María Roja: "Son unha privilexiada porque atopei un traballo regular, pero a taxa de paro é alta"

Sempre foi moi teatreira. Xa, de pequena, lle gustaba bailar e interpretar. tamén, debuxar e pintar. Por iso, estudou Belas Artes e Arte Dramático. contaba que ía ser actriz por hobby e acabou sendo a súa maneira de gañarse a vida. Por iso mesmo, se considera afortunada. agora vén de gañar o seu terceiro María Casares á mellor actriz secundaria.
María Roja (Lugo, 1982). MIGUEL VIDAL
photo_camera María Roja (Lugo, 1982). MIGUEL VIDAL

Sempre tivo traballo sobre o escenario, algo que tampouco é moi doado. Quixo ser debuxante, quixo ser pintora e tornouse actriz. Tampouco se queixa. E menos agora que esta actriz lucense —con raíces maternas na aldea de Eixibrón, en Tortes (Becerreá)— acadou o seu terceiro premio María Casares á mellor actriz secundaria de teatro.

Vén de recibir o seu terceiro premio María Casares —os dous últimos en dous anos consecutivos— na categoría de mellor actriz secundaria. Contaba con repetir tanto?
Non, entre outras cousas porque esta peza, coa que conseguín este último María Casares, Entrega en man non chegou ás principais capitais teatrais galegas, que son Santiago e A Coruña. Ademais,  tiña unha competencia moi fera.

Só estivo unha vez nominada a mellor actriz protagonista. Quizais para a próxima lle toque levar o premio nesta categoría...
Si, fun nominada unha vez como mellor actriz protagonista, con Martes de Carnaval en 2018. Desde entón, non tiven a responsabilidade de ter un papel protagonista. O que ansío, por suposto.

"Contar cunha lingua propia dálle unha entidade ao teatro galego e crea, á súa vez, un tecido escénico moi forte"

Pasou de licenciarse en Belas Artes a graduarse en Arte Dramática. Como decidiu dar este xiro?
Levo vinte anos traballando e quince dedicándome a ser actriz de forma profesional. Desde pequena sempre fixen teatro pero era un hobby. Por iso estudei Arte Dramático despois de facer Belas Artes en Pontevedra. Alí coñecín unha fauna humana coa que me integrei nun grupo de teatro universitario. Pero nunca vin esta profesión como un medio de vida. Para min iso era irreal. A miña sorpresa foi que empezaron a saír traballos e acabei sendo actriz.

Pero vostede, ao estudar Belas Artes, tamén pintará non?
Si, fixen varias exposicións pero hai uns anos tiven un parón físico obrigado. Unha operación da vista deixoume fóra da pintura dous ou tres anos porque necesitaba moita precisión, dado que eu emprego unha técnica caligráfica, escribindo vou dando forma a imaxes, e requírese moita precisión visual.

Confesa, na súa web, que lle gusta picotear e pasar das artes visuais e escénicas á danza, por exemplo. É vostede unha muller polifacética no escenario?
Si, teño moita versatilidade. Os meus arranques foron máis no teatro contemporáneo (que mestura plástica, movemento e danza). Agora, estou máis en traballos de personaxe e texto. Cando estudaba Belas Artes, descubrín a arte de acción, a performance, e encantoume porque traballo co corpo —e iso gústame porque tamén estudei Danza— e, ao mesmo tempo, hai unha preocupación pola plástica e o concepto. Esa simbiose reunía o que me interesa das artes pero disto é difícil vivir, sobre todo en Galicia. Non hai axendas que programen performance, nin lugares de exhibición. É a irmá menor de todas as artes posibles.

Tivo algo que ver nesa paixón polo movemento o que aprendeu de danza en Lugo, de nena, con Juan Carlos Zahera?
Cando viñemos para Lugo —desde a Costa da Morte, onde traballaban meus pais— eu iba facer eu segundo de EXB e preguntáronme  á hora de escoller unha actividade extraescolar: "Que che gusta facer?". Eu contestei: "Bailar". Foi entón cando me levaron a xunto de Juan Carlos Zahera. E si me marcou porque, cando fago traballos de creación, o corpo sempre está como protagonista, ten presenza en escena. Tamén estiven na compañía lucense Palimoco Teatro, pero iso foi unha colaboración posterior, como profesional.

Vai habendo traballo en Galicia para dedicarse a ser actriz?
Hai unha alta taxa de paro. Eu son unha privilexiada: atopei un traballo regular. Pero hai moita xente á que non chaman e que está sen traballar ou tentando iniciar o seu propio proxecto pero que non consegue ser programada. Máis difícil aínda é mover pezas de teatro ou danza contemporánea. Hai pequenas illas, festivais, pero é todo moi precario. Iso si, o feito de contar cunha lingua propia dálle unha entidade ao teatro galego e crea un tecido escénico forte.

Tamén está facendo un doutorado en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, na Universidade de Vigo. Pretende dedicarse á docencia universitaria no futuro?
Estou matriculada e teño media tese feita, pero téñoa un pouco aparcada. Gústame formarme e a docencia tamén me gusta, pero non é o meu primeiro interese. A min gústame ser actriz.

"Non hai axendas que programen en Galicia performance, nin lugares de exhibición. É a irmá menor de todas as artes"

"A min téñenme rexeitado por ser demasiado vella ou por non estar demasiado cachonda"

Fixo menos series e películas que teatro. Casualidade ou elección?
O que máis me gusta é o teatro polo directo, por ese risco e esa resposta inmediata. Pero tamén me gusta cambiar de rexistro. No cine, fixen Nove fugas, que tivo unha repercusión internacional interesante e veño de dar vida a unha personaxe importante na serie Saudade de ti. Pero é difícil entrar no audiovisual porque hai uns perfís físicos marcados. Hai que ser filla de, moza de ou nai de... para entrar en papeis e se te colle con 40 e pico, non é doado.

É certo que as mulleres dunha idade son rexeitadas polo seu físico?
Hai unha presión moi forte co físico. A min téñenme rexeitado en papeis por ser demasiado vella ou non estar demasiado cachonda.

Pero o físico non garante unha boa interpretación.
Non, a boa interpretación garántese con naturalidade, con saber transmitir e con vernos representadas as mulleres reais nas actrices. O resto é unha ollada patriarcal e machista.

Por certo, é curioso o seu apelido, Roja. É o seu nome real?
Non, o meu apelido é Rodríguez. É un alcume que me puxeron no instituto Xoán Montes, de Lugo, onde estudei. Resulta que eramos tres Marías e a min chamábanme "A Roja" porque tiña o pelo tinguido de vermello e polas miñas ideas políticas tamén.

Comentarios