martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

Marina Mayoral: "De nena quería ser correspondente de guerra"

Marina Mayoral. AEP
Marina Mayoral. AEP
A escritora mindoniense celebra o premio José Luis Alvite de columnismo mentres prepara unha novela, un proxecto televisivo e a intervención no congreso de Pardo Bazán de setembro

O Premio José Luis Alvite "pecha un círculo" para Marina Mayoral, "a nena que soñaba con ser correspondente de guerra, que gustaba de escribir relatos heroicos". A escritora e columnista mindoniense séntese reconfortada porque "os xornalistas me elixiron coma unha deles". Así o considerou a Asociación de Periodistas de Galicia (APG), que lle concedeu o galardón porque amosa unha visión persoal da actualidade "a través dunha detallada análise na que adoita estar presente a perspectiva feminina,que caracteriza a maior parte da súa obra como creadora e investigadora" nas colaboración semanais que publica en La Voz de Galicia dende 1990.

Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) comezou Filosofía e Letras en Santiago, e estudou Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid, na que foi catedrática de Literatura Española.

"Sempre escribín en periódicos. Cando era estudante en Santiago empecei a colaborar no xornal La Noche, que tiña páxinas literarias. Iamos pola redacción, amosábannos unha foto e pedíannos que lle escribísemos un pé", indica a autora.

Sobre a "mirada feminina" que destaca o xurado, a premiada matiza que "son feminista, pero hai feminismos. Sempre estiven a favor do divorcio, da pílula, do matrimonio homosexual, pero por iso xa che poñen etiquetas, tes que ser de Podemos. Son de esquerdas".

Mayoral lamenta que os comentarios que recibe son críticos en moitos casos. "Cando non segues a corrente hai alguén que che ataca".

Algo semellante lle aconteceu a Emilia Pardo Bazán. "Cando ela contaba que aprendía de memoria capítulos de El Quijote e da Biblia dicían que era unha pedante; cando o dicía Menéndez Pelayo, era un sabio".

A autora vai participar no congreso sobre a escritora que se celebrará en A Coruña en setembro co gallo do seu centenario expoñendo "a diferenza entre o que deixaban facer a unha muller no século XIX e o que fixo ela, que é a base para entender a súa obra".

A maiores da docencia e as colaboracións en prensa, Marina Mayoral escribiu decenas de novelas. Está traballando nunha nova, ambientada en Brétema -trasunto de Mondoñedo- coma o resto. A maiores prepara un proxecto televisivo. Son dúas novedades sobre as que non fala. "Non me gusta falar das cousas ata que están rematadas".

Marina Mayoral: "De nena quería ser correspondente de guerra"
Comentarios