María López Sández: "Fernández de la Vega é precusor na visión sobre o nacemento cultural da paisaxe"

O papel que desenvolven as mulleres na Real Academia Galega (RAG) está cambiando drástica e positivamente. Pasaron de ser paisaxe externo a integrantes da entidade. María López Sández ingresou este sábado na academia en Lugo cun discurso sobre a paisaxe no ensaísmo galego. O acto tivo lugar no Círculo de las Artes de Lugo.

O traballo de María López Sández (Lugo, 1973) como profesora da facultade de Ciencias da Educación de Santiago avanza sobre o ensino, o galego e a literatura. Considera que estamos nun momento crucial "na situación da lingua". Lugo estará representado no seu discurso de entrada na Academia a través do pensamento e a literatura lucense que se xerou en relación coa paisaxe de Celestino Fernández de la Vega, Juan Rof Carballo, Darío Xohán Cabana e Manuel María.

Vai ingresar vostede na RAG. É muller e nova se o consideramos en termos académicos. Hai un cambio notorio?
A Academia ten un papel social e debe mudar co tempo a medida que cambia a sociedade. É lóxico nunha sociedade que camiña cara á igualdade. A RAG ten retos neses momentos clave na nosa historia en canto á conservación da lingua.

Vostede xa colaboraba coa institución, co Seminario de Sociolingüística en concreto.
Participara na avaliación das competencias lingüísticas do alumnado e sobre plurilingüismo inclusivo no concello de Ames.

É doutora en Filoloxía grazas a un estudo sobre a descrición da paisaxe en relación coa idea da nación a través de Rosalía de Castro, Otero Pedrayo e Méndez Ferrín. A súa intervención para facerse académica tratará do pensamento sobre a paisaxe.
Hai unha continuidade coa miña liña de investigación de pescudar na presenza da paisaxe no ensaísmo desde os textos precursores de Rosalía, dos textos de descrición e estudo de Otero Pedrayo e dos da Xeración dos 50. Como lucense quero facer unha homenaxe a eses integrantes da Xeración dos 50 que confluíron no estudo da paisaxe.

A paisaxe é esencial na consolidación do ensaísmo galego no franquismo porque non parece un tema político

Celestino Fernández de la Vega é relevante cando analiza a paisaxe.
Fernández de la Vega ten unha fondura teórica enorme, como pode verse no libro Abrente e solpor da paisaxe, é dicir, que fala do amencer e a posta do sol da paisaxe. Fala do nacemento cultural da paisaxe no romanticismo como ollada estética do mundo natural e da súa morte coa visión da metafísica de Nietzsche. Celestino é un precursor ao falar dese nacemento cultural que tivo influencia noutros pensadores. Considera que a poesía está máis cerca da paisaxe que a pintura, cando adoita pensarse o contrario. Falamos estes días da autorrepresentación da muller polo 8-M, o mesmo que ocorre coa poesía. Celestino Fernández de la Vega fala de que os poetas canalizan a voz da paisaxe.

O pensador lucense sitúa no romanticismo como nacemento cultural da paisaxe. Rosalía é posterior ao romanticismo. Pode ser a paisaxe un elemento de continuidade?
O seu libro sobre a paisaxe aparece en 1958. Fala da voz dos poetas e cita moitos, pero tende máis á reflexión teórica que a buscar nunha poesía concreta. Juan Rof Carballo tamén tira dos poetas no seu ensaio Realidade da terra nai. A paisaxe é esencial na consolidación do ensaísmo galego no franquismo. Penso que porque non parecía un tema político, polo que era máis fácil que pasase o control da censura. Pero toda descrición é un acto político. Rosalía de Castro reivindica en Cantares gallegos a natureza, a lingua e a cultura galegas, e iso é o acto político máis poderoso do noso século XIX.

Ocúpase da oratoria galega durante a ditadura.
Hai tres discursos públicos en galego de Otero Pedrayo durante a ditadura que son interrompidos polos franquistas cantando o ‘Cara al sol’. Para os franquistas o que non era folclórico era problemático. A filosofía non lles encaixa. Sabían que a forza da voz humana de Otero Pedrayo nun discurso público movía afectos.

Vai reclamar a voz de Darío Xohán Cabana. Sentará na cadeira que ocupara el.
Darío ocupou a cadeira de Manuel María. Ambos son de Lugo e eu quero homenaxealos.

A paisaxe é fundamental na poesía de Manuel María e, talvez en menor medida, na de Darío Xohán Cabana.
Darío non é unicamente poeta, aínda que fose sobre todo un artesán da palabra.

Ocuparei a cadeira de Darío, el ocupou a de Manuel María; quero homenaxealos

Existe a impresión de que hai douscentos anos a visión da paisaxe na literatura era máis descritiva e pasou a ser máis política.
Esa visión xa é política no século XIX. Xorde o nacionalismo. A paisaxe e a lingua empezan categorías simbólicas da nación. O gran cambio xa se dera en campos como a xardinería ao pasar do xardín xeométrico francés ao xardín inglés, que imita a ratureza. Nese momento empeza a valorarse a paisaxe, a montaña, o mar, o alpinismo como actividade cultural,... é unha visión que aínda nos marca.

O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín inflúe na nosa recreación literaria da paisaxe.
Ferrín dá un xiro posmoderno a unha visión esencialista que non era sostible. O que fai entón é apuntar a que non se pode soster racionalmente, pero pódese soster poeticamente. Na súa novela ‘Retorno a Tagen Ata’ (1971) hai advertencias de que fai un xogo porque non se pode ter un ruralismo inxenuo, pero defende usalo porque ten forza poética.

Non constata unha melancolía do rural na creación actual?
Filosoficamente non se pode sentir melancolía do que non se tivo. O pasado xa está construído. A melancolía ten máis de construción utópica que de sentir melancolía polo que non se coñeceu.

"Hai moitas memorias dun neno labrego vivas como para que o rural perda centralidade" 

A nova académica estima que a mirada que hai na Galicia actual cara á paisaxe non variou de xeito esencial.

Os creadores galegos da actualidade falan da paisaxe desde un punto de vista urbano, idealizada en consecuencia?
Continúa sendo un dos grandes temas. Non hai unha visión tan diferente. Hai demasiadas ‘memorias de nenos labregos’ vivas como para o mundo rural perda o seu papel central. Existe unha tensión entre o rural e o urbano. Percíbese unha procura na aposta polo urbano como un desexo de modernidade. Hai unha visión disfórica do urbano. O imaxinario encerrado na ruralidade.

Cales son as manifestacións dese liña de pensamento que me comenta?
Hai unha auxe do ecoloxismo que responde a unha nova relación con territorio.

Comentarios