Zahera: "Maioritariamente fago de duro e a xente párame pola rúa e dime: 'Ti es o malo de...'"

Frecuenta papeis de malvados, ao que suma a violencia no seu papel na película 'As bestas', de Rodrigo Sorogoyen, pola que está nominado a mellor actor de reparto tanto nos Goya como nos Feroz. Este mércores chega ao auditorio Gustavo Freire de Lugo facendo unha burla de si mesmo co monólogo 'Chungo'. Pasen e gocen cun dos mellores actores galegos.
Luis Zahera. AEP
photo_camera Luis Zahera. AEP

Luis Zahera mantén a disciplina de espertar ás sete da mañá para saír correr. A fin de semana pasada estivo representando o seu monólogo Chungo polo Levante. Este mércores vai facelo en Lugo, no auditorio Gustavo Freire ás 21.00 horas. As entradas escasean, nun efecto da onda de críticas positivas e de resposta admirativa do público polo seu personaxe en As bestas, un veciño dun lugar de Ourense que ten un enfrontamento cun matrimonio francés polos réditos duns muíños de vento.

Despois de correr, volveu para a cama ler Los detectives salvajes, unha novela do "chileno de orixe galega" Roberto Bolaño, na que hai amores, asesinatos, manicomios e desaparicións. Luis Zahera parece estar camiñando sempre polo lado salvaxe.

Chungo é un monólogo cómico sobre a súa traxectoria profesional para o que parte da persoal.
Chungo é Luis Zahera poñendo en ridículo a Luis Zahera. É un artificio sobre un actor que quería acabar de galán, un divertimento no que regreso á miña familia, ás miñas irmás.

Escribiuno vostede. Cal é o motivo?
Quería contalo eu. Non me vía facendo un monólogo escrito por outro. É unha homenaxe á miña nai. Quería falar eu da miña infancia e da miña traxectoria.

A súa fama é encarnar personaxes amargos, pero a súa carreira ten rexistros moi distintos, máis amables.
Non empecei facendo de malo. En Mareas vivas non o facía. Pero a maioría dos meus papeis son de duro. Non teño ningún problema con iso. Fixen As bestas, estou en Entrevías como Ezequiel... O monólogo chámase Chungo porque maioritamente fago de malo. A xente párame pola rúa e dime: "Ti es o malo de...".

Hai unha anécdota que conta no espectáculo Chungo na que revela de onde lle nace esa característica pola que é coñecido no sector audiovisual. Estaba vostede vendo a serie Los ángeles de Charlie na televisión e a súa nai preguntoulle se non podía vela cunha cara que non fose de contrariedade.
Non pasa nada por poñerse en ridículo. O mellor é rir dun mesmo. Non hai problema en facer esa caricatura. A xente necesita rir.

Chungo é Luis Zahera rindo de Luis Zahera. É un artificio sobre un actor que quería acabar de galán, un divertimento

Xan Anta, de As bestas, é un malo complexo?
É un malo como os malos dos westerns, eses malos que estaban nos saloons e nos bares. O matrimonio francés é sufridor, e Diego Anido e máis eu somos os antagonistas duros. Esa película faime moito chiste porque parece un western. Está sendo un éxito contundente cunhas críticas moi boas. Estou lendo intepretacións sobre As bestas que eu non vira.

Este filme, como calquera outro, non se rodou dun xeito liñal. Foi un problema para lograr o in crescendo que ten o personaxe de Xan Anta?
Non houbo ningún problema con iso. Cando traballas cun guión que liches unha e outra vez xa o tes claro. Máis cando traballas cun director que tamén é autor, como Rodrigo Sorogoyen. Non hai ningunha complicación con iso.

Sorogoyen xa lle falara da historia de As bestas varios anos antes de empezar a filmala.
Si, cando rodamos Que Dios me perdone.

Sorogoyen faloume da película hai sete anos. Non me dixo qué papel tería

A película está baseada no asesinato dun holandés por parte dunha parella de irmáns no ano 2010. Aconteceu en Santoalla, un lugar de Petín. Sabía del?
Non, non o coñecía. A Sorogoyen impresionouno que a viúva quedara vivir alí. Quedoulle presente.

Faloulle daquela do seu papel. Contou que o escribiu pensando en vostede.
O primeiro día xa tiña idea de facer unha película, pero non me dixo cal sería o meu papel. Si que estaría nela. Hai que ver o que pasou sete anos despois!

O actor Diego Anido, que fai de Lorenzo Anta, é compostelán coma vostede. Coñecíanse?
Non, non nos coñeciamos de nada. Hai casualidades así, que tes que traballar con el e o coñeces entón. Naceu en Santiago, traballou en Barcelona en teatro, con espectáculos propios,... non o coñecía de nada. Traballei moi ben con el.

Diego Anido tiña un papel moi pequeno en As bestas. Na véspera de empezar a rodaxe o actor que ía facer de Lorenzo Anta tivo un problema e pasou a substituílo.
Entrou a última hora, son estas cousas que pasan. O actor que ía facelo non puido.

A súa interpretación en As bestas reportoulle a nominación ao mellor actor de reparto nos premios Goya e nos premios Feroz. Foi un ano con varias películas de calidade para o cine español. Vai ser difícil que o gañe?
Intento non pensar niso. Estar nominado xa é un éxito. Penso en que As bestas tivo dezasete nominacións, que son moitas. Vou seguir como Ezequiel na serie Entrevías con José Coronado e cos meus monólogos. Non penso en máis.

Comentarios