María Reimóndez: "Escribir este libro foi como levar un golpe no fígado"

A lucense recibiu este sábado o Jules Verne pola súa obra "Furia" nunha gala na que Xerais tamén premiou a Pedro Feijoo no apartado de novela e a Leticia Barbadillo no de literatura infantil
Os galardoados, este domingo na entrega dos premios Xerais. A lucense María Reimóndez, na fila de abaixo (terceira pola esquerda). XERAIS
photo_camera Os galardoados, este sábado na entrega dos premios Xerais. A lucense María Reimóndez, na fila de abaixo (terceira pola esquerda). XERAIS

A escritora lucense María Reimóndez recibiu este sábado o premio Jules Verne de Xerais pola súa novela xuvenil Furia, nunha gala na que editorial tamén distinguiu a novela Ninguén contará a verdade, de Pedro Feijoo; e obra infantil A botella de lentellas, de Leticia Barbadillo.

"Escribir este libro foi como levar un golpe no fígado", sinalou Reimóndez ao recibir o galardón e agradeceu o conforto que supón saber que "hai alguén na esquina do ring".

Porla súa banda, Pedro Feijoo recolleu o XL Premio Xerais de Novela agradecendo o contacto co público. "Unha das cousas bonitas do Xerais é que sempre buscou un diálogo co lector, que sabiamos que estaba ao outro lado", indicou.

Botella de lentellas é a primeira obra de Leticia Barbadillo e por ela recolleu o Premio Merlín de Literatura Infantil. A autora centrou o seu discurso en agradecer as persoas que a axudaron e a inspiraron no proceso de escrita e dedicou o premio a algunhas das mestras que tivo ao longo dos anos.

O acto, presentado pola xornalista Susana Pedreira, celebrouse no Parador de Baiona para conmemorar as corenta edicións do Premio Xerais de Novela. Deste xeito, Xerais volve a un dos lugares que acolleu algunhas das primeiras edicións da festa.

40 anos de celebración

O director da editorial, Fran Alonso, recordou no seu discurso a diversidade de obras que compoñen o palmarés do Premio Xerais de Novela, unha diversidade que é o "espello dunha narrativa plural, rica e vital".

Do mesmo xeito, fixo referencia ás orixes dos galardóns mencionando Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, "o primeiro título que acadou o recoñecemento social e cultural que o premio procuraba". Tamén aproveitou para salientar que a vocación de Xerais "é a de seguir turrando do libro galego, continuar sendo motor de modernización, seguir sendo peza clave na aposta e na innovación empresarial e continuar abandeirando un constante diálogo coas lectoras e lectores".

O primeiro Premio Xerais entregouse en 1984 e recaeu na obra Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa. O thriller, que ten como protagonista o detective Nivardo Castro acaba de ser relanzado na colección Peto de Xerais e considérase un verdadeiro best-séller, ademais de iniciar o xénero policial na literatura galega, tan presente a día de hoxe.

Comentarios