Sábado. 17.11.2018 |
El tiempo
Sábado. 17.11.2018
El tiempo

Manuel Jorge, de ter 23 suspensos en Debuxo a expor no Museo e Chantada

O presidente da Deputación presidiu a inauguración da mostra no Museo Provincial. AIDA SOENGAS
O presidente da Deputación presidiu a inauguración da mostra no Museo Provincial. AIDA SOENGAS

O pintor chantadés regresa a Galicia aos 89 anos cunha retrospectiva dos seus 2.000 cadros

A Manuel Jorge (Chantada, 1929) non lle chamaba o debuxo. Trazar casas acabou sendo o seu modo de vida. Cando era estudante de bacherelato conseguía aprobar Debuxo presentándolle á profesora traballos feitos por un irmán. Non era falta de talento, senón desleixo. "Non me chamaba a atención", confesa xuntando os ombros.

Aínda tardou en prender nel o afán de facer arte. "Cheguei a Madrid, en 1947, feito un salvaxe; foi o primeiro sitio no que vin un museo", confesaba a Televinte hai dous anos Manolito da Fonte Arcada.

Con outros dous aspirantes a artista decoraba portais dos barrios bonitos de Madrid, en edificios poderosos con porteiro traxeado

Aquel rapaz criado no Faro, na casa da avoa Balbina, marchara á capital de España para ingresar en Arquitectura. Logrouno despois de sete anos, tras 22 suspensos en Debuxo. O debuxo, o obstáculo de sempre. O artista bota a culpa a que "non tiña contactos", pero logo confesa entre liñas que dedicaba o horario lectivo "a visitar museos porque nas clases non aprendía nada". Aprendeu máis contemplando os cadros negros de Goya. Co seu exemplo foi consciente da luz, desa "luz escura de Galicia que levo dentro". Daquela empezou a seguir clases de pintura.

As primeiras encargas requeríanlle unha luminosidade maior. Con outros dous aspirantes a artista decoraba portais dos barrios bonitos de Madrid, en edificios poderosos nos que un porteiro traxeado che subía a compra á casa. Cos primeiros billetes cobrados marcharon a Ibiza.

Ao igual que Goya o espertou á pintura, a illa espertouno á súa profesión. «Cando vin a arquitectura mediterránea, díxenme: "Esta é a arquitectura que quero facer eu", recordaba para a TVG.

En 1959 conseguiu o título compulsado que o cualificaba de arquitecto, pero volveu a Chantada para lograr o título de pintor, unha acreditación que buscou sen unha formación regrada, aprendendo pola súa conta. Pero a vila galega estaba a moitas horas de tren dos centros de artes. Marchou a Menorca, tras a luz que clarexou o periplo marítimo de Ulises. Ao ano seguinte cambiou novamente de asentamento.

Os artistas, as suecas e Hollywood convertiran as bisbarras de La Selva e L"Empordà no lugar no que había que estar. Incomodaron aos nazis que se refuxiaban na discrección das súas vilas inmaculadas e bautizaron a zona como Costa Brava. Manuel Jorge acudiu a Cadaqués, onde coñeceu a Chistina Snellmann; pintora, finesa e futura muller súa.

Pasaron unha tempada en Chantada ata que Chistina atopou un lugar para ambos os dous no mundo en 1963. Era un terreo na costa valenciana, en Jávea. "Fixemos unha casa. Botamos sete anos sen luz e sen agua corrente. Viviamos co sol. Traballando moito. Fomos felices".

A vivenda chamou a atención na zona e empezaron a pedirlle que debuxase casas: ao mesmo Manuel Jorge, que facía trampas para aprobar Debuxo e que gastara 22 intentos en vencer as esixencias imposibles dos tribunais de ingreso na carreira.

Os seus proxectos arquitectónicos son coma cadros: individuais, concretos, coidados en cada detalle. A costa de Jávea está enxalzada polo seu traballo, pero non é fácil disfrutalo. As casas que deseñou son case invisibles polo seu empeño en sometelas á contorna para que pasen a ser un elemento máis da paisaxe.

"Unha vez botei horas contemplando o Pórtico da Gloria, esa foi a semente"

Esa teima ten a súa inspiración en Galicia. "Unha vez botei horas contemplando o Pórtico da Gloria, esa foi a semente". Nese momento optou polo románico como a estética que o guiaría.

O seu derradeiro afán como arquitecto é "facer unha ermida". Talvez unha capela como a do Faro, un debuxo sinxelo que lle permita volver ser Manolito da Fonte Arcada. "Se tes unha infancia feliz, nótase o resto da vida; eu fun moi feliz na miña infancia en Chantada".

Neste momento, con 89 anos, está "lanzado coa pintura", unha devoción que reservou na súa intimidade durante décadas. O creador pintou unhas dúas mil obras, unha cifra que podería coñecer exactamente porque non vendeu ningunha. "Para que quero os cartos? Soamente vendería cadros a cambio de tempo de vida, se me desen tres ou catro meses máis a cambio dun cadro".

O Museo Provincial de Lugo expón dende onte pezas súas, dende as primeiras tintas que fixo en Chantada en 1958 ata as pezas do ano pasado. Asemade, o Auditorio de Chantada acolle obras de 2016 e 2017. As exposicións contan coa axuda da Asociación de Amigos de Manuel Jorge de Chantada.

Manuel Jorge tivo que renunciar a acudir á exposición por motivos de saúde. Onte, poida que abrise o patio da casa que unicamente pisa cando sente morriña. "Está orientado ao noroeste, cara a Galicia".

Manuel Jorge, de ter 23 suspensos en Debuxo a expor no Museo e...
Comentarios