domingo. 22.09.2019 |
El tiempo
domingo. 22.09.2019
El tiempo

Manuel Bragado tras deixar a dirección de Xerais: "dei a miña vida por ese proxecto colectivo"

Manuel Bragado. AEP
Manuel Bragado. AEP

A reforma da editorial viguesa resolveuse cos despedimentos de dous técnicos e coa baixa voluntaria do responsable de deseño

Edicións Xerais de Galicia anunciou onte a marcha do seu director xeral, Manuel Bragado, "a petición propia". A editorial asegurou que seguirá vencellado tanto a Xerais como á sección da casa matriz, Anaya, en Galicia. O seu novo papel será o de asesor.

Fontes cercanas a Xerais explicaron que a nova función, garantida "por contrato", que abrangue tarefas ben diferentes, dende a avaliación de orixinais, estimación de liñas editoriais ou mesmo algúns de menor trascendencia como presentación libro en público.

Manuel Bragado: "Facilito que continúe un proxecto colectivo ao que sigo vencellado. É un privilexio ter a posibilidade de vivir a febre dos libros"

Edicións Xerais de Galicia foi creada polo grupo Anaya en 1979, con sede en Vigo, para publicar libros en galego. Manuel Bragado (Vigo, 1959) entrou na editorial en 1990, hai 28 anos. Pedagogo de formación e mestre de profesión, empezou a traballar na sección de libro educativo. Asumiu a dirección en 1993, substituíndo a Víctor Freixanes.

"Xerais é Bragado", manifestaba onte a reponsable de Prensa e Promoción, Celia Torres, para deixar patente a importancia que o agora exdirector tivo no asentamento e expansión da editorial. O seu traballo permitiu desenvolver a colección de narrativa xeral, Literaria, e outras, como a infantil Merlín.

Iniciativa súa foi a colección Fóra de Xogo, de literatura para un público xuvenil. Os 175 títulos publicados ata o de agora baixo esa marca levan vendidos alrededor dun millón de exemplares, a un ritmo de 44.000 cada ano. As dimensións cativas do mercado galego permiten facerse unha idea do seu volume.

Os traballadores descoñecen quen asumirá a dirección da firma. A decisión será adoptada pola central de Anaya en Madrid nunha semanas. Bragado confía en que o nome "saia do equipo actual". O subdirector é o escritor e xornalista Fran Alonso (Vigo, 1963), quen forma parte do cadro de empregados dende 1992.

Manuel Bragado sabía hai un tempo que onte deixaría a máxima responsabilidade de Xerais. O seu propósito agora é reincorporarse a Educación Infantil o vindeiro setembro, sen que saiba polo de agora cal será o seu destino. Defendeu que a súa saída "facilita a continuidade" da editora, "un proxecto colectivo" ao que continuará "vencellado porque é un privilexio ter a posibilidade de vivir a febre dos libros". "Dei a miña vida por ese proxecto colectivo", remachou con voz que soaba afogada ao outro lado do teléfono.

"Volvo ser mestre de ensino, que é a miña profesión", remarcaba onte, aínda sen ter definido se é "un mestre que edita ou un editor que dá clase", o que lle causa "un problema de identidade".

Preguntado sobre se trazará unha traxectoria como a de Suso de Toro, quen aparcou a escrita para recuperar a súa ocupación de profesor de instituto en 2010, limitouse a afirmar que son "grandes amigos". Ese comentario serveulle para subliñar que o mellor que leva das tres décadas como editor "son os amigos", entre os que citou tanto autores como colaboradores.

"Volvo ser mestre, aínda que non sei se son un mestre que edita ou un editor que ensina, o que me causa un problema de identidade"

A media tarde de onte, Manuel Bragado estaba despedíndose deles. Nun claro na súa treboada de emocións, lembrou o seu primeiro día en Xerais, nunha mañá de 1990. "Sentei no sitio de Xela Arias. Foi ela quen me ensinou. tiven esa gran sorte". A escritora sarriá estaba no departamento de Creación e Investigación, e pasou a ser correctora de estilo e editora nese ano. O exresponsable da firma recordaba onte: "Comecei usando as fichas de autoras que fixera ela cando non había informática. Deume a súa caixiña". A partir daquela caixa con tarxetas desenvolveu un oficio que lle permitiu "editar uns 4.000 libros". "Aínda hoxe [por onte] recibimos dous libros novos: "Principios de incerteza", de Pilar Ortega, e "Nova Nursia", de Héctor Cajaraville; ¡Menudos títulos!", bromeaba.

A maiores do seu labor editorial, Manuel Bragado contribuíu necesariamente a promocións como a brillante feira de industrias culturais, Culturgal —que comezou en 2007— ou a Lei do Libro e a Lectura. Tamén foi presidente da Asociación Galega de Editores entre 2010 e 2014.

"COMPAÑEIRO". Celia Torres salientou onte que "Manuel Bragado implantou en Xerais unha nova forma de facer as cousas, ao ser compañeiro dos autores e non estar por riba deles". Convidou a ver as redes sociais, "onde se pode ler os escritores dicindo que foi o seu editor", porque "para el, ser editor manter un diálogo constante cos creadores, e ese diálogo desenvolveuno dun xeito maxistral".

"O grupo de personas que traballamos con el valoramos que sempre estaba disposto a botar unha man", incidiu.

O escritor Manuel Rivas lamentaba onte en Twitter a marcha: "Manuel Bragado, editor e mestre, loitador e xeneroso, amante do libro, activista cultural, librepensador, encarna a decencia ordinaria. Coa mellor madeira da humanidade non hai adeus senón rexurdir".

A periodista Carme Vidal anotaba que Manuel Bragado "é un agasallo para unha xornalista porque non foxe da opinión, porque ten datos e sabe utilizalos, constrúe discurso, ofrece temas e faino desde o respecto e a cordialidade".

REFORMA. A baixa de Manuel Bragado non é o único cambio no persoal de Xerais. Onte levouse a cabo o despedimento dun empregado de Produción, que pasa a ser xestionada na cabeceira da empresa —ao igual que acontecera con outros selos de Anaya—, e un administrativo.

A maiores, o reponsable de deseño Miguel Vigo chegou a un acordo coa empresa para abandonala baseándose na súa idade.

Edicións Xerais queda conformada por dez empregados tras estas decisións.

Manuel Bragado tras deixar a dirección de Xerais: "dei a miña vida...
Comentarios