Marcos Pereiro: "Estou dado de alta como actor e como fotógrafo"

O excompoñente do dúo de humoristas As Canteiras de Ardebullo mantén unha carreira de facer imaxes que exerce paralelamente á de interpretación en televisión, cine e teatro coa que se volveu famoso

Marcos Pereiro. EPMarcos Pereiro viaxa varias veces ao ano a Velázquez, en Madrid. Non se dirixe exactamente á rúa, senón que atravesa o Retiro para entrar no Museo del Prado. Senta fronte ás pinturas do artistas sevillano do século XVII cun caderno e traza uns debuxos.

"Como estudante era un desastre. Non acabei o instituto". Con 15 anos apuntouse a Pintura no Laboral de Culleredo. O primeiro día notou un olor intenso. Os fotógrafos din que nada recende coa mesma alegría que o fijador de revelado, que é como café que permite camiñar pola mañá. Os fotógrafos respiran polos ollos.

Guiado polo recendo, Marcos desviouse da aula pictórica e entrou na contigua. Quedou parado na porta, inspirando; pero xa marchara daquel lugar.

Nacera en 1981 en Albstadt, unha cidade do suroeste alemán situada entre Sttutgart e o lago Constanza, que hai medio século que non xela para cruzar a Lienchenstein nin a Suíza. "Na casa de enfronte vivía un fotógrafo, de quen a miña nai dicía que era moi bo, que gañara o Premio Nacional de Fotografía de Alemaña". A aquel home divertíalle o cativo fillo dos gastarbeiter que emigraran de Galicia e permitía que arga-llase no seu laboratorio mentres traballaba. Era un neno curioso, facíalle compañía.

"Entrei no laboratorio de Culleredo e notei o cheiro a fixador. Lembreime con 2 ou 3 anos". Cambiou de formación. Estudou un ciclo superior de Fotografía Artística. Con 20 anos contratouno o xornal El Entorno Metropolitano, de Cambre. "Foi un desastre".

No colexio de Tarrío (Culleredo) coñecera a Xosé Antonio Touriñán. Empezaron a facer teatro, insistiron e acabaron sendo o dúo de cómicos As Cantareiras de Ardebullo en 2002. En seis anos empezaron a ascender en Luar, que é a escaleira ao ceo do espectáculo galego. Foron os reis da comedia coa Gayoso como director de pista. Despois empezaron a ter espazos propios e a cambiar os platós polos escenarios e as rodaxes.

Nunca deixara a fotografía de todo, era un hobby; pero non chegara a ter un proxecto persoal

Marcos era, fundamentalmente, Nucha, unha señora rural que daba a réplica a Mucha. A fotografía non quedou esquecida, pero si afastada. "Houbo un xantar no que falamos de Lázaro Quintela, un gran fotógrago, e animeime". Comezou a levar a cámara dixital cando ía aos ensaios. "Sempre teño a cámara en M", na función manual, na que o artista decide a apertura de lente e a distancia.

baena-06205Nos tempos de espera fotografaba outros actores e aprendía dos técnicos de iluminación. "Fixen a foto fixa de Unha noite na praia, de Touriñán e Carlos Blanco. Tirei varias fotos deles coa iluminación da obra, pero despois leveinos a un curruncho escuro para retratalos". As imaxes da versión teatral de Fariña tamén son súas,como as de Mariachi. "Estou dado de alta como autónomo de actor e de fotógrafo. Fago encargas e sesións". Cándido Pazó, Morris, Miguel de Lira, Santy Romay,... a súa xeneración de intérpretes está catalogada visualmente en marcospereiropics.com

"Nunca deixara a fotografía de todo, era un hobby; pero non chegara ter un proxecto persoal". A súa disciplina favorita é a documental, a imaxe quitada na rúa. "Gústame a sensación de ir vou andando e ver a foto e, antes de mirar pola cámara, xa a vou axustando e entón tiro. O mellor de quitar fotos na rúa son os personaxes, como se encadran nun ambiente. A miña tendencia é fotografar maiores, gústame documentalos, saber que quedarán".

Marcos Pereiro ten na memoria a estrutura de Las meninas o El triunfo de Baco. "Velázquez sabía colocar os personaxes. Non hai nada que inventar". Tamén lle gusta o expresionismo abstracto norteamericano; Rothko, nomeadamente, aínda que os xogos de luz do letón parecen máis afastados da fotografía.

O seu arsenal está composto porcinco aparellos. "Unha cámara de pracas, unha dixital, unha de medio formato e tres de carrete; pero teño máis lentes que cámaras, vou cambiándoas e adaptándoas. Teño unha montura de Leica de 35 milímetros fabricada hai corenta anos. Ocupa pouco e é manual", apunta deixando arrastar pola diglosia da única lingua na que se comunican os fotógrafos: as lentes, os obxectivos, as luces. Cando é actor fala en galego.

No tempo no que todo o mundo se fai selfies, o máis difícil é facerse un autorretrato

"Teño unha cámara de pracas, unha desas de caixa de madeira e fol nas que metes a cabeza baixo un pano, un modelo que imita os de 1900. Encargueina e comprei as lentes por internet. Unha lente desa cámara ten corenta ou cincuenta anos".

Tras fotografar toda a profesión, recoñece que o máis difícil ésituarse ambos lados da Leica de 35 milímetros. "Nos tempos nos que todo o mundo se fai selfies o máis difícil é o autorretrato". Non lle gusta expoñerse. Menos expoñer.

marita-05386O Festival de Curtametraxes de Noia propúxolle presentar en público o seu traballo artístico nesta edición. Será a primeira oportunidade na que colga a súa obra. "Aceptei porque sabía que debía facelo algunha vez". A proposta era tan rigorosa que "mesmo hai comisaria, Ariadna Silva". Será unha mostra duns vinte retratos nos que aparecen colegas como Touriñán, Blanco ou Sergio Zearreta, "e cousas intermedias", ata sumar medio cento de imaxes.

A parte que máis o desconcerta dese proxecto "é elixir". "Aprendín a elixir nos últimos anos, a saber como se narra unha historia cunha fotografía".

Somos ao que xogamos de pequenos. "Eu empezara pola química. Xogando a revelar. O revelado é o que máis me gusta, porque é de onde a quitas fotografía. Sigo revelando. O meu estudo está na casa. Revelo de noite para que non haxa ningunha regaña de luz. Uso o tanque, na cociña. Debo ter coidado na cociña cos produtos químicos. As mesturas fágoas no baño. Agora non positivo. Fánmo nunha tenda de Carral". Como amante do revelado vive só.

Comentarios