Man de Santo estrea formación este sábado pola noite no Clavicémbalo

A banda lucense de ska crece ata os nove membros con vistas a un primeiro álbum
Man de Santo, no seu local de gravación na Piringalla. SEBAS SENANDE
photo_camera Man de Santo, no seu local de gravación na Piringalla. SEBAS SENANDE

Unha banda de ska é unha excepción, require un grupo numeroso de músicos que estean espacializados e se entendan entre eles. Man de Santo vén de perder tres dos seus oito integrantes para gañar catro. O grupo de Lugo presenta este sábado pola noite a nova formación nun concerto que comezará ás 22.30 horas no Club Clavicémbalo de Lugo.

A actuación de este sábado será a primeira dunha xira breve e intensa por Galicia (Ourense, Pontevedra e Ferrol) na que farán un repaso dun repertorio con base e intención de música de Xamaica. Soarán temas de ska-jazz, coma algúns dos pioneiros Skatalites, o boleiro Quizás, Città vuota da cantante italiana Mina ou Yellow sky de John Lennon. Non faltarán clásicos coma Monkey man.

Tino López, o baixista, sinala que "o son non cambia coas incorporacións". A maiores de López, seguen no conxunto a voz de María Castro, o saxo alto de Álex Troya, o trombón de Miguel García e a batería de Aitor Who Martín. Regresa, tras ano e medio afastada, Ara Martínez, que toca os teclados. As novidades son Iria de Cabo (guitarra), Silvia Ouro (saxo tenor) e Sabela Al-Soufi (saxo barítono). "Marcharon tres persoas por incompatilidade co traballo ou con outros grupos".

Todos os músicos de Man de Santo viven en Lugo. Ensaian nun local da Piringalla, onde teñen "un pequeno estudo". Tino López anuncia que están comenzando a preparar "temas propios para ir incorporándoos pouco a pouco aos directos e gravalos despois do verán, cando rematen os concertos".

SEMEN UP. Tino López estivo na formación orixinal de Semen Up, o grupo no que cantaba Alberto Comesaña no seu tempo de universitario en Lugo. Comesaña acabaría regresando a Vigo e reformulando alí a banda antes de formar Amistades Peligrosas. O baixista lucense recorda a experiencia de xeito fragmentario. "Foi unha historia moi gamberra que acabou funcionando. Foi todo moi precipitado. A maqueta funcionou en Radio 3. Despois, marchamos todos de Lugo".

O propio Tino López acabou en Vigo, onde deu clases durante 25 anos. Na cidade formou parte de Os Resentidos, pero novamente o éxito obrigouno a darse de baixa porque o traballo non lle permitía saír de xira.

Comentarios