'LV' apuesta por internet y deja el papel

Tras cumprirse o pasado día 21 deste mes sete anos desde a súa saída á rúa, o gratuíto galego LV. De Luns a Venres deixa de publicarse en papel para continuar a súa andaina integrado na plataforma dixital do Grupo El Progreso. Ata o pasado mes de xaneiro tivo periodicidade diaria e, desde o 8 de febreiro, pasou a ser semanario, acudindo puntualmente á cita cos lectores todos os venres.

Así que este exemplar que ten vostede na súa man é o último en papel do que foi o único gratuíto galego e en galego que se distribuíu nas sete principais cidades (Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol), que non foi alleo á crise económica e que agora aposta pola Rede.

LV. De Luns a Venres chegou a ser o segundo xornal galego con maior tirada (só superado por La Voz de Galicia e por riba de Faro de Vigo), con 50.000 exemplares na rúa. Tamén marcou un fito en EGM durante a súa alianza co tamén gratuíto ADN (xa desaparecido), pois nesa época acadou unha difusión media de máis de 60.000 lectores, co que superaba amplamente moitos dos diarios publicados en Galicia.

Durante un tempo tamén se distribuíu en Montevideo e Bos Aires. Imprimíase nunha imprenta da capital uruguaia e, desde alí, repartíase nos centros galegos das dúas urbes mencionadas, onde a presenza de emigrantes da nosa terra é moi relevante. Tamén chegou a distribuírse nalgunhas das principais cidades de Suíza.

Agora, tras sete anos, a aventura do gratuíto galego terá continuidade en internet grazas a Galiciaé, a plataforma dixital que engloba tamén as webs de El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra. A integración implicará unha profunda remodelación dos contidos e da concepción da web, que se afrontará nos próximos meses.

Os miles de lectores que recibían De Luns a Venres por correo electrónico poderán seguir agora informados grazas a un newsletter que se enviará a media mañá coas principais novas da xornada.

Só nos resta darlles as grazas aos lectores pola súa fidelidade e animalos a seguirnos na Rede. ¡Ata sempre!

O 'Moncho do Pío', o último dos catro premios recibidos polo gratuíto galego

O director de LV, Alfonso Riveiro, vén de recibir en Chantada o Premio Moncho do Pío, concedido pola adega Terras Bendaña por un artigo publicado no gratuíto sobre a Ribeira Sacra. Na imaxe aparece xunto ao alcalde de Chantada, Manuel Varela; o xornalista Antón Grande, o pintor Randolfe Vilariño e o adegueiro Ramón Rodríguez Porto. Antes, LV recibira os premios Sete Carballas da Insua dos Poetas e Galeguidade no Mundo. E un artigo do colaborador Manuel Darriba foi distinguido este mesmo ano co Premio Fernández del Riego.

Comentarios