Manuel María, "pedra angular" da música galega contemporánea

Un simposio do autor na Coruña seguiu coas achegas á narrativa, historia e teatro
Participantes na segunda xornada do Simposio Manuel María da Coruña
photo_camera Participantes na segunda xornada do Simposio Manuel María da Coruña

A narrativa, o xornalismo cultural, a historia no teatro, a súa condición de "pedra angular na creación da música galega contemporánea", as achegas á construción dunha educación literaria en galego e a importancia da lingua na vida, na obra e no pensamento de Manuel María foron parte dos temas abordados onte na segunda xornada do simposio dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas 2016.

O encontro rematará este xoves con máis relatorios, unha mesa de debate sobre poética e poesía e a proxección do documental ‘Eu son fala e terra desta miña terra’, da académica Margarita Ledo, ás 19.30 horas. Todas as actividades se desenvolven na sede da RAG (rúa Tabernas, 11, A Coruña) e son de entrada libre.

Camilo Gómez Torres, autor da primeira tese sobre Manuel María, abriu a segunda xornada cunha conferencia sobre a biografía e a creación do homenaxeado. Deseguido o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, moderou unha mesa de debate sobre a narrativa do escritor chairego con Mercedes Queixas, Carmen Fernández Pérez Sanjulián e Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Queixas recordou que a obra narrativa de Manuel María abrangue máis de sesenta relatos "que nacen e medran, en paralelo, á expresión escrita máis popular e recoñecida, a poética, mais tamén á dramatúrxica e ensaística".

Fernández Pérez Sanjulián centrou a súa intervención nas colaboracións do autor no semanario A Nosa Terra, onde co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova publicou desde 1977 case trescentas entregas na sección ‘Andando a terra’ que constitúen "un magnífico exemplo do xornalismo cultural da segunda metade do século XX". "Estas achegas xornalísticas son un microcosmos onde se pode observar con claridade a liña ideolóxica que, a modo de columna vertebral, organiza o pensamento do autor, e que non é outro que a afirmación de Galiza como nación. Este discurso desenvólveo ao longo de toda a súa produción literaria", expresou a profesora da Universidade da Coruña.

O tamén profesor da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato foi o encargado de analizar a lingua na vida, na obra e no pensamento do escritor, que non se limitou a dar testemuño persoal de coherencia e compromiso no uso constante do galego. Tamén se implicou na causa da súa dignificación e normalización social e defendeu, "con certeza", o concepto de normalización lingüística fronte ao de bilingüismo. "E por ela loitou tanto desde a súa acción sociopolítica militante como desde a súa obra poética, ensaística, narrativa ou teatral, pois a reivindicación e defensa do idioma propio é un tema constante en toda a súa produción. Descualificou, por consecuencia, o bilingüismo como solución alternativa á normalización e criticou aquelas persoas que desertan do idioma propio ou que mostran deslealdade cara a el", concluíu.

Comentarios