miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Máis de 60 curtametraxes proxectaranse no FICBueu "máis atractivo"

Presentación del programa del FICBUEU
Presentación del programa del FICBUEU
A cita, que se desenvolverá do 10 ao 17 de setembro, incorpora novas seccións. Os premios increméntanse ata os 5.500 euros

O Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) de Bueu amplía este ano a súa programación a máis de 60 filmes que se proxectarán entre o 10 e o 17 de setembro no Centro Social do Mar. Representantes da organización, xunto co alcalde da vila, presentaron este mércores as obras seleccionadas, de entre as 1.461 chegadas de 97 países. O rexedor Félix Juncal explicou que as novidades que se introducen este ano no festival farano "máis atractivo".

O director do evento, Manuel Pena, agradeceu a confianza depositada polo Concello e coincidiu en sinalar que "este é un ano de cambio", pois coa suma dos novos patrocinios "o FICBueu vai dar un salto en calidade que o equiparará aos mellores festivais internacionais". "O reto é lograr que manteña o seu espírito e a súa maxia, aínda que medre en dimensión", admitiu antes de dar paso á coordinadora do FICBueu, Cristina Sanmartín, que glosou as curtas desta novena edición. 

Vinte filmes concorrerán no apartado de Competición, ao que se suman os de Galicia, Comedia, Animación, Iberoamérica, Panorama e Festival Irmandado, este último aínda por concretar. En total, serán 23 as nacionalidades representadas, entre as que destacan Francia con dez traballos e España con nove. Veranse por primeira vez cintas de Nova Zelandia, Palestina, Irlanda, Paraguai, Perú ou Venezuela. Na sección Competición concursarán obras de 12 países dos cinco continentes, das que chama a atención que cinco son comedias.

Serán esta vintena de curtametraxes e mais as galegas as que compitan por un Primeiro Premio dotado con 3.000 euros, un Segundo Premio de 1.000 euros e o Premio do Público, que ascende a 750 euros. A estes súmase o galardón de 500 euros para a Mellor Curtametraxe Galega e outro de 250 euros para a Mellor Curtametraxe de Escola, categoría especial para promover os novos valores á que poden presentarse centros formativos.

MÁIS ACTIVIDADES. As proxeccións da semana do festival complementaranse con múltiples actividades, como obradoiros e conferencias. Nos vindeiros meses desenvolveranse asemade as intervencións da nova Área Social do FICBueu, auspiciada por La Caixa, con maiores, persoas con discapacidade intelectual e nenos hospitalizados. Búscase así facer chegar o evento a diferentes públicos.

Máis de 60 curtametraxes proxectaranse no FICBueu "máis atractivo"
Comentarios