Marica Campo e Melania Cruz, "agradecidas" polos premios da Cultura Galega

A escritora do Incio gañou no apartado de Letras, mentres que a intérprete de Lugo impúxose na categoría de Artes Escénicas. Xosé Ramón Gayoso levou o galardón de Audiovisual cando se cumpren trinta anos dende que empezou a emitirse Luar.
Marica Campo, Melania Cruz y Xosé Ramón Gayoso. ARCHIVO
photo_camera Marica Campo, Melania Cruz y Xosé Ramón Gayoso. ARCHIVO

As lucenses Marica Campo e Melania Cruz agradeceron os  premios da Cultura Galega que lles concederon onte xunto con María Vitoria Carballo Calero, Música en Compostela, Xosé Manuel Gayoso, Manuel González, Xacarandaina e o programa Conciencia.

O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse onte para distinguir aos galardoados nas categorías de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Culural e Proxección Exterior, respectivamente.

Marica Campo (O Incio, 1948) é unha das escritoras máis recoñecidas no panorama da literatura galega. Foi recoñecida na categoría de Letras. A autora sinalou que "é o momento de ser agradecida" tras serlle anunciado un recoñecemento que "nin se me pasara pola cabeza". "Os premios explícanse coa idade. Non me obsesionan os premios. Soamente quero escribir, que é como o paso ben".

Ata a súa xubilación, exerceu como mestra, o que marcou a súa obra. En 1992 publicou o seu primeiro libro Tras as portas do rostro e recibiu distintos premios, como o Fiz Vergara Vilariño. Continúa en activo. "Fago pregóns, prólogos, son xurado de galardóns,... son a escritora de garda", bromea.

O premio de Artes Escénicas foi para Melania Cruz (Lugo, 1983). Recibiu a noticia "con sorpresa, porque era inesperada", mentres traballa en Ferrol na segunda tempada de Rapa, dos irmáns Coira. Recibe o galardón como un respaldo "a todos os anos que levo no teatro, tratando de soster diversas compañías". Engadiu que "o teatro conéctame co oficio".

A intérprete, que encarnou a María Casares en Continente María, comezou na interpretación no teatro en 2004. En 2012 foi unha das creadoras da compañía ilMaquinario Teatro. Conta con premios como o premio María Casares e  como o Mestre Mateo á mellor actriz protagonista.

Vitoria Carballo Calero (Ferrol, 1942), recoñecida en Artes Visuais, é catedrática emérita de Historia da Arte na Universidade de Vigo. Filla de Ricardo Carvalho Calero, recibiu o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo.

Xosé Ramón Gayoso valorou onte que "non é casualidade que o premio coincida cos trinta anos de Luar"

Xosé Ramón Gayoso (A Coruña, 1956), presentador do programa Luar da TVG, foi o gañador na categoría audiovisual. Comezou a traballar na TVG desde a súa inauguración en 1985. En 2017, recibiu a Medalla Castelao. O conunicador valorou que "non é casualidade que o premio coincida cos trinta anos de Luar".

Manuel González González (Mazaricos, 1951), é filólogo e investigador de ampla traxectoria, é un dos intelectuais galegos máis relevantes do último século. A súa dedicación ao estudo e defensa e promoción da lingua galega fan del un piar fundamental na normalización do galego. Premiado no apartado de Lingua, é membro numerario da Real Academia Galega. 

Creada en 1978, a asociación Xacarandaina, gañadora en Patrimonio Cultural, acaba de celebrar o seu 40ª aniversario e segue presente de forma moi intensa na actividade sociocultural da cidade da Coruña e de Galicia, como referente da recuperación e catalogación dunha base importante do legado artístico tradicional galego, con traballos de campo progresivos ao longo das catro décadas. 

Pola súa banda, o programa de divulgación científica Conciencia, creado en 2005, é unha iniciativa articulada sobre a base de visitas de Premios Nobel a Galicia, co obxectivo de situar a capacidade creativa galega nos escenarios intelectuais máis exclusivos do mundo. É o galardón de Proxección Exterior.

Os cursos universitarios Música en Compostela naceron en 1958 e levan a cabo un labor a prol do patrimonio musical, ademais do coñecemento dos autores e da música española no exterior.

Comentarios