Luis Davila: "Gústame meter a aspiradora Rumba na leira"

O Bichero asinou o seus libros de humor gráfico e debuxou viñetas na Feira do Libro de Lugo.
O Bichero asina exemplares dunha obra súa na Feira do Libro de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera O Bichero asina exemplares dunha obra súa na Feira do Libro de Lugo. SEBAS SENANDE

Luis Davila explica o mundo dende Bueu e en viñetas. Naceu na localidade do Morrazo e segue vivindo alí. Moveuse á Coruña para estudar na escola de artes Pablo Picasso e volveu a Bueu. Recórdase debuxando dende o primeiro da súa vida. Vive de facer humor gráfico asinando como O Bichero. O nome refírese a un pao coroado por un gancho. Os cosacos rusos usábano na pesca ceremonial do esturión.Os mariñeiros galegos levan un bicheiro no chalano para achegar, empuxar, rachar ou suxeitar cousas. Davila utilízao para criticar, sinalar, denunciar ou dar cariño a través dun elenco de persoas maiores do ámbito rural. Falando a través fala do mundo.

O viñetista pasou o sábado pola Feira do Libro de Lugo para debuxar e para asinar exemplares da decena de libros nos que recolle os traballos que publica a diario no Faro de Vigo desde 1998. "Antes tiña o meu sitio na redacción, agora teño un estudo na casa", comentaba sobre os seus chistes que nacen dunha rutina "anárquica de traballo". "Hai días nos que as ideas nacen cedo pola mañá vendo os xornais e outras que saio á rúa e aparecen falando coa xente".

Os personaxes das súa pezas "atópoos segundo saio pola porta da casa porque son o veciño que gusta de ir a furanchos ou a tascas beber viño e filosofa co amigo; a muller brava que se levanta traballar arreo na leira e que despois pon o mantelo e prepara un churrasco para trinta, ou mariñeiro que bota o día na chalana pescando luras e chinchos". Davila desvela que "non hai unhas persoas concretas" de Bueu nos que se inspire para o humor. "Trato de manexar un abano amplo de personaxes partindo do ámbito rural, de cómo vemos o mundo, para falar dunha actualidade universal". Busca as ideas "nesa sabedoría da xente maior, á que observo".

Debuxa "xente da costa, xente de interior; tendo sempre presente o noso sentido do humor, a nosa ironía"


Ás veces, os seus chistes fan referencias concretas a lugares ou acontecementos da ría de Vigo, pero non atopa unha resposta negativa. Debuxa "xente da costa, xente de interior; tendo sempre presente o noso sentido do humor, a nosa ironía".

O seu estilo é partir dun punto de vista local para tratar a actualidade na súa dimensión máis ampla, tamén levar a tecnoloxía de vangarda ao escenario máis tradicional. "Gústame meter a aspiradora Rumba na leira, un dron que controla os marcos das fincas ou unha vella que se pon unha cámara pro na cabeza porque traballa para Google Earth; busco o humor antagónico, absurdo", argumenta para explicar o seu interese por facer humor "co contraste de levar o punteiro ao cotián". "Tómome a risa que a xente dependa tanto" de aparellos sofisticados, recoñece Luis Davila, a pesar de que a el lle servan para dar a coñecer a súa obra. "As redes son un escaparate que che permite que as viñetas corran como a pólvora. Encántame que me cheguen mensaxes de toda a diáspora" galega polo mundo, remarca