este cuarto disco, que está gustando moito a pesar de ser máis experimental.

P: Quedaría con algún lugar ou algunha actuación da xira?

R: Pois a verdade é moi difícil escoller un dos concertos que fixemos porque foron case cen actuacións. O lugar... sobre todo impactounos Rusia polo contraste coa Unión Europea; ao seu lado Rusia parecía a xungla, era moi distinto. Quizais non Moscú, que é máis europea, pero no resto do país notas moitísimo contraste. Hai moita corrupción policial, o paisaxe case desértico... impactounos moito, aínda vimos algo conmocionados (risos).

P: Hai algunha cita musical ou festival ao que queiran ir especialmente?

R: A verdade é que hai moitos sitios aos que queremos ir. Sobre todo en Alemaña, gustaríanos volver a algún dos festivais nos que estivemos. É bastante difícil escoller un festival ao que nos gustaría ir, mais por exemplo en Francia hai un que temos moi na cabeza e a ver se para o ano podemos conseguilo.

P: Como definirían a súa música?

R: Pois a verdade é que é bastante difícil. A pesares de que nalgunhas partes somos metal extremo, ten outras moitas que son máis rockeiras, do típico rock clásico, máis dos anos 70. Hai tamén acústicos, e hai cancións máis tirando ao 'bloom', ten tanta simbiose que ás veces é difícil de definir.

Este último disco catalogáronnolo de mil maneiras, desde 'post-avantgarde', até incluso, ao ter algún toque jazz que impresionou á xente, tamén comezan a falar dunha mistura ente metal e jazz. A verdade é que somos algo diferente e segundo que concerto ou cartel, encontrarás un estilo completamente distinto. Non sabería concretar o noso estilo en poucas palabras, mais ten de todo.

Heavy en galego
P:
Cal é a razón pola que utilizan maiormente o inglés nas súas cancións?

R: A principal razón é porque o inglés é o que nos abreu as portas. A nosa música non acaba de callar aquí e necesitamos saír fóra para desenvolver o noso traballo e a nosa música. Sobre todo no centro de Europa é onde a xente pode apreciar máis o noso traballo. Ao mellor é tamén pola nosa cultura musical, pero é un idioma que nos abreu moitas portas e xa que desenvolvemos o noso proxecto musical a nivel internacional, decidimos que o inglés se adapta mellor a poder viaxar e poder transmitir o noso concepto musical a máis xente.

P: Pensaron en facer algún tema en galego ou en español?

R: Non nos pechamos a facelo nun futuro. De feito neste último disco, utiizamos nas letras o galego. Incluso ademáis da música contén un 'e-book' cun relato a través do que se vai desenvolvendo a temática do noso traballo e que está escrito orixinalmente en galego e deixámolo así. Non nos cerramos a facer nun futuro algo na nosa lingua.

P: Como ves o panorama heavy galego?

R: Véxoo moi pechado e ensimismado, esa é a sensación que me dá a nivel de estilo, porque cando te moves fóra ves que os estilos que máis están proliferando son os máis extremos, experimentais e vangardistas. Mentres que aquí aínda se leva o heavy clásico, rock clásico de Barón Rojo, Los Suaves... é como outra moda.

Dá esta sensación de pechamento porque agora o que está pegando forte por Europa aínda non chegou acó e hai que agardar uns anos para que comece a escoitarse. Iso é o que acontece coa nosa música, que malia ter éxito no estranxeiro, aquí resultalle extraña ao público e hai xente que non a entende e pregunta 'por que isto é tan raro?', 'por que vos complicades tanto e no ides máis ao xénero?', pero o mellor é esa diferencia.

Dvd ao vivo
P: Que mensaxe lle mandarías ao posible público do 9 de outubro na Capitol?

R: Diríalle que principalmente somos unha banda de directo que estamos movéndonos todo o tempo e que por esta razón, despois de catro discos, decidimos gravar un DVD da nosa música en directo.

Tomamos a decisión de facer algo que mostre o que somos e tal como somos e escollemos a capital galega, na Capitol, onde imos realizar o novo espectáculo, de mínimo dúas horas, que englobe temas de todos os discos e do que foi a nosa carreira desde 2006 até agora. Intentaremos facer un bo show,diferente e orixinal e ofrecerlle ao público que nos acompañe algo distinto que vaia quedar ben no DVD.

P: Que obxectivos queredes acadar coa edición do DVD?

R: É unha cousa que debemos facer porque a xente fainos saber que prefire a nosa música en directo. Así, ao ver unha imaxe, poden comprender mellor as partes máis complicadas dos nosos temas, coa visión dos instrumentos, e dalgunha maneira presentámonos coma unha banda máis real e máis fiel ao que somos.

Ademais son xa tres anos nos que non paramos de facer concertos e que temos que deixar reflectidos dalgunha maneira. Creo que é algo moi positivo, que nunca fixemos e que nos achega máis ao noso público. Ao mesmo tempo axúdanos a cargar as pilas, darlle duro e seguir traballando. Cabe a posibilidade de presentalo nunha xira nova, dun xeito especial, aportando cousas novas ao espectáculo. Para nós ábrenos moitas posibilidades.

Kathaarsys: ''El inglés nos permite transmitir nuestro concepto...
Comentarios