Martes. 20.11.2018 |
El tiempo
Martes. 20.11.2018
El tiempo

María Varela: "Así é como me sae: eu prefiro escribir dende dentro"

María Varela
María Varela
"O xornalismo local ten futuro". Reivindicando a profesión e a escrita dende a emoción recibe a xornalista luguesa e redactora xefa de Diario de Pontevedra o Fernández del Riego

FORON UNHAS palabras da súa filla maior, Navia, as que a levaron a escribir Cóxegas e tortas, a columna coa que acaba de gañar o premio de xornalismo Francisco Fernández del Riego para artigos en lingua galega. Máis que un texto sobre a maternidade, para María Varela (Lugo, 1974) o que fixo é unha reflexión sobre o papel que xogan os nenos na sociedade. Tras estudar Ciencias Empresariais na USC e iniciar estudos de Xornalismo, empezou a traballar en Radio Televisión Terras de Lemos (Lugo) en 1997. Pasou por Radio Voz , Onda Cero e La Voz de Galicia, ata incorporarse á redacción de Diario de Pontevedra en 2000. Neste xornal foi redactora de Cultura, coordinadora da Revista e dos suplementos e, dende abril de 2016, ocupa o cargo de redactora xefa. Os seus textos tamén se poden ler cada martes na última páxina de El Progreso.

O xurado dixo premiar o seu artigo, entre outras cousas, por ser unha aposta de futuro. Vostede escribiuno con esa intención?

A verdade é que non exactamente. Ás veces acontecen cousas que te convidan a escribir sobre algo. Cando eu sento a escribir soe ser por isto, porque algo que me pasou me leva a reflexionar sobre algunha cuestión. Neste caso concreto, a noite anterior, unha das miñas fillas díxome algo que me chegou. "Nunca esquecerei as túas cóxegas e as túas tortas". Empecei a escribir deixándome levar por esas palabras e que significaban. O que non quero é que semelle que este é un artigo sobre os meus fillos, porque non o é. É un artigo sobre a vida a través dos ollos dos nenos.

"As mulleres estamos sendo cuestionadas sempre: por ser nai ou non selo, por ser nai e traballar ou por ser nai e non facelo"



A infancia é un tema sobre o que volve nas súas columnas.

É certo. Pero xa era así antes de ter sido nai! Cuestións nas que eles son protagonistas, como a crianza ou a educación, para min son cuestións chave na sociedade. O que pasa é que agora, dende que son nai, toda esa inquedanza sumouse á miña experiencia coa maternidade. Porque é certo que a perspectiva vital che cambia cando tes nenos. Por unha banda, o mundo pasa a ser un sitio inhóspito e cheo de perigos. E, por outra, pasa a ser un sitio marabilloso porque grazas a eles volves descubrilo todo a través dos seus ollos. A todo lle dan unha oportunidade e lévante con eles. Aprendes a medrar outra vez. Pero si, é certo que os fillos me dan unha chea de argumentos para escribir. Aínda que non sexa concretamente da maternidade.

Pero neste artigo si que fala da maternidade, por veces mesmo semella que a xustifica. As nais séntense incomprendidas na sociedade actual?

É así. Escríbense unha chea de artigos con argumentos a favor e en contra da decisión de ser nai. Está permanentemente cuestionada. Aínda hai nada montouse un gran lío cun texto que escribiu Samanta Villar sobre o asunto. Eu, como moitas outras nais, sentinme moitas veces xulgada. De feito, cando escribín este texto pensei que ía ter críticas por parte das persoas que teñen un punto de vista diferente sobre a maternidade. Dígoo no propio texto: para moita xente é difícil de entender, véndome cando non dou abasto, que queira parar o tempo. Que as cousas son máis complicadas cando tes fillos, evidentemente. E que as mulleres estamos sendo cuestionadas sempre, tamén: por ser nai ou por non selo, por ser nai e traballar ou por ser nai e non traballar... Eu o que defendo no artigo é o meu punto de vista. Pero penso que este é, sobre todo, un texto sobre os nenos, a súa visión do mundo e o que nos achega.

"Esta é a miña maneira de escribir e son os artigos que máis me gustan, por enriba da opinión pura e dura afastada dos sentimentos"



O xurado aproveita cada ano para defender o seu premio o columnismo literario, insistindo en que o fondo é tan importante como a forma. Para vostede tamén son igual de importantes?

Mira, eu tiña un xefe que sempre me dicía que tiña pretensións literarias. E eu sempre lle contestaba que simplemente esta é a miña maneira de escribir. A min estes son os artigos que máis me gustan. O que non quita que me guste tamén o xornalismo máis estrito e cun estilo máis directo ou frío, se queres. Son estilos diferentes. Pero para min é máis sinxelo escribir así que facer opinión pura e dura apartada dos sentimentos e das emocións. É como me sae. Eu prefiro escribir dende dentro.

"É imprescindible que dende o xornalismo exista un compromiso coa lingua. Cada vez é máis necesario escribir en galego"



Vostede é redactora xefa nun medio local nun momento no que se cuestiona a credibilidade dos produtos xornalísticos clásicos.

Aquí habería que diferenciar o que foi a crise económica, que afectou moitas empresas, e da que penso que se está comezando a saír, doutra cousa que ten que ver con que os medios de comunicación estean en transformación. Neste último caso, todo dependerá da xestión que se faga deste momento. Eu son das que penso que o xornalismo e os xornalistas somos fundamentais para a sociedade. Máis concretamente, o xornalismo local, que é o máis achegado á xente. Penso que hai futuro. O maior perigo agora mesmo é que a xente non sexa capaz de distinguir unha información contrastada con informacións moitas veces falsas que circulan polas redes sociais, por exemplo. Nese sentido, o xornalismo é moi necesario.

Que significa para vostede recibir o Fernández del Riego?

Faime moitísima ilusión. Por un lado, coincide con que lle acaban de adicar o vindeiro 17 de maio a María Victoria Moreno. E, por outro, os meus dous autores favoritos, Manuel Rivas e Manuel Jabois, recibiron premios de xornalismo de Afundación. É un día moi fermoso, cheo de agarimos e, ademais, un recoñecemento como este axuda a darche visibilidade. Unha escribe para que a lean e isto sempre axuda a que te lean un pouco máis. Por outra banda, faime moita ilusión que sexa o Fernández del Riego, porque eu veño escribindo no noso idioma con intención. É imprescindible que dende o xornalismo exista un compromiso coa lingua. Cada vez paréceme máis necesario escribir en galego.

María Varela: "Así é como me sae: eu prefiro escribir dende dentro"
Comentarios