María do Ceo: "Quería dedicar un disco a Galicia a través da muller"

A artista lusa afincada en Ourense desde que tiña 10 anos gravou un álbum de homenaxe ao país de chegada polo cuarto de século de carreira e ábreo co poema 'A fala' de Manuel María
María do Ceo. AEP
photo_camera María do Ceo. AEP

María do Ceo era Maria do Ceo ata que casou. A diferenza é cativa, un acento sobre o í. A cantante é portuguesa, polo que escribía Maria. "Pero casi co tipógrafo dunha imprenta e me corrixía todo o tempo". Ese signo ortográfico carecía de importancia porque o seu vínculo co seu Porto natal é maior e profundo, unha saudade que ela expresa a través do fado.

A familia estableceuse en Ourense en 1970. "Nos primeiros anos o xeito que tiñamos de recordar Portugal era cantar fado", indica. O seu pai era pintor de paredes. Cando remataba a xornada baixaba cantar música popular á Ribeira. Toda a noite, ata que o ceo se volvía transparente.

Este ano cumpre 25 de carreira. Quixo remarcalo dedicando un álbum, Galicia nai, ao país ao que chegou con dez anos. Son doce temas, que abre con A fala e pecha cunha versión de Adiós ríos, adiós fontes. "Admiro moito a Manuel María. Apetecíame abrir o disco cun poema seu que trata a fala".

María do Ceo traballa desde hai catorce anos co letrista ourensán Armando González. Escribiron o Himno do Couto Mixto, o territorio galegoportugués que non pertence a Galicia nin a Portugal.

"Pedínlle que escribise unha homenaxe a Galicia desde o punto de vista da muller galega", de onde sae a canción que dá título ao traballo. Tamén é seu Morada de bágoas, que denuncia o maltrato ás mulleres. A cantante subliña que «é un poema duro, crudo; pero hai moitas mulleres pasando por iso», remarca.

Oito das doce cancións do álbum foron compostas pola artista. Outras tres son fados tradicionais. "Podes poñer a letra que queiras a un fado, así que canto Sin niño de Rosalía de Castro co Fado de Vianinha; Así era eu de Xosé Neira Vilas, co Pechincha, e Tres ríos de Neira Vilas, co Fado Alberto".

O colaborador de El Progreso Xosé González Martínez escribiu un prólogo no libro que acompaña ao disco. Tamén achegou o poema Espranza do revolucionario Pepe Velo. Pasou a escolla, igual que Teño unha dor de Ricardo Carvalho Calero. "Quedaron moitos poemas fóra. Terei que facer un Galicia nai II e despois, un Galicia nai III", di a artista.

María do Ceo asiste con interese aos movementos que fan avanzar o fado nos últimos tempos, pero ela mantense no ámbito da tradición. "Eu canto á moda antiga, visto de negro con chal. A estes artistas novos pásalles como nos pasa a todos, que en directo pídenche Lisboa antiga, Uma casa portuguesa e Habemos de ir a Viana", di.

Os músicos cos que gravou son galegos. Figuran entre eles o tipógrafo que lle correxía, Xosé Salgado, na guitarra española, e fillo de ambos, Álex, na portuguesa. María do Ceo recoñece que non precisa aportuguesalos. "Eu canto fado miñoto, que vai dende o río Douro ao Eo", define, cun estilo que mestura "a tristeza lusa coa dozura galega".

O pai da artista deixou de cantar polos bares da Ribeira sendo ela pequena. O seu pai finou en 1990, con 58 anos; antes de que ela debutase co grupo Alfama, en 1997. "Cando collía a guitarra emocionaba coa melancolía e saudade ao cantar. Gústáballe vivir. Está comigo cando actúo", lembra a cantante.

Comentarios