Margarita Ledo: ''El cine es un elemento que nos explica y que nos fabula''

(Foto: AGN)
photo_camera (Foto: AGN)

Escritora, autora de cine documental e catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) vén de recibir o primeiro Premio Nacional da Cultura Galega na modalidade de Cinema e Audiovisual.

Con 19 anos publicou o seu primeiro poemario Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, e tres anos despois, O corvo érguese cedo. Son seus tamén o libro de relatos Mama-fé e as novelas Trasalba ou Violeta e o militar morto e Porta blindada, e proximamente sairá un relato infantil, O Serrote do Gil, tamén da súa factura.

Ten publicado numerosos estudos e ensaios sobre o sector xa dende os anos 80, pero non foi ata o 2004 cando se decide a crear as súas propias producións audiovisuais. Nese ano dirixiu e guionizou a longametraxe documental Santa Liberdade e recentemente estreou outro documentario, Liste, pronunciado Líster. Ademais, tamén é autora da curtametraxe Lavacolla, 1939 e da mediametraxe Manuel María.

Pregunta: Que supón para vostede recibir este primeiro Premio Nacional da Cultura Galega?

Resposta: Por unha banda, é o recoñecemento á miña propia práctica e consideración do cinema e do audiovisual como parte da creación cultural. Por outra, síntome moi cómoda no adxectivo nacional, creo que é efectivamente o que podo representar, porque fago cine e audiovisual dende un tipo de tradición non moi ampla a nivel cuantitativo, pero si moi profunda.

P: Case ao mesmo tempo, convértese na quinta muller na Real Academia Galega, ten a muller un papel representativo na cultura galega?

R: Se me preguntas por unha personaxe fundadora, sempre temos que írmonos a Rosalía de Castro. Na cultura galega, e se a pensamos vencellada ao termo nación, que aparece a mediados do século XIX, a figura central que dá o paso a publicar en galego é Rosalía.

Eu considérome herdeira desa tradición nacional que empeza no XIX, como en toda Europa, construíndo a nación a nivel cultural e a nivel político e a representante nese momento, é Rosalía. Considero que non é algo que emerxa a día de hoxe, pero si é verdade que fomos recuperando de novo o noso papel na esfera pública, e esta é unha parte máis nese papel.

P: É o seu referente?

R: Si, no sentido de que traballou como a autora da industria cultural galega daquel momento que era fundamentalmente a industria do libro. Rosalía publica e escribe en galego para publicar en galego, non para gardar nunha gaveta ou para expresarse a nivel íntimo, porque pasa a considerar a obra creativa como parte da construción do espazo público e da cultura. E considero que iso no cine e no audivisual é constitutivo. Fas cine para o público, o cine existe no momento da proxección.

Cine e compromiso
P: E no eido cinematográfico, de quen se sente herdeira?

R: De Carlos Velo, obviamente. A primeira vez que despois da autonomía hai un recoñecemento institucional a un cineasta é a Carlos Velo. Se teño que dicir de que cine me sinto herdeira, é dun cineasta como Velo, que fixo sobretodo cine documentario, que renovou a linguaxe do documentario, que traballou en tempo presente, cos temas que no seu momento o sensibilizaban, e por onde foi pasando, foi uníndose á cultura do lugar.

P: Dende Santa Liberdade a Liste, pronunciado Líster teñen en común o compromiso...

R: Si, teñen un compromiso que aparece nos temas que escollo, pero tamén un compromiso de linguaxe, un compromiso autoral, un compromiso co cine como cultura contemporánea e un compromiso comigo mesma, coa miña traxectoria creativa, por tanto, é onde cristaliza todo o que fago noutros ámbitos.

P: Que ten que ter unha historia para merecer o seu interese?

R: Que teña a posibilidade de incluír todo o que a nivel de material que me interesa: a voz, o non manifesto, por exemplo, en historias que parecen moi masculinas, sempre despois o papel preponderante é moi feminino, tanto en 'Santa Liberdade' como en 'Líster', esa segunda parte, ese reverso me interesa moito e coido que o cinema nos fai ver, pero un pouco máis alá do que é evidente. E coido que no noso caso merece moito a pena tentar levar a ollada un pouco máis alá.

'A Costura'
P: Está preparando algún proxecto?

R: Neste momento estou metida de cheo co final de curso e co discurso de ingreso na Academia. Pero a nivel cinematográfico si que ando cunha idea que ten que ver co feminino, que se chama A Costura. Ten que ver coa acción de coser e tamén coa acción de sutura, de unir fragmentos.

P: Fragmentos de que?

R: Creo que a aparición e a propia expresión e o propio recoñecemento da muller sobre si mesma foi sendo tronzada por razóns históricas e culturais dunha maneira moi evidente, ata o momento actual, no que se tronza xa fisicamente, coa morte. Fronte a iso, a muller, en calquera ámbito, cando sae á superficie, trae consigo toda esa herdanza, e sutura todos eses fragmentos herdados e consigue recuperar o corpo, a palabra e o sentido.

P: O feito de que se lle dea o premio a unha persoa cunha obra de creación escasa e moita investigación sobre o audiovisual, significa que neste momento no audiovisual galego é máis necesaria a reflexión que a produción?

R: A nivel de pensamento, non é unha obra escasa, dende a miña tese no ano 86, ata hoxe van 21 anos. Dende que empezo a realizar, no ano 2004, en catro anos fago dúas longametraxes e tres curtas e unha mediametraxe, máis un traballo de construción dos materiais de Galicia de Carlos Velo, que se presenta no Pompidou para a exposición A Galicia moderna. Que en tres anos se estreen dúas longametraxes da mesma autora, e máis no documentario, é moi singular, sobretodo cando é cine independente e autoral. Polo tanto, é unha obra moi intensiva dende que comezo, e que como catálogo seguramente é máis longa que outros moitos autores que poidan levar tempo.

Audiovisual galego
P: Cal é a saúde do audiovisual en Galicia?

R: Depende de moitos factores. Preocúpame que estean desaparecendo salas, que non haxa espazos estables onde exista unha programación onde poida construírse tamén un público. Preocúpame que na televisión pública de Galicia non existan estes espazos onde ver cine galego dunha maneira regular. Preocúpame que tamén teñamos que seguir suturando fragmentos. Pero son procesos que se dan aquí e en moitos lugares neste momento.

P: O sector audiovisual vén de ser declarado sector estratéxico, cara onde se vai desenvolvendo?

R: Foi declarado estratéxico xa na Lei do Audiovisual de Galicia no ano 1999, e como case vai unha década habería que ir facendo balance das políticas públicas arredor deste sector. O que si é verdade é que ultimamente as empresas privadas do audiovisual parece que queren asumir toda a representación do audiovisual, e é un elemento máis. Sempre hai que defender un espazo para a produción independente, de baixo orzamento, con todas as posibilidades de acceso aos circuítos para chegar aos espectadores.

P: E como profesora de Comunicación Audivoisual, como ve o futuro?

R: Eu sempre son relativamente optimista porque o vexo moi vencellado á dinámica cultural de Galicia. O cine é un elemento que nos explica, que nos fabula, que nos permite xogar co imaxinario e transformar o real a través do imaxinario e creo que iso é fundamental en calquera sociedade para a súa expresión e reprodución. Para min representa ese un e múltiple que é a cultura e ten un efecto que nos leva a pensar o imposíbel e a ver que iso se pode realizar. Neste sentido, coido que é unha das pezas máis representativas da cultura a día de hoxe.

Comentarios