A luguesa Melania Cruz interpreta a Rosalía cunha visión rompedora

A TVG estreará o vindeiro mércores 16 Contou Rosalía, unha biografía da autora

Melania Cruz, na caracterización de Rosalía de Castro XURXO LOBATO (ZENIT TELEVISIÓN)
photo_camera Melania Cruz, na caracterización de Rosalía de Castro XURXO LOBATO (ZENIT TELEVISIÓN)

SANTIAGO. A Televisión de Galicia (TVG) estreará, o vindeiro mércores 16 de maio —véspera do Día dás Letras Galegas—, a película Contou Rosalía, unha produción protagonizada pola actriz lucense Melania Cruz que «rompe» coa imaxe «triste» que se ten da escritora de Padrón.

Así o explicou nunha rolda de prensa a súa directora, Zaza Ceballos, quen anunciou que a longametraxe, cunha duración aproximada de 95 minutos, será emitida «posteriormente» en forma de miniserie, con dous capítulos de 55 minutos cada un. Ademais, trala emisión da película o día 16, emitirase un documental tamén producido por Zenit TV.

Á rolda de prensa tamén asistiron o director de proxección social da TVG, Xaime Arias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e o presidente da fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quen erixiu a Rosalía en «todo un emblema» que «une Galicia».

O proxecto, rodado «integramente» en Galicia, segundo apuntou Sutil, mostrará a etapa da vida de Rosalía de Castro cando vivía en Madrid.

Segundo a dirctora, Zaza Ceballos, esta é unha biografía que desmonta a «imaxe triste» que se ten da escritora de Padrón

Durante esta época, segundo a directora da longametraxe, a autora «érao todo» e «estaba en pleno namoramento» do que foi o seu marido, o tamén escritor Manuel Murguía.

E é que, segundo Ceballos, existen «tantas facetas por descubrir» da escritora orixinaria de Padrón (A Coruña) que buscaron «os mellores momentos» para reflectilos na película.

Tal e como subliñou Angueira, a escritora «aínda está viva para todas as artes» pero «carecía dunha produción no mundo do audiovisual». Tamén incidiu en que a película dará a coñecer a obra O cabaleiro das botas azuis, na que a autora incluíu ideas de «independencia, liberdade e igualdade».

Durante a súa intervención, Arias lembrou que esta é a cuarta muller galega «sobresaliente» que a produtora Zenit TV leva á televisión autonómica, despois doutras tres películas que mostraron a vida das escritoras Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Juana de Veiga.

Pola súa banda, o director de Agadic valorou a figura de Rosalía de Castro como «personaxe que en momentos moi complicados fixo moito polos dereitos humanos». «Esperemos que teña unha gran aceptación entre o público», concluíu.

Comentarios