Marica Campo: "O mundo non será xusto ata que a muller ocupe o lugar que lle corresponde"

Autora de lírica, narrativa, teatro e ensaio, Marica Campo recibiu este mércores no parque da Milagrosa de Lugo unha homenaxe polo Día das Galegas nas Letras

Marica Campo. XESÚS PONTE
photo_camera Marica Campo. XESÚS PONTE

Como recibe esta homenaxe das compañeiras da escrita e da crítica literaria?

Todas as homenaxes son sempre ben recibidas, pero tamén achegan algo de melancolía, xa que pensas no paso do tempo e no que che quedará por diante.

Vostede forma parte dunha xeración de escritores lugueses en lingua galega que tamén son mestres. Foi unha necesidade crear material para dar aulas?

Non estudei Maxisterio en Lugo, senón en dúas convocatorias libres en Salamanca e Madrid. Non coincidín con esoutros escritores na Escola Normal de Lugo, pero si no da necesidade de textos. Impartía a materia de galego cando era de carácter voluntario, en San Cibrao. O único libro en galego que tiñamos era o de texto, ademais de Memorias dun neno labrego, que conectaba moi ben cos rapaces do centro de Galicia, pero que quedaba afastado dos da Mariña.

Entón elaboraba os materiais.

Eu ao mellor entrei un chisco máis tarde á escrita para nenos e mozos, pero si que botei man da poesía e do teatro de Manuel María, que sempre estaba disposto a ofrecer o seu traballo. Montaramos Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo’. O teatro era unha ferramenta marabillosa para os rapaces que non se decidían a falar en galego. Eu mesma escribín unha obra, Paxaros na gaiola, que funcionou como unha fábula para explicarlle ao alumnado que era unha ditadura despois do golpe de Estado do 23-F de 1981.

Pídelle o corpo escribir lírica, narrativa, teatro ou ensaio nalgún determinado momento?

Pois a verdade é que escribín moitas veces por encarga.

E non é moi difícil?

Como se adoitaba dicir: Se vén a inspiración, é mellor que che colla traballando. Cando me pediron a cantiga da Muller para Fuxan os Ventos, eu non sabía o que era a emigración a Europa, pero era facer un exercicio de imaxinalo, entender os sentimentos.

Tíñalle preparada una pregunta sobre esa peza. Como leva que se reivindique nas redes nos 8 de marzo?

Hai que dicir que o retrouso é de Mini [Xosé Luís Rivas, Mini, autor da música].

Pero a letra é súa. E para moita xente acadou o carácter de popular.

Iso é o que a min máis me gusta. Dicía unha canción arxentina: "Que el mundo ruede cuando ya no ruede yo". Que non se saiba de quen é algo que ti escribiches, pero que siga sendo popular.

É algo, por outra parte, que en Galicia pasa con Rosalía de Castro, que vén do popular e que volve ao popular. Que supón para as escritoras galegas que o gran referente literario deste país sexa unha muller?

Rosalía sucede. Segue acontecendo. É unha fortuna térmola como referente de prestixio desde hai tantos anos.

Desde Rosalía ata os últimos meses, nos que percibimos un punto de non retorno nas reivindicacións feministas. Como o vive vostede?

Si que houbo un punto de inflexión, pero seguen morrendo mulleres, segue habendo mulleres escravizadas. As mulleres sen igualdade de dereitos nunca serán libres. A violencia contra as mulleres non é algo xenético, senón cultural. O mundo non será xusto ata que as mulleres ocupemos o lugar que nos corresponde. Que haxa  mulleres sacerdotisas na Igrexa católica, que as xogadoras de fútbol sexan profesionais. Non só é cuestión de visibilidade, porque chega un momento no que, por idade, vólveste invisible. As mulleres non temos que ser iguais cós homes. É unha cuestión de dereitos.

Durante moito tempo foi aspiracional que as mulleres nos comportásemos como homes. Cre que é tempo de feminizalos a eles?

Iso é o que di Pilar García Negro. Xa levan ben tempo intentando masculinizar as mulleres; é tempo de que os homes se feminicen, que se desprendan da masculinidade tóxica.

Non chega con rachar o teito de cristal se é para facer o que xa fan eles. Ou?

Temos que marcar outros camiños. Que o trato sexa máis humano.

As mulleres, como a lingua galega, non somos menos, pero estamos minorizadas. Como ve a situación do idioma?

Temos uns creadores e creadoras ao nivel de moitas literaturas con moitos máis falantes en canto á calidade, pero o trato que se lle dá á lingua galega por parte de instancias que teiman en afastalo o máis posible do portugués… Para eles a lingua é o dicionario. Acaban condenando léxico vivo e patrimonial por castrapismos e hiperenxebrismos.

De aí, quizais, a oposición a darlle o Día das Letras a Carvalho Calero?

Sen desmerecer a ninguén, é incrible que non se teña recoñecido a súa figura. O seu traballo filolóxico e na crítica literaria. Carvalho era un gran lector e moitos dos que se opoñen agora a darlle o Día das Letras beberon del.

Comentarios