Luisa Castro: "Reivindico as certezas e o compromiso do amor antigo dos nosos pais"

A escritora de Foz valora a relación sólida de parella que unían as anteriores xeracións en comparición coas moderna no novo poemario 
Luisa Castro
photo_camera Luisa Castro. AEP

A fotografía que serve de fachada para Un amor antigo, o novo libro de Luisa Castro (Foz, 1966), amosa os seus pais, de mozos. Están deitados sobre un prado e miran a cámara sorrindo. "Non o dubidei á hora de elexila". Esa imaxe é un amor detido no tempo, sólido; como o que se tiñan.

Para a escritora "eran unha unidad, dúas persoas nunha" porque "tiñan acordos de partida intocables". Defende que "non fago unha mirada de nostalxia, senón que reivindico o amor antigo, o amor de certezas e compromisos dos nosos pais".

Establece o contraste co amor moderno, que considera "máis incerto", ao responder a que "perdemos o norte tamén no interpersoal, porque hai unha desconexión entre as persoas. Hai que reflexionar".

No caso da autora , directora do Instituto Cervantes en Dublín —antes en Bordeos e primeiramente en Nápoles—, estes anos foron de "recollemento". A pesar de que botou unha década viaxando, vivindo experiencias diversas e coñecendo persoas, viviu "unha etapa moi rica" porque "a expansión noutros países  permitiume  entrar na cámara privada", valerse do "estranamento para saber quen son".

Na súa casa da escritora, en Foz, "el era quen marchaba, era un tótem"


A primeira parte das catro que compoñen o poemario sérvelle para "convocar a luminosidade das persoas que nos iluminan", que no seu caso era o pai. O libro comeza con poemas "inspirados pola súa presenza na Terra e acaba con poemas de marcha, e no medio están as turbulencias polas que pasa unha persoa na vida".

Vén seguido por un apartado no que "unha muller que vive un amor contemporáneo e que bota de menos o amor dos pais". Non son exactamente un amor antigo e outro contemporáneo que sucedan en dous planos de tempo, senón que conviven como "dúas clases de amor".

A nai da escritora tamén está presente no libro. "Os dous están presentes por igual", remarca, aínda que confesa que "a relación dos pais e as fillas é especial". Na súa casa, en Foz, "el era quen marchaba, era un tótem" e, cando regresaba, "enchía todo de luz e de alegría, era moi alegre".

O pai xa tiña un papel relevante nas memorias ficcionadas Viajes con mi padre (2003),no que el desenvolve un labor de protección e acompañamento, que Luisa Castro considerada "un talismán". Tras o seu pasamento, experimentou "un empuxe cara a adiante, xa non hai mirada atrás", pese á "profunda dor", porque "estando ti, está el".

O resultado é un libro "de temática moi clásica", composta polo amor e a morte, que se relacionan de xeito íntimo. Un amor antigo "pecha un tipo de poesía que pensei que non erae para publicar, pero está visto coa perspectiva do meu pai, que todo o iluminaba".

Comentarios