Martes. 25.06.2019 |
El tiempo
Martes. 25.06.2019
El tiempo

MANUEL DE LORENZO, ESCRITOR E COLUMNISTA

Manuel de Lorenzo: "Escribir chegou a ser adictivo"

Manuel de Lorenzo. JAVIER PROL
Manuel de Lorenzo. JAVIER PROL

"Se non puidera gañar a vida con isto, faríao igual". A confesión é de Manuel de Lorenzo, avogado reconvertido en columnista, agora novelista, que comeza o seu debut literario 'rectificando' ao poeta Félix Grande. "A aquel lugar onde fuches feliz, sempre hai que volver"

"Hay lugares de los que uno nunca regresa del todo. De los que no es posible volver intacto. De los que no es posible salir ileso. De alguna manera, una parte de nosotros se queda para siempre en ellos". Son as primeiras palabras do debut literario de Manuel de Lorenzo (Ourense, 1981). Aparecen na nota do autor que precede o inicio da historia que protagonizan Lucía e Julián. O columnista de Diario de Pontevedra e de El Progreso vén de publicar Todo lo demás era silencio, unha novela sobre o medo, a dor e a perda.

"Quería ganarme la vida decentemente, pero terminé siendo escritor". Vai ter que comezar explicando por que escribir non é decente.
Sen problema ningún! (ri) Non, a ver, iso é un exercicio de retranca, claro. Pero si que é verdade que a min a vida me foi levando por este camiño, que non era o marcado inicialmente. Eu estudei Dereito. Despois preparei oposicións... Ao fi nal, o azar quixo que alguén lera uns textos que publicaba nun blog e pensara que podía valer para escribir artigos. Así me metín en toda esta historia.

Quen son Lucía e Julián?
Lucía e Julián son, en realidade, moitas parellas. Cando un ten que escribir ficción, polo menos no meu caso, é moi complicado crear unha realidade a partir da nada. Así que eu o que fi xen foi basearme en xente e en historias que coñezo. Ninguén é exactamente Lucía. Ninguén é exactamente Julián. Pero construínos a partir de experiencias persoais reais. Fáloche dos personaxes e tamén da historia. É fi cción ao cento por cento, pero parto da realidade que coñezo. Eu non sería capaz de escribir unha historia dun neno da India ou algo semellante.

Columnistas
"Que teñen que ver entre si Nacho Carretero e Juan Tallón? A verdade, non penso que exista aquí escola ningunha"

Tardou moito en dar coa historia que buscaba para esta novela?
Eu o que tiña claro era que quería contar unha historia onde os grandes temas foran estes: a dor, o azar, a perda... A miña intención era falar sobre a condición humana. A verdade é que tiña outra historia na cabeza, pero fun ver a un amigo, a Santiago Jaureguizar, que me escoitou moi atento durante hora e media na súa cociña para concluír que o que lle estaba a contar era "unha porquería". Explicoume el, que algo sabe disto, que estaba intentando entrar no mundo editorial cunha historia que non era miña e que iso era un erro. O seu consello foi: intenta comezar contando algo teu. Comezar coa novela foi complicado porque recibín un bo consello en forma de labazada.

Precisamente Jaureguizar referíase a vostede no seu último artigo do suplemento Táboa Redonda como un "experto en azar". E iso?
Non o lin aínda! Supoño que ten que ver con que sabe que ao longo de toda a novela planea unha refl exión sobre o que é o azar e como funciona. O azar é un engranaxe perfecto no que todas as pezas fi - nalmente encaixan e o que acaba sucedendo en cada instante sucede así porque non podería suceder doutra maneira.

O destino?
Non, non ten que ver co destino. Non digo que non escollamos ou que non haxa alternativas. O que digo é que as cousas suceden dun xeito concreto porque todas as pezas encaixaron para chegar aí. Na novela, algo que lle sucede a Lucía, e todo o que confl uíu para que lle sucedera, determina o desenvolvemento da historia.

Na nota do autor que precede ao primeiro capítulo desmente ao poeta Félix Grande e os seus versos: "Donde fuiste feliz alguna vez/ no debieras volver jamás (...)".
É unha temeridade desautorizar a Félix Grande (ri). Pero eu non o desminto! Digo que iso é "unha verdade equivocada". Porque eu si que penso que, a aquel lugar onde fuches feliz, sempre hai que volver. Por que non ía quedar alí un pouco de felicidade? Por que non tratar de ir buscala?

Haberá máis novelas?
É curioso: escribir chegou a ser adictivo. Erguíame pensando en Lucía e en Julián. Deitábame pensando en Lucía e en Julián. A miña vida chegou a xirar arredor deles. Cada cousa que vía, lembrábamos. Chegou un punto no que quería saír xa de aí, rematar a novela. Pero, ao mesmo tempo, non quería. Como se fose unha droga. Así que unha vez rematada a escritura, non me quedou outra que poñerme cunha historia nova. Aínda está nunha fase embrionaria, pero aí está. Necesitábao. Como unha adicción, xa digo.

Vostede forma parte dunha xeración de columnistas e escritores galegos entre os que están Juan Tallón, Rafa Cabeleira, Manuel Jabois... Séntese parte dese grupo? Teñen que ver uns cos outros?
Eu teño que ver con todos eles moitísimo. O que non comparto é a necesidade de poñernos unha etiqueta, de forzar unha explicación que nos xustifique como grupo. Somos xente que temos moitísimo que ver entre nós, porque ademais somos amigos, e que ao mesmo tempo non temos nada que ver. Que teñen que ver entre si Nacho Carretero e Juan Tallón? A verdade, non penso que exista aquí escola ningunha.

Dicía Gabriel García Márquez aquilo de que escribía para que o quixeran. Vostede para que escribe?
Eu o que sei seguro é que, se non puidera gañar a vida con isto, faríao igual. Gústame moitísimo. Indo ás entrañas, a resposta máis honesta que podo dar ten que ver co ego. Polo menos no meu caso, hai un punto de vaidade en todo isto, na idea de ser como os teus ídolos, de superalos incluso... Ata que acabas totalmente absorbido e xa non hai volta atrás.

Manuel de Lorenzo: "Escribir chegou a ser adictivo"
Comentarios