Domingo. 19.08.2018 |
El tiempo
Domingo. 19.08.2018
El tiempo

Manuel Ayán: "En Galicia houbo moitas 'letras escarlatas'"

Manuel Ayán (primeiro pola esquerda). EP
Manuel Ayán (primeiro pola esquerda). EP

O autor da Pobra do Brollón publica 'A Lola', unha obra sobre represaliadas no franquismo

Manuel Ayán (A Pobra do Brollón, 1946) confesa que non coñeceu ningunha represaliada durante a ditadura porque "xa lles medrara o pelo e se lles borraran as marcas". A maiores, a condición de sinalada era agochada. Lola representa esas mulleres como personaxe principal de A Lola, unha obra de teatro que escribiu Ayán e que vén de publicar a editorial Laiovento.

Lola é a viúva dun mestre republicano que foi rapada e marcada nos anos da Guerra Civil. O autor explica que en Galicia "houbo moitas letras escarlatas, houbo moitas mulleres que sufriron vexacións en silencio".

Na obra, vinte anos máis tarde, en 1965, o seu fillo volve á casa e dille que quere casar cunha rapaza "dunha familia cunha ideoloxía contraria á súa".

"O rapaz é fillo de represaliada, de familia de ideas republicanas e ilustradas; a outra familia ten ideas conservadoras, franquistas e escolásticas", indica Ayán. Ese choque determina que os mozos atopen oposición á voda nas súas casas.

O fillo non coñecía o pasado da súa nai porque ela "non quería contarllo", dado que "nas mulleres de fusilados quedaba un residuo de culpabilidade". Lola resistíase a falar dese tempo tan triste, pero vese empuxada a facelo.

A moza pasou pola universidade en París nun tempo da loita polos dereitos da muller, polo que se enfronta aos pais, que son franquistas, polo seu futuro.

Manuel Ayán, que foi profesor de Filosofía no Virxe dos Ollos Grandes de Lugo, forma parte do grupo de teatro Avelaíña. O cadro teatral está representando A Lola, especialmente, en institutos. O papel que representa é un dos personaxes negativos, don Federico, capitán da Garda Civil.

Manuel Ayán: "En Galicia houbo moitas 'letras escarlatas'"