Manuel Espiño ilumina o outono en La Ferretería de Lugo con quince óleos

O pintor local presenta unha mostra de obras recentes con paisaxes da provincia nos que a natureza é a absoluta protagonista

Manuel Espiño, este mércores en La Ferretería. SEBAS SENANDE
photo_camera Manuel Espiño, en La Ferretería. SEBAS SENANDE

O pintor lucense Manuel Espiño colga dende onte en La Ferretería de Lugo a mostra Luces de otoño, una exhibición pola que leva agardando case dous anos, para que cadrase xusto coa estación de tránsito, como é o caso.

A sala acolle así unhas 15 obras, a maioría óleo sobre lenzo, con coloridas paisaxes otoñais, nos que a natureza vólvese protagonista.

Hai en todos eles unha pegada impresionista, un movemento que a Espiño o fascina, el que non se move do realismo e a figuración, según explica.

A maioría é obra recente, aínda que se poden ver cadros máis antigos, como o dun castiñeiro centenario e furado, no que o pequeno Manuel Espiño se metía de cativo a xeito de xogo nas terras de Friol, de onde é oriundo, aínda que despois se establecese na capital provincial.

A Ribeira Sacra, Triacastela, O Courel, Becerreá, Parga, A Ulloa... Son só algúns dos recunchos das innumerables viaxes por Galicia de Espiño, que noutro tempo traballou de comercial e aproveitaba cada parada, cada descanso, para sacar o bloc de debuxo. "De feito, aínda que nesta mostra non hai ningún, tamén me gusta moito o debuxo a plumilla", conta.

Afeccionado dende cativo a arte, é agora, xa xubilado, cando ten máis tempo para adicarse non tanto a unha paixón, senón a un labor "que me fai feliz", asegura.

Ten exposto en lugares pequenos de Lugo, Baamonde ou San Cibrao, pero esta é a primeira mostra nunha galería de arte como La Ferretería. E tirouse a pía animado por moitos compañeiros de oficio que sabían do seu traballo.

Un traballo que ilumina a Ferretería con ocres, laranxas, vermellos, amarelos... as cores do outono.

As súas luces. Dominan a paisaxe rural, os profundos bosques, as vistas de montaña, as árbores e ríos.

Son lugares sereos para asomarse, para deitarse neles, para respirar ben forte.

Con oficio de anos Espiño consegue esa inmersión a través de pequenas manchas de cor, en ocasións, facendo igual que facían os seus adorados impresionistas.

Comentarios