Luces e sombras do apoio institucional

Aínda que non se coñezan os camiños polos que descorrerá a nova Administración no eido da Cultura, é unha realidade constatada pola maior parte dos autores que desde o cambio de Administración no 2005 a promoción da BD de creación galega comezou a ocupar un lugar máis relevante entre os obxectivos institucionais.

Ata había uns anos descoñecíase por completo un posible achegamento do poder a este sector. “Era o deserto total”, di Kiko da Silva. O apoio que amosou a antiga Consellería de Cultura queda patente ao abeiro de diversas iniciativas como a Mesa pola BD ou a mesma presencia institucional en eventos como o Festival de Angôuleme, ou o Saló do Cómic de Barcelona, en representación do colectivo de creadores galegos.

Axudas á creación
En abril deste ano desenvolveuse unha convocatoria de tres bolsas de axuda á creación de BD de 6.000 euros cada unha, nas que unha comisión avaliou os proxectos e premiou aqueles que se consideraron mellores. Tamén se destinarán 793.000 euros á adquisición de obras de BD nas bibliotecas galegas municipais, aínda que as bibliotecas poderán ter autonomía á hora de mercar os volumes, o que pode ser prexudicial para unha adquisición maioritaria de BD de autores galegos.

A biblioteca compostelá 'Anxel Casal' conta cunha Bdteca de 3.000 volúmenes, pero só un 10% son de autores galegos. Pío Barreiro, dono da tenda de Santiago más veterana no mundo comiquil, 'Kómik', opina sobre este recunchiño da biblioteca municipal cunha pregunta: “a ti paréceche que hai moitos volúmenes?” Certamente, comparado coa ausencia de BD noutras bibliotecas, o poder dispor deste servizo de préstamo de consulta parece un avance. Pero aínda que todo este recente apoio sexa positivo, falta máis.

Para Pío Barreiro, todos son beneficiarios do interese que a Administración poida mostrar. “Que se dean axudas institucionais é algo que as librarías realmente notamos, están moi ben as axudas a bibliotecas e  a promoción da BD en colexios por parte de Educación, pero non se pode confundir isto co traballo dos colectivos de autores, que chegaron a onde están pola súa conta case sen apoio institucional”.

O traballo de todos representado por Unha
“Dende aquel cambio de goberno -comenta Pío- notamos que se fixo, porque antes non había nada. Hai tres anos, unha comisión parlamentaria prometeu no Saló do Cómic de Barcelona que ían apoiar á BD. De momento estano a cumplir, pero non se poden apuntar o tanto de todo o que hai feito ata o momento”.

Isto apunta á cuestión de se é realmente necesario representar institucionalmente a un colectivo de creadores que chegou a onde chegou en moitos casos en solitario, sen o apoio de ninguén. Este tema xera controversia dentro do sector da BD. David Rubín deixa expresamente claro estar dacordo con algunhas das iniciativas.

“Paréceme ben ter presenza e que se aposte por este medio, e é para min motivo de celebración que Galicia sexa a comunidade invitada ao Saló de Barcelona, pero o que xa me chirría máis é o enfoque que se lle dá a todo iso, non o feito en si, que me parece positivo”.

O 'censo' dos privilexiados
Con isto, o galardoado do premio da crítica española á mellor obra no 2006 por 'La tetería del Oso Malayo', refírese á etiqueta de 'BD galega' promovida por Cultura e coa que non todos os autores galegos de BD comulgan. Para el, esa etiqueta "só engloba aos autores que están no censo da Xunta, é dicir, autores con obra publicada aquí ou fora. Pero hai moita outra xente que aínda non ten un monográfico publicado e non está dentro de ese censo, polo tanto seguen sen estar representados, nin por esa etiqueta nin por nada”.

É por isto polo que este autor, que sabe o que é abrirse camiño no mundo editorial sen o apoio institucional cun par de publicacións editadas no estranxeiro, opina que as formas levadas a cabo pola Administración no Salón de Angôuleme non sexan as correctas.

“O de Angôuleme véndese como unha promoción da BD e os autores galegos- explica Rubín- pero non funciona; levan dous anos facéndoo de xeito equivocado. No stand galego de Angôuleme non había publicacións, autores ou editoriais galegas. Tan só un catálogo, e iso non serve para conseguir que te chamen para facer un álbum en Francia”.

Comentarios