Os lucenses Margarita Ledo e Airas Moniz, Premios da Crítica de Galicia

A académica foi galardoada na categoría de Cine e Artes Audiovisuais e a queixaría, en Cultura Gastronómica. Xesús Fraga, Miguel Anxo Seixas, Viñetas desde o Atlántico, Alejo Amoedo, Manuel Ayaso e Erregueté son os outros premiados
Foto de familia na gala dos Premios da Crítica de Galicia celebrada en Vigo. XUNTA
photo_camera Foto de familia na gala dos Premios da Crítica de Galicia celebrada en Vigo. XUNTA

Os 44º Premios da Crítica de Galicia deron a coñecer onte os galardoados de 2021, entre os que se recoñeceron o papel de figuras lucenses como a académica Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951), que recibiu o premio de Cine e Artes Audiovisuais, ou a queixaría chantadesa Airas Moniz, no apartado de Cultura Gastronómica.

O xurado destacou de Ledo "o seu irrenunciable compromiso por intentar transformar a sociedade cunha longa traxectoria que arranca nos alicerces do audiovisual galego". Salientou que o seu filme Nación, que narra a loita das traballadoras de Pontesa, "é unha historia necesaria, que homenaxea o traballo destas mulleres que axudaron a construír unha sociedade máis xusta dende o compromiso e a invisibilidade".

Pola súa banda, de Airas Moniz o xurado subliñou que se trata "dun proxecto portador de valores de sustentabilidade, excelencia, humildade e proximidade, apostando por un modelo de vida e desenvolvemento económico dende o rural galego, fomentando a tradición e apostando tamén pola vangarda, e situando dende a mesma elección do seu nome a Chantada e á Ribeira Sacra no mapa dos mellores queixos estatais".

MÁIS DISTINCIÓNS. O premio á creación literaria foi concedido ao xornalista Xesús Fraga, pola obra Virtudes (e misterios), mentres que o galardón á investigación outorgouse a Miguel Anxo Seixas, por Castelao. Construtor da nación. Tomo II.

O xurado destacou o "compromiso" de Ledo por intentar transformar a sociedade, e de Airas Moniz, os valores de "excelencia"

O certame premiou tamén a Viñetas desde o Atlántico na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas, ao artista Alejo Amoedo no apartado de música e a Manuel Ayaso en Artes Plásticas. Pola súa banda, o xurado escolleu Erregueté. Revista Galega de Teatro como galardoada en Artes Escénicas.

O acto celebrouse na sede de Afundación de Vigo, onde estivo presente o alcalde, Abel Caballero, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.

Durante o evento, que foi conducido pola poetisa Yolanda Castaño e Bieito Ledo, presidente e fundador dos premios, fíxose entrega ao presidente do Parlamento dun recoñecemento con motivo do 40 aniversario da Cámara galega, deseñado polo pintor Antón Pulido.

Durante a gala, na que tamén se entregaron os galardóns do ano pasado, o titular de Cultura, Román Rodríguez, destacou o papel deste recoñecemento "á hora de impulsar e recoñecer o talento creativo de Galicia nos seus máis de catro décadas de historia".

Rodríguez lembrou que estes son uns dos premios culturais galegos máis lonxevos, "sempre vinculados á singularidade creativa de Galicia respectando tanto a tradición como a vangarda".

Uns galardóns que, indicou, son nestes tempos máis necesarios que nunca para recoñecer o esforzo do sector cultural. "Mesmo nos peores momentos da pandemia, sucedéronse as manifestacións artísticas por todo o mundo e, hoxe, a recuperación comeza a ser gradual en todas as esferas da cultura, cunha normalidade que parece consolidarse cada día mais", expresou.

Comentarios