Maite Ferreiro parabeniza ás catro finalistas lucenses dos Premios Martín Códax

"Desde a área de Cultura traballamos sempre para apoiar ao tecido cultural local, apostando pola calidade das e dos creadores de Lugo", afirmou a edil de Cultura
Os ediles tamén anunciaron que este sábado terá lugar en Lugo o encontro 'Cantautores na rúa'. CEDIDA
photo_camera Os ediles tamén anunciaron que este sábado terá lugar en Lugo o encontro 'Cantautores na rúa'. CEDIDA

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, parabenizou ás catro artistas e agrupacións lucenses nominadas na novena edición dos Premios Martín Códax da Música.

Ferreiro destacou que "desde o Goberno de Lugo traballamos sempre na promoción da cultura, centrándonos en apoiar o tecido cultural local", e engadiu "nos últimos anos, traballamos en dar protagonismo ás e aos músicos de Lugo con espazos importantes no San Froilán e ciclos propios como o Muralleando, un dos grandes ciclos musicais do verán".

O xurado profesional dos premios escolleu á banda Arrhythmia na categoría Metal, a Nebra na categoría Músicas do Munco e Mestizaxe, e a Cántigas e Frores xunto con Airiños da Freba na categoría de Música Tradicional. O vindeiro 5 de outubro realizarase a gala de entrega de premios, onde se desvelarán aos gañadores de cada categoría despois do voto popular das integrantes da asociación Músicas Ao Vivo.

Todos os proxectos finalistas dos IX Premios Martín Codax da Música 2022
Pop e Indie: De Vacas, Anxo Araujo, Néboa
Rock: Familia Caamagno, Moura, Bala
Canción de Autor/a: Antía Muíño, Xóan Curiel, Sofía Espiñeira
Músicas Urbanas: Rebeliom do Inframundo, O Rabelo, Ilmarto
Blues, Funk e Soul: Nastasia Zürcher, Udra, O Cadelo Lunático
Electrónica: Grande Amore, Garza, Hilario Rodeiro
Metal: Arrhythmia, Grima, Teima
Música Clásica e Contemporánea: Samudra Trío, Katerina Linke, Fernando Abreu
Jazz e Músicas Improvisadas: Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación, Valentín Caamaño
Músicas do Mundo e Mestizaxe: Catuxa Salom, Nebra, Sheila Patricia
Música Tradicional: Airiños da Freba, Cántigas e Frores, Os da Porfía
Folk: Cuarteto Caramuxo, Oîma, Os d’Abaixo
Música Infantil: Mamá Cabra, Pitusa Semifusa, Martiña Soñadora
Orquestras, Grupos e Música de Verbena: La Oca Band, Bicoia, América de Vigo
Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música Cultural de Salceda, A Banda de Lombás
Finalistas Organistrum:
Salas: A Arca da Noe, Sala Karma, Sala Rebullón
Festivais: Festival de Ortigueira, Canteira Fest, Canjazz
Espazos de Comunicación: Ondas Indies (Radio Galega), A Xente de Teo, Descúbreas

Encontro Cantautores na rúa

Por outra parte, Maite Ferreiro anunciou que este sábado, 17 de setembro, Lugo acollerá un encontro de cantautores. Os artistas César de Centi, Jairo Quiñoa, Noelia Geada e Climan desenvolverán os seus concertos na praza Maior entre as 12:00 e as 15:00, ademais, a xornada rematará co I Certame Internacional de Cantautores, onde se entregarán os premios Javier Krahe, e que contará coa participación dos cantautores Daniel Guantes, Laura Moreno, Pepe Vacas, Pilu Velver e Álvaro Ruíz, procedentes de distintas zonas do estado.

Comentarios