Luis Iglesia: ''No creo en la suerte, nada en la vida ocurre por casualidad''

O actor lucense, que deu vida a Carmelo Matalobos, o xefe do clan de narcos máis famoso de Galicia, fai un repaso á súa andaina na serie e demáis proxectos tras coñecerse que a producción, unha das máis exitosas do audiovisual galego nos último anos, toca á súa fin. 

-  Matalobos volveu tras o Nadal... pero para dicir adeus.
Si, último comunicado público que lemos da produtora falaba de final definitivo. Foi uns días antes de emitirse o derradeiro capítulo. 

- ¿Pero vostedes non recibiran ningunha comunicación oficial? 
[Ri] Isto pasa sempre. Os peores informados somos nós, e iso que somos as caras e aos que a xente lles pregunta pola rúa. Sempre pensan que te estás a quedar con eles cando lles dis que non sabes nada do tema.

- ¿Rumoreábase, cando menos?
Catro meses antes de comezar a última tempada de Matalobos, díxose que só iamos gravar 5 capítulos para botar o peche á serie. Este tipo de cousas levámolas sufrindo desde a segunda tempada. Matalobos foi, seguramente, unha das series peor tratadas pola TVG a pesar do seu éxito. 

Cando dabamos por rematada a serie, gañamos o premio europeo Prix Circom [o ano pasado, á mellor serie de ficción] e creo que ese foi o detonante para que decidiran facer 13 máis.

- ¿E teñen idea de cal pode ser o final do clan, de como vai rematar a serie?
Se te fixas, desde a terceira tempada, todos os finais poderían ser final de serie. De feito, hai graves problemas para reiniciar e coller impulso, pero é que había que deixalo todo ben pechado por se acaso acababa. 

- E con iso tamén se arrisca un a que a xente perda o interese...
Si, mais, curiosamente, unha das cousas que axudou a sobrevivir a Matalobos un ano máis foi o movemento a través da rede que se xerou por mor desa ameaza de final. O grupo chamábase Por unha qinta tempada de Matalobos, creo recordar, e cónstame que estiveron bombardeando a chamadas e a emails á TVG para que continuase a emisión.



- ¿A que se debe ese trato por parte da TVG?
Ignóroo. Tamén me pregunto: ''¿Por que Matalabos e non outra?''. Por suposto, xogo
as miñas cábalas, pero non sei a que se debe. O único que constatamos é o feito. Teñen deixado de emitir a serie durante máis dun ano, cousa que nin a máis exitosa das series de todo o mundo pode soportar doadamente. En EE UU isto non o farían nin tolos cunha serie que funciona.

- Desta volta, ¿podería volver soar a campá dos fans?
Non o creo. Aínda que a situación socioeconómica pode rebentar en calquera momento, a min sorpréndeme a forma que temos de asumir as ordes: o recortable, o prescindible, o asumible... Que a cultura o sexa a min paréceme un suicidio, ademáis de que aquí é, por lei, un sector estratéxico e debe ser defendido como tal.

- Este ano arrincan con 13 candidaturas aos Mestre Mateo, ¿atrévese a facer una quiniela?
Non [ri]. Non son da Academia e prefiro reservarme as opinións ao respecto. Facer o contrario paréceme pouco elegante. 

- Dixo unha vez que envexaba aos cataláns por ter conseguido que unha película súa [Pa Negre] arrasase nos Goya. Este ano, cando menos, ¿celebrará a nominación do Apóstolo, non?
Por suposto, aínda que a situación dun e doutro filme non é exactamente a mesma. Eles presentaron unha película fermosísima en catalán cando aquí levamos moitos anos discutindo que é o audiovisual galego. De calquera xeito, non creo que este sexa o momento de falar deste tipo de cousas. Hai épocas nas que un comentario pode converterse nunha bomba, épocas nas que a responsabilidade radica na resistencia, non nas diferenzas ou na crítica.

''Matalobos' foi unha constelación, tiña moitas cousas moi anovadoras e moi boas''

- Pregunta obrigada. ¿Onde residía o éxito de Matalobos?
Era unha constelación; hai varias cousas. Os equipos galegos son uns fóra de serie. Están acostumados a traballar en condicións moi duras e solventan problemas que para outros son inimaxinables. O noso tamén era un moi bo equipo, que se sumaba á fantástica idea orixinal de Carlos Portela. A historia era pouco común, nunca vista nunha TVG afeita aos produtos amables. Isto é cru. Ademais, o formato era moi anovador e pouco custoso, pero ben logrado, e a iso tamén se lle sumaba unha boa repartición. 

- ¿Non lle chama a atención que as historias sobre narcotráfico, logo de tanto dano como este fixo en Galicia, teñan tanto filón? ¿É morbo?
Os grandes temas repítense en todas as partes do mundo: o amor, o odio... De Matalobos engancha a simbiose entre o ben e o mal que tanto se percibe nas personaxes: nin os malos son tan malos nin os bos tan bos. Pero, como digo, os mitos que se esconden detrás de cada historia son sempre os mesmos. E sempre funcionan. O único que cambia é o envoltorio, a forma de tratalos.  

Pode chamar a atención que aquí se agochen tralo narcotráfico, o cal estivo oculto en Galicia durante moito tempo por ser un tema tabú, unha vergoña. Pode que iso axude. Ademais, resulta que cando atopas a alguén que o viviu directamente e vé a serie diche que aquilo era tal e como aparece agora na pantalla. Aínda que eu non creo que os narcos fosen exactamente iguais aos de Matalobos, por guapos e elegantes, quero dicir [ri].

- Non contaba eu con sacar a súa faceta de sex símbol...
[Ri] ¡Nin eu! ¡É que iso tamén chama a atención! Hai señoras ás que atopo pola rúa e me din: ''¡pero que malo es!'', cun sorriso de orella a orella. Que un malo che resulte atractivo, co sorriso, coa ollada, porque che parece guapo... ¡Iso sí que dá morbo!



''Metinme no ximnasio antes de gravar para poder lucir abdominais''

- Supoño que na elección do actor tamén iso tería que ver...
Foi máis cousa miña á hora de traballar a personaxe. Un grande amigo meu adoitaba dicir que cando preparas un papel hai que pensar que, cando menos, o público é tan intelixente coma ti. Tes que analizar o que che gusta ver na tele. A min, persoalmente, gústame que o malo me caia ben. Pensar: ''¿Como me pode estar caíndo ben este desgraciado?''. Enfréntame á miña ética e á miña moral. E iso é o que intento facer.

- ¿Costoulle moito labrar a personaxe?
Non. Bueno, tres meses antes de comezar, metinme no ximnasio. Facía 4 sesións semanais para lucir abdominais o día que quitase a camiseta. [Ri]. Isto non llo contei a ninguén, ¿eh?. Todo iso formaba parte do meu plan. Quería que Carmelo resultase atractivo falando, mirando, que tivese sentido do humor... Un galán, vaia. Aínda que tamén quería que, ao remangar a camisa, metese medo.

- ¿Afectaron os premios gañados á exixencia, á forma de traballar?
A min os premios impórtanme pouco. Agradézoos moito, pero entrar a competir por méritos é meterse na fogueira das vaidades. A min o premio que me importa é o do público. Se constato que o meu traballo gusta á xente, con iso basta. Non hai moito máis que pedir. Eu diferencio a popularidade do éxito. Non teñen nada que ver. 

''Como actor, debo moito aos meus 26 anos na dobraxe''

- Popular, sen deixar de ser exitosa, si que é a súa voz, que deu vida nas pantallas galegas a todo tipo de personaxes [de Harrison Ford ou Mel Gibson á rá gustavo, pasando polo gato Garfield].
Antonio Mourelos e mais eu sempre dicimos que tivemos a inmensa fortuna de traballar cos mellores da historia durante máis de 25 anos, dobrando as mellores películas e aprendendo polo miudiño, vendo cada secuencia varias veces... Iso para un actor é unha mina. 

- ¿Que foi antes, actor de dobraxe ou de televisión?
Eu comecei como actor de teatro aficionado en Lugo. Varios profesores animábanme a ser actor e avisáronme de que en Santiago se celebraba un curso de dobraxe. Vin e xa nunca marchei. E logo viñeron os seguintes pasos. A faceta de actor de dobraxe é unha faceta máis pero poder compaxinala en calquera medida permíteche aprender moitísimo. Eu debo moito aos meus 26 anos na dobraxe. 

- Actor de dobraxe adicto á versión orixinal. ¿Como conxugamos eses dous termos?
Eu inventei hai anos un sistema de dobraxe. Moita xente dicía que eu e o meu traballo eramos distintos do resto, e tentei reparar nesas diferencias. Fundamentalmente, eu dobraba polos ollos en vez de pola boca. Fixábame na expresión do actor orixinal e trataba de imitar os seus xestos. Copiar estrictamente o orixinal, aínda que o orixinal é o que é e ten as súas limitacións. Moitas veces o corta e pega deriva nun produto totalmente diferente do guión. 

Aínda que eu defenda a versión orixinal e inclusive sen subtítulos, nos que se vai máis da metade da atención, coido que a dobraxe en galego sí está xustificada. Pola súa situación de competencia directa co castelán, este tipo de ferramentas son as que lle poden servir para acadar, cando menos, a mesma posición. Se o castelán o fai, nós tamén temos que facelo; é unha ferramenta básica para a normalización. 

- Como docente, ¿como ve o futuro que lle depara a crise aos seus alumnos, futuros actores de dobraxe en galego?
Moi malo. O prezo do noso traballo leva 12 anos conxelado, perdemos máis do 50% do poder adquisitivo e dóbrase menos da metade do que se dobraba hai dez anos. Os datos xa son demoledores. Ademais, acúsase ao sector de ser moi hermético, e éo en parte. A competencia é moi dura. Saes da academia e atópaste cun actor que leva vinte anos gravando, que entra no estudio e fai o seu traballo en 5 minutos. Competir con iso é moi difícil. Na nosa profesión, o tempo é ouro. 

-Nuns días, despedirase temporalmente da televisión pero dá de novo a benvida ás táboas. Gaivotas subterráneas, un reencontro entre dous amigos... ¿que ingredientes nos pode adiantar?
É unha especie thríller psicolóxico, hai moitas reviravoltas e moitas réplicas e nós que se van desenredando aos poucos. Trata das penurias económicas e da necesidade que temos ás veces de nos liberar da vida cotiá a través dos cartos. Neste caso, para acadar tal obxectivo, un amigo tenta aproveitarse doutro, pero á fin acaban pesando máis outros valores como a propia amizade entre ambos. 

 

- Vostede, ¿quen vén sendo?, ¿o que abusa ou o do que abusan?
Eu son ao que lle piden axuda, que en principio parece o máis débil dos dous, aínda que á fin acábase demostrando que na historia non hai tanta debilidade como parece. 

''O equipo de 'Gaivotas subterráneas' tiña claro que nos quería a Deive e mais a min''

- É un reencontro imaxinario pero tamén real, protagonizado por vostede mesmo e Xabier Deive, con quen compartou escea en Matalobos.
Cando naceu este proxecto, hai dous anos, os creadores tiñan claro que a cabeza de

 cartel tiñamos que ser nós os dous; era a  máxima que tiñan. ¡Non tiñan nin o texto nin  o director cos que finalmente traballamos,  pero tiñan claro que nos querían a nós!  Estamos encantados, por suposto, porque  desde que nos coñecemos na rodaxe da  serie, compenetrámonos á perfección. Eu  falo moi ben del e sei que el tamén o fai de  min. 

 - É dicir, que son vostedes máis estrelas que a mesma obra...
 Á persoa que nos escolleu ten debilidade  por nós. Díxonolo el, non o estou  inventando. Nada ocorre por casualidade.  Eu non creo na sorte, senón na 'sementeira'. 






- Levaba 6 anos sen pisar a escea teatral. Contando con que compaxinou os ensaios coa grabación da serie, ¿foi dura a volta?
¿Hai tanto, en serio? [Fai contas]Cando suba ao escenario xa cho direi, pero polo de agora aos ensaios é unha maravilla ir. ¿Sabes o que ocorre? Neste caso, está todo do noso lado. Traballei moito con Artur Trillo pero como actor [eran cuñados en Matalobos], non como director. É súper relaxado no traballo e iso contáxiao, co que eu dou moito máis de min. Aquí semella que nos puxeron todo na man para que saíse ben. Está todo moi ben artellado, polo que se vai mal será culpa nosa. 

- Presentando Gaivotas subterráneas, vostede aventurou que quizáis con un paso coma este ''a TV podería devolver ao teatro algo do o que éste lle tiña dado'' ao longo dos anos. ¿A qué se refería?
En calquer país normalizado, véxase o caso do Estado español, trala súa aparición, a televisión nutriuse de actores do teatro, nomes coñecidos de sagas famosas que a forneceron e fixeron que gañase audiencia. No caso galego, non había unha canteira de actores de teatro que poder ofecer á tele, pero agora a canteira de actores de televisión pode fornecer o teatro nun proceso á inversa. Hai moita xente que vai a ver ao teatro aos rostros que coñecen da TVG. ¡Roberto Vidal Bolaño, que prácticamente é o teatro galego, fíxose realmente famoso co seu pequeno papel en Mareas Vivas!



Luis Iglesia, mandando unha mensaxe de bo Nadal desde os ensaios da nova obra teatral

Comentarios