Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

Lucía Peréz: "'Que me quiten o bailao' deume moitas cousas"

Lucía Perez. EP
Lucía Perez. EP

A artista inciega cumpre tres lustros de carreira musical e celébrao con '15 soles', un disco en galego no que se rodea de amigos

Acaba de regresar de Lisboa, onde estivo convidada pola RTP con motivo do Festival de Eurovisión, e comeza a promocionar o seu máis recente disco, producido por ela misma; o seu irmán, Vizcaíno, e Chema Purón, o compositor de boa parte dos temas da súa carreira. Lucía Pérez (Goo, O Incio, 1985) comezou a ser un rostro popular para os galegos grazas ao concurso Canteira de cantareiros do Luar da Televisión de Galicia, cando era unha nena de 16 anos.

Recoñécese naquela rapaza que semana tras semana era a más votada polo público?

Fíxate que nos concursos nos que eu participaba case sempre estabamos os mesmos. Eu sempre quedaba aí, ás portas, máis como finalista que como gañadora. Foi unha grande escola de escenario. Despois fun á Canteira de cantareiros e era a máis votada polo público. Levábame miña nai, que me dicía: "Ti vai para desfrutar. Se o pasas mal, non te volvo levar máis". Pouco a pouco foi formando parte de min.

Os seus pais tamén foron moi insistentes en que a vocación tiña que ir da man dunha formación...

Eles eran conscientes de que este mundo é moi inestable. Eu teño aí o meu grao medio de guitarra clásica. E moita xente pregúntame que por que non toco máis a guitarra, pero o certo é que o instrumento que máis me gusta é a voz. Tamén teño aí os estudos de Maxisterio Musical e Pedagoxía.

Precisamente, nos días antes de participar no Festival de Eurovisión de Düsseldorf, en maio de 2011, estaba vostede cos exames de Pedagoxía. Daquela preguntáralle se sentiría un fracaso ter que optar por ese plan B. Que di agora?

Nunca considerarei que sexa un fracaso. Son moi consciente do que esta profesión é e do difícil que resulta manterse. Se tivese que dar clases de música, pois faríao. É algo que non descarto, pero as vitaminas que me dá o escenario... Non me importaría crear unha escola ou academia de música, pero non me sentiría realizada de todo se non puidese compaxinalo con actuacións en directo. Sobre todo, se penso nos momentos bos que me ten dado a vida de cantante.

Sae agora 15 soles, o seu primeiro disco integramente en galego.

Si e non, xa que houbo un anterior, Dígocho en galego, pero era máis ben un compilatorio, con adaptacións. Este 15 soles é un álbum de alma galega, porque ser galega está no máis profundo do meu ser; é a miña raíz.

Como escolleu o repertorio?

Todas falan dalgunha época bonita para min. Abro o disco con Terra, unha canción de Xocaloma que ten 40 anos, que me encantaba nos tempos do Téquele Téquele. Tamén lle dou unha voltiña a un tema que lle cantaba Ana Kiro aos mariñeiros e está A Carolina, que si que está máis versionada. Hai outras que cantaba e bailaba nas romaxes e nas festas con meus avós e a que fixen durante a miña experiencia no Camiño de Santiago con Tonhito de Poi. Cos arranxos lévoas un pouco ao meu terreo, que é o da balada pop.

Tamén a nómina de colaboradores resulta moi diversa.

E creo que queda moi bonita esta amalgama. É unha sorte contar con Tonhito de Poi e Sito Sedes, que son como un contrapunto. Foi un placer inmenso ter ao meu carón a Xabier Díaz, con quen fago Rosiña do mes de maio, que gravaran a Señora Carmen e Uxía. Están Susana Seivane e Rosa Cedrón, dous nomes importantes da música galega, o cantautor Emilio Rúa e Chenoa. Síntome moi afortunada por todos eles.

Coincídelle a promoción do disco co inicio da tempada de verán. Como se vislumbra?

Fixemos ata o de agora cousas pequenas, como sinaturas en centros comerciais. Sempre se adían as saídas dos discos e si que se nos botou enriba a tempada de verán. Temos xa concertos pechados en Ourense, Burela, Melide, A Coruña e tamén confirmamos as festas de Monforte e o San Froilán de Lugo e varias datas na provincia de Pontevedra. De cara ao outono quixera facer unha serie de concertos en teatros ou auditorios para os que creo que se presta moi ben este 15 soles.

Vostede foi pioneira no de adaptar o formato da banda en tempo de crise. Nota algunha mudanza?

Todo artista quere ir coa súa banda e o espectáculo ao completo, pero seis músicos conlevan un orzamento máis alto que algo máis acústico con menos xente. A verdade que eu me sinto moi afortunada porque seguín traballando e a crise non me afectou demasiado. Agora parece que está repuntando un pouquiño. Virá ben.

"Non consideraría un fracaso dar clases de música, pero non imaxino a vida sen as vitaminas que me dá o escenario"

No seu caso, está tamén o complemento da televisión. Ten algún proxecto no horizonte?

Estamos aí a ver se sae unha cousiña con nenos. Oxalá, porque é algo que quería facer. A televisión enriquece a carreira.

Séguena a chamar de moitos eventos de eurofáns. Como o leva?

Aínda me convidaron de Eurovision Spain a presentar a preparty que fixeron en Madrid a finais de abril. É un público moi fiel que me ten encantada e agradecida.

Sete anos despois, está cansada de Que me quiten lo bailao?

Que va. É unha canción obrigatoria, que non pode faltar nunca. Non me poderei aburrir nunca dela, porque me deu moitísimas cousas. É un tema que nunca falta nos euroclubs e aínda agora me pasaron un vídeo nunha discoteca de Suecia onde estaban a bailala.

E segue a ser o mellor televoto de España nos últimos anos.

Antes non te fixabas moito nesas cousas do televoto, pero o certo é que fixo moitos puntos para a posición na que quedou.

Lucía Peréz: "'Que me quiten o bailao' deume moitas cousas"
Comentarios