Oito lugueses optan aos Mestre Mateo, que se anunciaron nun acto no Ceao

Pepe e Jorge Coira, Melania Cruz, Xacio Baños, Andrés Goteira e Wences Lamas, finalistas
Anuncio dos finalistas na nave de Candelas. XESÚS PONTE
photo_camera Anuncio dos finalistas na nave de Candelas. XESÚS PONTE

Moitas casas de Galicia estiveron este xoves atentas ao que acontecía nunha pequena sala da nave de Café Candelas no polígono industrial de O Ceao, en Lugo. Un total de 24 sobres gardaban a boa sorte —e a mala — dos finalistas aos premios Mestre Mateo na súa vixésima edición.

Finalistas e candidatos, non nomeados nin nomeacións como ben especificou ao comezo do evento a comunicadora Esther Estévez, estrela da TVG grazas ao seu formato de educación lingüística en Tik Tok Dígocho eu.

Os encargados de rachar os sobres, con triple selo, foron a propia Estévez, a xornalista Alba Mancebo e os intérpretes Beatriz Serén, María Costas e o lucense Luís Iglesia.

A representación do talento da provincia non quedou no actor, pois entre os candidatos aos Mestre Mateo tamén se atopan os cineastas Brandán Cerviño (A comuñón da miña prima Andrea), Xacio Baños (Augas abisais), Andrés Goteira (Welcome to ma maison) e os irmáns Pepe e Jorge Coira (Hierro),

Tamén acadaron un posto finalista o animador David Fidalgo Omil (Cacola), a xornalista María Yáñez (Xela Arias. A palabra esgazada), a actriz Melania Cruz (Malencolía) e o compositor Wences Lamas por Jacinto.

Na apertura de sobres houbo momento para as emocións e os recordos, así como lembranzas para todos os que recibían as novas na súa casa. "Ao final, coñecémonos moitos entre nós", comentaban na sala.

'Cuñados', ‘Malencolía’ e ‘Jacinto’ son os títulos con máis candidaturas, que se resolverán na gala con cea ao estilo Globos de Ouro

"Estar en Lugo é especial, que se faga desde aquí o anuncio; achégame á miña terra. Eu vendín moito café de Candelas na tenda que había na casa, isto lévame á miña infancia. Vendiamos moitos sacos de medio kilo para as paridas, que o acompañaban con Sansón", dixo Iglesia.

O medo xeral nos cinco vogais era non errar ao dicir o nome de alguén ou un título, pero segundo saían nomes o verdadeiramente complicado era conter a emoción. "Hai categorías como as de videoclip ou anuncio publicitario que son campos de minas", recoñecía María Costas.

A xornalista Esther Estévez, viral en redes sociais ao longo do pasado ano, acadou un posto como finalista a mellor comunicadora que recibiu en tempo real, espertando os aplausos na sala.

"Este recoñecemento, que sen gañar o premio xa o é, proba que existen formatos fóra dos medios tradicionais que poden funcionar. Somos un equipo de tres persoas e esta candidatura significa un mundo para nós, tamén para os que sacan adiante outros formatos persoais en espazos novedosos", explicaba Estévez entre bágoas.

A cineasta Sonia Méndez, presente na sala tamén como membro da Academia Galega do Audiovisual, logrou ser finalista polo documental A poeta analfabeta. "É posible que leve á poeta Luz Fandiño á gala, isto é moi emocionante e máis para ela con 91 anos", afirmou a directora.

"Esta foto fixa dos presentes marca un encontro entre xeracións que mostra o bo estado da nosa industria, aínda que agardamos que o vindeiro ano en lugar de cinco series poidamos contalas por centos", explicaron desde a Academia.

Como sinalaron ao comezo do anuncio das candidaturas, este ano os Mestre Mateo adquiren un formato parecido aos Globos de Ouro ao celebrarse no trasncurso dunha cea a gala de premios, na que os que máis poden gañar son Cuñados con 16 candidaturas e Jacinto e Malencolía con 11.

Comentarios