Luisa Castro: "A min faltoume palabra estes anos, por iso este libro trata a dor"

A escritora focega vén de publicar 'Actores vestidos de calle', a súa última incursión na poesía. Un libro sobre a dor, máis "escuro" que outros dos seus traballos. "Só da escuridade máis completa pode nacer a luz", afirma

Luisa Castro. LISBETH SALAS
photo_camera Luisa Castro. LISBETH SALAS

A primeira vez que eu vin a Luisa Castro estaba ela preñada e eu moi nerviosa. Era unha practicante de vinte anos. A miña primeira entrevista. Agora, moito tempo despois, e iso sí, a través dun cuestionario —esixencias do guión— falamos do seu último poemario e, sobre todo, de creación.

Como foi a súa infancia en Foz. Que foi o que a moveu a convertirse en escritora?

Os meus primeiros recordos teñen que ver cos guisantes, os coscos, as lumachas. Tamén co barro e as tormentas. Creo que foi unha infancia moi feliz, pero en absoluto afastada da realidade cotidiana dun pobo coma Foz. E recordo sempre ter fascinación polas cancións, as narracións. Hai un poema indixenista do poeta cubano Nicolás Guillén , Poema para matar a una culebra, que descubrín no colexio con oito ou nove anos, e creo que iso me fixo soñar con escribir. O puro ritmo. O extrañamento da linguaxe.

Cre que é unha nena prodixio?

Como Mozart? Ogallá. Quen me dera. Pero sempre pensei o contrario. Necesito profundizar moito nas cousas para comprendelas, e todo me costa moito máis que a calquera outra persoa. Por iso empecei a escribir tan cedo, creo. Era unha especie de autoaxuda complementaria.

É unha formiguiña da literatura?

Bastante, si, xuntar palabras unha con outra faime sentir que o tempo non é de todo en balde. É co que máis disfruto sen dúbida. Pero tamén son un pouco cigarra. Teño espíritu contemplativo.

Quenes son os seus pais literarios?

Cunqueiro, Cela, Rosalía, Virginia Woolf, Neruda.

Síntese mellor na narración ou na poesía?

Son dous mundos diferentes que poden converxer. Na poesía poido ir máis fondo, á fonte mesma das palabras, que non é outra que o silencio. Nas novelas exponse outro tipo de cuestións, ponse en pé unha vida, que dalgunha maneira nos sirve para mirarnos no espello. Eu fixen as dúas cousas desde que empecei a escribir, e sinto que as miñas novelas están contaminadas das técnicas da poesía, e ao revés.

Que se necesita para ser poeta?

Querer selo. Desexar selo. Ter tres ou catro libros na casa. Ser poeta ou narradora é unha vocación.

Dixo que o seu último poemario, Actores vestidos de calle, é o máis íntimo e tamén o máis escuro. Que o fai así?

Decía Heidegger, o filósofo, que o único que hai no ser humano fóra da linguaxe é dor. A dor é a antesala da palabra. Estamos constituídos por iso, aínda que tardemos en darnos conta. A palabra permítenos ter este asunto apartado. E a min faltoume a palabra estes anos, por iso o libro que abrolla é necesariamente un libro sobre a dor, escuro, porque só da escuridade máis completa pode nacer a luz.

Que supón este libro dentro da súa traxectoria?

É un libro moi diferente a canto fixen antes. É máis filosófico, talvez, e menos literario, fala desa caída da máscara, da despersonalización que se vai vivindo segundo te fas máis consciente do vulnerable que eres, e do vulnerable que é o mundo no que vivimos. Cando percibes a dor dos demais.

Que cre que aporta a arte neste mundo tan convulso?

A arte ten unha misión fundamental. Proporciona o consolo esencial de sentir a través de outros, de saír dun mesmo para entrar máis profundamente no que somos, pero a través de outros. Eses outros, os artistas, son seres capaces do maior dos illamentos para lograr unha obra que poda redimirnos. O arte desde logo ten un efecto catárquico.

"A literatura non ten inimigos, é como unha boa, todo o mastiga, o tritura, o dixire"
Cal pensa que é o maior inimigo da literatura?

A literatura non ten inimigos. É coma unha boa, todo o mastiga, o tritura, o dixire.

Considérase unha artista?

En potencia, si, porque todos o somos. Pero na realidade teño dificultades para tomarme a min mesma en serio. Quero dicir, non me vexo nese papel.

Importánlle as críticas?

Claro, coma a todo o mundo. Anque a máis terrible crítica de min mesma son eu.

De todo o que se ten dito de vostede, que é o máis lle doeu?

Home, non se teñen dito tan malas cousas, mais ben boas! A sensación que teño é que a xente que me coñece e os lectores que me len en xeral apréciame, e espero non estar equivocada.

Ata que punto son as súas obras autobiográficas?

Sempre son autobiográficas, sempre escribimos do que sabemos, do que coñecemos, pero iso non quere dicir que a persona que se trasluce na nosa escritura sexamos nós mesmos.

Comentarios