María Reimóndez, Ledicia Costas y Eduardo Santiago, 'Premios Xerais 2014'

Ledicia Costas, Eduardo Santiago e María Reimóndez foron os gañadores dos premios Xerais 2014 que esta tarde se fallaron na illa de San Simón, en Redondela, e que están dotados con 10.000 euros cada un.

María Reimóndez (Lugo, 1975) coa súa obra Dende o conflito foi seleccionada polo xurado como a gañadora da XXXI edición do premio Xerais de novela.

Ledicia Costas (Vigo, 1979) recibiu o premio Merlín de Literatura Infantil, que celebra a súa XXIX edición, pola súa obra Escarlatina. A cociñeira defunta; mentres que Eduardo Santiago (Pontevedra, 1964) resultou gañador coa súa obra O Gran Reino do Premio Jules Verne de Literatura Infantil, que celebra a súa sexta edición.

O xurado destacou que a obra de Reimóndez é unha novela sobre o periodismo, sobre a guerra, sobre o abismo entre o norte e o sur, sobre a pobreza, sobre a fame, a miseria e a marxinación.

Pero, moi especialmente, é unha novela sobre os afectos, sobre o valor da amizade, do amor, da diversidade e a contradición dos sentimentos. En definitiva, sobre a esencia das cousas que ao final son as realmente importantes na vida", apunta o xurado, segundo a nota difundida pola editorial.

O acto, unha gala literaria e musical, desenvolveuse no auditorio da Illa de San Simón e contou cunha asistencia dunhas trescentas persoas.

Sobre a obra de Costas, gañadora do premio Merlín de literatura infantil nesta edición, o xurado apunta que supón "un singular receitario para criaturas do inframundo, toda unha exquisitez literaria, elaborado con esmero na súa cociña creativa, a partir dunha receita na que todos os seus compoñentes e procedementos foron coidadosamente meditados e que dá como resultado unha narración que ofrece múltiples posibilidades culinarias".

O tradutor Xavier Senín, que actuou como condutor da reunión, recordou no seu discurso, Agasallar palabras, as referencias que Julio Verne no seu libro Vinte mil leguas de viaxe submarina fai ás augas da ría de Vigo, "impregnadas de luz eléctrica".

Senín reivindicou o pracer da lectura, da lectura en galego, en particular, recordou os primeiros autores que o marcaron e cargou contra os recortes en bibliotecas, xa que estes centros actúan como "a gran niveladora social polo seu carácter gratuíto e universal, que forma parte da súa esencia tanto como o saber que atesouran,".

O xurado tamén destacou a obra O Gran Reino, de Eduardo Santiago, gañadora este ano do premio Julio Verne de literatura xuvenil, pola súa mestura de capítulos da realidade literaria cos fantasiados polo seu protagonista nos momentos de vulnerabilidade.

"As entradas e saídas nese mundo fantástico creado pola protagonista conceden aos lectores un respiro na intensa narración dunha vida adolescente marcada pola anorexia, a loucura e a falta de cariño dos pais", asegura Xerais.

Comentarios