Luces que alumean o mar e os soños

A Secretaría de Política Lingüística da Xunta lanza un concurso para converter os escolares galegos en actores e directores das súas propias curtametraxes, que fomentarán o uso da lingua e reservarán un papel protagonista aos faros que presiden as costas galegas. Os filmes premiados proxectaranse no festival de Cans
El secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asiste a la presentación del concurso 'Senda dos faros'. PEPE FERRÍN
photo_camera El secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asiste a la presentación del concurso 'Senda dos faros'. PEPE FERRÍN

Unha acampada nas Cíes que remata en película de terror, un thriller policíaco entre os cantís da Costa da Morte ou unha comedia duns amigos que estaban no Resu e rematan, sen saber moi ben como, bañándose en Estaca de Bares. Todo ten cabida na última iniciativa da Secretaría de Política Lingüística da Xunta: unha certame de curtametraxes dirixida a alumnos da Eso, Bacharelato e Formación Profesional e ensinanzas especiais de grao medio na que eles mesmos dirixirán e actuarán nos seus filmes, co único requisito de que reserven os papeis protagonistas aos faros, eses belos guardiáns que alumean o mar e, dende agora, tamén os soños de milleiros de rapaces galegos nesa fábrica de ilusións que é o cine.

Ao premio de ver as súas obras proxectadas na pantalla engádese o incentivo de desfilar pola alfombra do festival de cine referente en Galicia: o de Cans, que se celebra na terceira semana de maio e onde, según explicou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, "exporanse os tres filmes que resulten finalistas". Tamén acudirán a vila porriñesa unha "representación de alumnos" dos centros participantes. "Para min, o verdadeiro premio vai ser ver máis de cen rapaces nunha aldea como Cans, onde apenas hai cativos", observou pola súa banda Alfonso Pato, guionista e director do evento, que se amosou "moi ilusionado" coa iniciativa durante a súa presentación onte en Santiago.

Pero, como ocorre entre as máis prestixiosas estrelas de Hollywood, estes pequenos cineastas non só optarán a ser galardoados en Cans, senón que tamén haberá, como se de Óscars se tratase, uns premios ao mellor actor e a mellor actriz que se entregarán nunha gala que se celebrará o 30 de maio na Cidade da Cultura e que será o colofón ao concurso, que xa está aberto a escolares de todos os centros da Consellería de Educación.

ATA O 30 DE XANEIRO. As solicitudes deberán formalizarse a través de internet antes do vindeiro 30 de xaneiro se ben haberá máis tempo, ata o 30 de marzo, para producir as curtametraxes, que "non poderán rebasar os cinco minutos de duración", explicou Valentín García, que anunciou que as bases xa poden consultarse no portal da lingua galega -www.lingua.gal- e na web da Consellería de Educación -www.edu.xunta.gal.

Os requisitos fundamentais son o emprego da lingua do país e a ambientación paisaxística nos faros galegos

Na nada sinxela tarefa de producir unha curta os alumnos poderán ser titorizados polos seus mestres, que tamén serán recoñecidos se a obra audiovisual que coordinen resultase galardoada. En concreto, recibirán o Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.

QUE SE VALORARÁ? Os requisitos fundamentais son o emprego da lingua do país e a ambientación paisaxística nos faros galegos e as súas sendas. "Non fai falta que toda a curtametraxe discorra dentro dun faro, pero si que estén presentes", bromeu Alfredo Fernández Ríos, director de área do Instituto Estudos Territorio (IET), organismo que colabora co Goberno galego na organización do certame, como tamén fan Agader, a Fundación Galicia Sustentable e o citado Festival de Cans, co patrocinio de Energias de Portugal Renováveis (EDPR).

Ademais dos requisitos, valorarase positivamente "a posta en valor do patrimonio, a paisaxe, a natureza, as lendas, a gastronomía ou calquera outro activo do territorio polo que atravesan as sendas dos faros", destacou o secretario xeral de Política Lingüística, que aclarou que o certame está completamente aberto a calquera temática. "A inventiva non coñece límites", sintetizou.

DÍA PROPIO EN CANS. A última afirmación de Valentín García foi aseverada polo experto en cinema na mesa, o director do festival de Cans, que manifestou que a participación dos escolares no evento que el pilota é tan relevante que o levou a ampliar "un día máis a programación", cunha xornada adicada exclusivamente a eles.

Na súa opinión, "o medioambiente, a educación, a lingua e a paisaxe" son "ingredientes inmellorables" para "converxer" nunha curta feita por uns rapaces que aprenderán, ademais, a "coprotagonizar". Isto é, non só ser espectadores, senón tamén estar dentro deses personaxes dos seus soños, esos que alumearán os faros.

Comentarios