A luguesa Olga Osorio comeza o luns a rodaxe de 'Un pasado por delante

O filme estará protagonizado por Tamar Novas (Santiago de Compostela, 1986) e Marta Nieto (Murcia, 1982)
Olga Osorio. EP
photo_camera Olga Osorio. EP

O filme Un pasado por delante, protagonizado por Tamar Novas (Santiago de Compostela, 1986) e Marta Nieto (Murcia, 1982), comeza a rodarse na Coruña este luns.

Esta película familiar, producida por Vaca Films, está dirixida pola luguesa Olga Osorio, na que será a súa primeira longametraxe. O guión corre a cargo da propia Osorio e de Araceli Gonda (Cuñados, Hierro,18 comidas).

O gañador do Goya ao mellor actor revelación por Mar adentro, Tamar Novas e Marta Nieto (Feria, Tres, Madre) protagonizan esta longametraxe, a cal tamén conta coas interpretacións de Mabel Rivera e Manuel Manquiña, entre outros.

A ópera prima de Olga Osorio ten a súa orixe na premiada curtametraxe Einstein-Rosen, que se estreou no Festival de Sitges en 2016 e colleita 69 premios nacionais e internacionais.

Emma Lustres, de Vaca Films, define a Un pasado por delante como "unha áxil comedia enmarcada nun contexto de ciencia ficción que aposta polo entretemento familiar". "Falamos das emocións humanas máis profundas, achegándonos a unha relación de amizade entre dous irmáns tan natural como universal. Para nós é un reto poder abordar un xénero do que existen poucos exemplos no audiovisual do noso país", di.

A película é unha produción de Vaca Films e Quien a Hierro Mata AIE, coa participación de Amazon Prime Vídeo, RTVE, CRTVG, así como co apoio de ICAA (Ministerio de Cultura), Agadic (Xunta de Galicia) e Programa Media. Chegará aos cinemas no verán de 2023.

Comentarios