"Eu non son escritor; só vendo seme"

O bañense presentou este vernes en Lugo a súa segunda novela, 'Que non te aten', sobre os mozos contemporáneos do rural ► O autor quere coa súa narrativa rachar cos estereotipos e achegarse ao mundo das granxas de leite, "das que non fala ninguén"
Manuel Iglesias Turnes, na Feira do Libro de Lugo.
photo_camera Manuel Iglesias Turnes, na Feira do Libro de Lugo.

O de Manuel Iglesias Turnes –que este venres presentou a súa segunda novela, ‘Que non te aten’, na Feira do Libro de Lugo– é un caso atípico no sistema literario. Ten 65 anos e unha vida dedicada ás vacas de leite. Estreouse como narrador pasados os 60, con ‘As rapazas de Xan’, que leva xa catro edicións en Xerais, e está a colleitar "moi boas críticas" con esta segunda obra.

Iglesias Turnes é o primeiro sorprendido polo seu éxito. "Ás veces semella que isto lle pasara a outro. Pasei moito tempo sen mo crer. Sempre digo nas presentacións que eu non son escritor, que vendo seme, xa que o meu oficio é venderlles material xenético ás explotacións de leite", apunta.

Autor de novela aos 60: o escritor acompañaba unha persoa "moi querida" no hospital e baixou comprar unha libreta. Así naceu ‘As rapazas de Xan’

Os comezos non puideron ser máis fortuitos. "Foi froito dunha situación familiar moi complicada; con moitísimo estrés ante a perspectiva de ter que enfrontar a perda dun ser moi querido. Estaba no hospital e baixei á tenda a comprar unha libreta. Necesitaba facer algo e empecei a escribir. Vin que tiña a historia montada e con vida os personaxes... cría nos personaxes", explica.

Iglesias Turnes tiña sido activista cultural á fronte da asociación Afonso Eáns do Val de Barcala, pero naquel intre viuse co manuscrito dunha novela. Deulla a ler ao escritor Suso de Toro, amigo seu. "Ocorréuseme e a el encautolle. De seguido me chamou o editor", engade para relatar o proceso de creación de ‘As rapazas de Xan’.

Estereotipos: os grandes medios tenden a reproducir o pintoresco do rural: "O señor de Ordes que caeu no pilón, que dá unha imaxe que nada ten que ver coa realidade"

Se aquela primeira historia estaba ambientada na Galicia rural dos anos 50, ‘Que non te aten’ é "absolutamente contemporánea", aínda que anterior á actual crise do sector lácteo motivada polo fin das cotas da Unión Europea e a devaluación do prezo do leite.

O autor fala con paixón dos gandeiros galegos: "As granxas galegas son as máis avanzadas de Europa; se toda a industria do país se tivese modernizado así, a economía galega sería outra".

Esta novela responde a unha inquedanza do seu autor: Por que toda a produción narrativa galega conta historias urbanas ou achega unha visión estereotipada e tópica das xentes que viven nas aldeas?

 Exemplo gandeiro: "Se toda a industria do país se tivese modernizado como as granxas, a situación sería outra", di

‘Que non te aten’ sitúase en dúas granxas de leite próximas. "Os protagonistas son fillos do seu tempo; poderían traballar no ensino ou na sanidade". Introduce mulleres que enfrontan a loita pola igualdade e contra a violencia de xénero como as das cidade. "A cotío son elas as máis preparadas nas explotacións".

"Os grandes medios tenden a reproducir o pintoresco do rural: aquel señor de Ordes que caeu no pilón, que dá unha imaxe que non ten nada que ver cunha mocidade preparadísima, conectada co mundo, que ten a orgullo de falar a súa lingua materna e que vai ao cine ou de vacacións. Son mozos que non lles teñen nada que envexar aos das cidades", defende Manuel Iglesias Turnes.

E unha derradeira reflexión: "Decátaste de que estamos a falar de vacas e non de literatura. Se eu fose escritor, falariamos de literatura", conclúe.

Comentarios