Manuel Lourenzo, novo Premio Celanova Casa dos Poetas

Manuel Lourenzo (esquerda) participou na popular serie 'Mareas Vivas'
photo_camera Manuel Lourenzo (esquerda) participou na popular serie 'Mareas Vivas'

O escritor e dramaturgo Manuel Lourenzo recibirá este domingo o Premio Celanova Casa dos Poetas. O galardón, organizado pola Fundación Curros Enríquez en colaboración co Concello de Celanova, pretende homenaxear cada ano a un galego que ao longo da súa vida "se teña significado pola defensa dos valores culturais de Galicia".

A Fundación decidiu concederlle o XXIII Premio Celanova Casa dos Poetas ao dramaturgo polo seu compromiso en prol do teatro galego e universal, como "espello dos problemas sociais e existenciais aos que se enfronta o ser humano".

Lourenzo recibirá unha medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano, que reproduce por unha cara a casa de Curros Enríquez, e pola outra, cinco C concéntricas que simbolizan os elementos identificativos do premio: Casa dos Poetas, Curros Enríquez, Celanova, Castor Elices e Celso Emilio Ferreiro.

O premio consistirá tamén nunha placa de prata que resume a acta do acordo para dar fe da concesión do premio, mentres que Lourenzo asinará no libro de honra. O acto celébrase cada primeiro domingo de setembro posterior ao 31 de agosto, data de falecemento de Celso Emilio Ferreiro.

Ao longo do día, sucederanse actuacións musicais, a ofrenda floral diante do monumento de Celso Emilio Ferreiro, e un recital de poemas de Celso Emilio Ferreiro e Curros Enríquez. Na entrega do premio intervirán o presidente da Fundación Curros, Antonio Moriño, e o escritor Henrique Rabuñal, que se encargará da laudatio.

Fundador do teatro galego contemporáneo
Manuel Lourenzo naceu en Ferreira do Valadouro (Lugo) no ano 1943. Autor de aproximadamente 150 obras dramáticas ten unha intensa actividade como actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, traductor e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais.

O gañador do XXIII Premio “Celanova, Casa dos Poetas”, membro da xeración “Abrente”, foi un dos fundadores do teatro galego contemporáneo nos anos 60, xénese vencellada ó Festival de Teatro de Ribadavia.

Premio Nacional de Literatura Dramática, a Fundación Curros Enríquez, Lourenzo desenvolve dende hai corenta anos unha incansable actividade no eido das artes escénicas, en Galicia e dende Galicia.

Comentarios