martes. 19.11.2019 |
El tiempo
martes. 19.11.2019
El tiempo

Luisa Castro: "Hai momentos para recoller en vida, mirar a colleita"

Luisa Castro asoma entre a estatua de As Dúas Marías situada na Alameda de Santiago. LUIS POLO
Luisa Castro asoma entre a estatua de As Dúas Marías situada na Alameda de Santiago. LUIS POLO
A poeta focense compila dúas décadas de versos en La fortaleza. Poesía reunida (1984-2005), unha viaxe pola súa lírica dende a etapa universitaria ata os "anos de silencio"

O escritor italiano Andrea Camilleri faleceu hai case un mes, pero con el non morreu a súa carreira, xa que quería que a literatura o sobrevivise. Deixou pactada a edición dun último libro tras o seu pasamento.

Dun xeito contrario, Luisa Castro (Foz, 1966) revive unha parte da súa traxectoria coa publicación de La fortaleza. Poesía reunida (1984-2005) (Visor) e evita a morte das súas verbas.

"Chegou un momento no que non había modo de atopar os meus libros", comentou abraiada a autora focega, da que se poden localizar algúns exemplares por ata 100 euros en internet.

A escritora mira cara ao pasado ao recompilar seis dos seus poemarios, comenzando por Odisea definitiva. Libro póstumo que foi escrito "case cun pé recén chegada á facultade de Filoloxía" e pechando coa "volta a Galicia" que supón Amor mi señor. Ademais, esta compilación coincide coa reedición de Baleas e baleas (Galaxia), o seu poemario en galego.

A escritora tamén publicou o poemario Actores vestidos de calle despois de doce anos sen ter actividade editorial

"Hai momentos para recoller en vida, mirar a colleita destes anos. Faise difícil resumir dúas décadas. A vida e a xente cambian moito, pero o resultado é que seis libros de poesía escritos entre 1984 e 2005 son unha unidade", afirmou.

Castro estivo afastada -non lonxe- durante 12 anos e no mesmo ano volve por partida doble. A La fortaleza súmase Actores vestidos de calle (Visor), poemario en castelán. Despois do 2005 abriuse "unha etapa de escritura e pouca publicación, anos de silencio" que agora chega ao seu fin.

"Todo o que ten que ver co silencio é purgativo. Traballei moito dende nova e moi intensamente tanto en poesía como narrativa e xornalismo, agora ábrese unha etapa persoal para probar", reflexionou.

A poeta desafía ao medo de mirar en vida o camiño percorrido con La fortaleza, título que fai referencia "á construción que facemos ao longo da vida", e observa de xeito "positivo, a touro pasado" cousas como o súa estancia en Madrid, a chegada a Barcelona ou a pescuda de recordos da infancia, que influíron na súa poesía.

Traballei moito dende nova e moi intensamente tanto en poesía como narrativa e xornalismo, agora ábrese unha etapa persoal para probar

"Síntome relacionada con todo o que escribín. Isto foi puntuar unha gramática dos sentimentos. Os meus poemarios son variados en tonalidade e tema, digamos que son de mesma nai e distinto pai, e aínda así teñen a mesma pegada. Son da mesma persona en distintas xeografías. Con máis de 50 anos teño a sensación de que gañei batallas", asegurou.

Luisa Castro leva anos vivindo a "cousa rara de ter a unha lingua persoal e outra literaria". A poeta mantén o galego na cabeza e na boca, "a cociña da literatura", pero recurre tamén ao castelán para expresarse xa que "non hai diferencias entre as línguas, son os falantes os que a destacan".

"Non é o mesmo galego o de Rosalía que o dun libro recén publicado. Os idiomas existen como propiedades da xente. Dispoño dunha lingua secreta para preservar esa parte íntima de min", expresou.

"O poeta é o recipiente, percibe o entorno, segue o rastro e logo emíteo", resumiu Castro, que confesa que "ve o poema e debe consignalo". A poetisa focense trae así de volta poemas que forman parte de moitas outras vidas.

Luisa Castro: "Hai momentos para recoller en vida, mirar a colleita"
Comentarios