sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

Luís Seoane recibirá a homenaxe no Día das Artes Galegas o vindeiro ano

Unha das obras de Luís Seoane. EP
Unha das obras de Luís Seoane. EP

O artista foi a única candidatura barallada pola Academia de Belas Artes. O recoñecemento súmase ao Día das Letras Galegas que mereceu en 1994 pola súa faceta de intelectual e poeta

Ilustrador, pintor, gravador, tipógrafo, panfletista, ceramista, muralista ou grafista. Todo isto foi Luís Seoane, o artista que será homenaxeado no Día das Artes Galegas en 2019. Un recoñecemento que lle chega despois de serlle dedicado o Día da Letras Galegas en 1994 pola súa faceta de intelectual, poeta, editor e xornalista.

Poucos artistas na Galicia teñen méritos dabondo para recibir dúas homenaxes desta categoría, pero é que Seoane "é o artista da solidez e da coherencia, o home de pensamento e acción, o home de forte e rexo compromiso", segundo sinalou a fundación Alexandre Bóveda cando o propuxo para o Día das Artes Galegas 2018, que porén recaeu no arquitecto Alejandro de la Sota.

"A orixinalidade e a vitalidade da súa obra converteron a Luís Seoane nun artista con grande proxección internacional, mais el quixo sobre todo ser instrumento ao servizo da liberdade e contra a orfandade cultural que asolagaba o noso país", engadiron sobre un artista que "representa como poucos o home fiel ao seu país, capaz de romper esa falsa dicotomía de tradición e modernidade, esa falsa bipolaridade de culto e popular".

Luís Seoane é un dos máis grandes artistas plásticos galegos de todos os tempos, e sen dúbida o máis completo e coñecido

A elección de Luís Seoane non chegou no 2018 como pedía a fundación Alexandre Bóveda, pero si no 2019 tras un acordo tomado por unanimidade polo plenario do Academia Galega das Belas Artes, realizado no edificio Fonseca, en Compostela.

Luís Seoane (Bos Aires 1910- A Coruña 1979) é unha personalidade poliédrica, unha das máis relevantes da cultura galega durante o século XX.

A de Seoane foi a única candidatura que se considerou por parte da Academia. "Unha vez que se propón un nome como o del, non hai moito debate posíbel", sinalaron fontes da institución a Sermos Galiza.

Luís Seoane é un dos máis grandes artistas plásticos galegos de todos os tempos, e sen dúbida o máis completo e coñecido. A súa obra é tan extensa como o foron as súas inquedanzas artísticas e intelectuais. A súa obra pictórica reflicte ese amor a Galicia e a súa ansia por recuperar paisaxes, símbolos e personaxes galegos para facelos universais.

Nado en Buenos Aires no ano 1910, fillo de emigrantes, veu de neno en 1916 a Galicia e instalouse na Coruña. Membro do Partido Galeguista, en setembro de 1936 fuxiu de España vía Lisboa para exiliarse no seu Bos Aires natal. Voltaría, pero a súa vida foi sempre un constante ir e vir de Arxentina a Galicia. Así regresou a España en 1960, pero alternou a residencia en América con A Coruña, donde morreu en 1979.

Luís Seoane recibirá a homenaxe no Día das Artes Galegas o vindeiro...
Comentarios