Mario Casas vs Jorge Drexler

Mario Casas, protagonista da secuela de Federico Moccia Tengo ganas de ti, verase as caras co debut de Jorge Drexler no cine coa comedia La suerte en tus manos.

Mario Casas e María Valverde métense de novo en Tengo ganas de ti na pel de Hache e Babi, dous namoradeiros mozos que, tras pasar unha tempada afastados pola marcha dun deles a Londres, verán como os seus camiños volven unirse, a pesar da aparición dunha terceira persoa, Gin, papel que encarna a actriz Clara Lago.

Fernando Fernández Molina vólvese pór á fronte da cámara coa secuela de Tres metros sobre el cielo, segundo dos libros da saga literaria de Federico Moccia.

O arxentino Daniel Burman dirixe por primeira vez o cantante uruguaio Jorge Drexler, que xunto coa actriz Valeria Bertuccelli protagonizan a comedia romántica La suerte en tus manos. Nela, Uriel, un home divorciado e pai de dous fillos, coñecerá a través do azar do póker a Gloria, chegada de Francia e onde acaba de terminar unha relación, e comezarán unha apaixonada historia de amor.

Tres adolescentes atraídos por un anuncio que promete sexo é o punto de partida de Red state. Terror e thríller mestúranse nesta cinta na que Michael Angarano, Kyle Gallner e Nicholas Braun caerán na trampa dunha prostituta.

A animación chega da man de Don Gato y su cuadrilla, unha comedia familiar na que a banda de estafadores liderada por Don Gato terá que facer fronte ao novo xefe de policía, Lucas Buenrostro.

Outras novidades

‘Ellas’. Juliette Binoche é Anne, unha nai parisiense adiñeirada e xornalista de investigación que se atopa con dúas universitarias que a afastarán dos tabús que a súa clase social mantén sobre o diñeiro, a familia e o sexo

‘El mundo es nuestro’. Alfonso Sánchez encarna a Er Cabesa, que acompañado por Er Culebra, tratarán de dar o gran golpe das súas vidas decadentes, atracando unha sucursal bancaria en Sevilla

‘La cueva de los sueños olvidados’. O alemán Werner Herzog introdúcese na cova de Chauvet, no sur de Francia, para rodar antigas creacións pictóricas, acompañado pola tecnoloxía máis innovadora

‘Orson west’.
O catalán Fran Ruvira narra a historia dun equipo de rodaxe que segue os pasos do coñecido realizador Orson Welles.

Comentarios