Javier Peña: "Suxeríronme que me cambiase o nome para a primeira obra"

O escritor presentou en Lugo Agnes, unha obra sobre un seudónimo que debe revelarse
Carmen Magdaleno e Javier Peña, na presentación de 'Agnes' en Lugo /SEBAS SENANDE
photo_camera Carmen Magdaleno e Javier Peña, na presentación de 'Agnes' en Lugo. SEBAS SENANDE

Javier Peña quixo ser Javier Peña. "Cando asinei a anterior novela, Infelices, en 2016, estaban de moda os Javier Peña. Había un personaxe da Narcos que se chamaba Javier Peña e un chef bastante famoso que era Javier Peña. A editorial, Blackie Books, suxeriume poñerme outro nome como escritor". Javier Peña, o escritor, parece demasiado amable como para dicir que non; parece tan sensato que debeu pensalo durante os tres anos transcorridos entre o contrato e a publicación. "Eu fantaseaba con ser un escritor fantasma, pero pensaba en que, se me poñía un nome como Fulgencio, non me daría a volta", comenta antes de confesar que esperba outra acometida da editorial antes de publicar Infelices, "pero non dixeron nada e eu quería asinar co meu nome despois de nove anos sen facelo" porque escribía discursos para un conselleiro na Xunta. "Estou ligado a ese nome,  non son un criminal como para ter que cambialo".

A partir desa experiencia "pensei en Elena Ferrante", o seudónimo italiano para dar a vida a Luis Foret en su nueva obra, Agnes (Blackie Books). A protagonista, Agnes, traballa nunha revista da que é despedida. Se logra desvelar a identidade  do escritor que traballa baixo o alcume de Luis Foret, recibirá o salario dun ano. Aínda non sabemos quen é Elena Ferrante, "pero houbo unha tradutora que fixo un movemento dunha cantidade importante de cartos nun banco e os tradutores gañan coma os escritores", bromea antes de desvelar que acontece tamén co autor da súa novela, "a quen agora lle  vai moito mellor que antes".

Javier Peña non sabe se esa vivencia lle influíu en maior medida que outras. "Todas as experiencias serven para escribir", alega como tratando de sacudirse a cuestión, "pero non o sei". "Estiven nove anos no xornalismo deportivo e sete escribindo discursos. Iso vouno levar comigo sempre". Hai unha marca indeleble. "Cando escribía para outra persoa na Xunta non tomaba as decisións, pasaba o meu texto e outra persoa riscaba en vermello as frases que non quería". Tampouco rexeita que Agnes poida ser a súa vinganza contra eses anos de escribir no lado escuro. "Pode ser. A Luis Foret vaille moi ben se o miramos dende o punto de vista que asociamos con iso", indica. Pero o seu cariño vai dirixido á personaxe de Agnes. "Pode ser que Foret sexan os meus peores momentos na Xunta e na vida, e que ela ten que darlles luz".

Peña busca unha literatura que se pareza extraordinariamente á vida. 'As cousas vanlle ben ao fillo de puta'

Nese punto entende necesaria unha reflexión. "Teño unha visión positiva de Agnes. Ten defectos, todos os temos; todos somos gilipollas. Nunha ficción narrativa quedamos coa parte boa ou coa parte mala dos personaxes. Eu quero a quen quero polos seus defectos, porque son capaz de soportalos. De todos os meus personaxes principais, que son cinco na novela anterior e dous nesta, Agnes é o que máis quero".

Desliza que o motivo pode ser que ela fai "xornalismo de declaracións". "Na novela hai unha crítica a ese xornalismo, non aos xornalistas que o fan. Poslle un altofalante a un político ou a un deportista, e non tes tempo nin ganas de comprobar se o que che din é verdade. Aínda que sabes que o están facendo, pensas en que tes dous días cubertos: un día coa noticia e outro co desmentido".

Peña busca unha literatura que se pareza extraordinariamente á vida. "As cousas vanlle ben ao fillo de puta. A aquel que se sabe mover e que é máis fillo de puta vanlle mellor as cousas, pero hai que ver cómo lle van por dentro". O mal está xeneralizado "no deporte e na política, pero sobre todo na política". O mundo literario parecía máis pousado dende fóra, "pero é moi competitivo. Tes que vender, lograr varias edicións, hai ránkings,... Todo iso non me interesa". Por iso, vai empezar este outono coa seguinte novela. "Sairá nun par de anos".