O lucense Marcos Ptt dirixirá a gala dos premios María Casares

A entrega dos galardóns será o 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña e retransmitirasen en Youtube

Marcos Ptt (Lugo, 1977) dirixirá a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o próximo xoves 30 de marzo no teatro Rosalía Castro da Coruña. O guión da cerimonia estará asinado polo propio Ptt xunto a Antón Coucheiro

Marcos Ptt. CARLOTA MOSQUERA
Marcos Ptt. CARLOTA MOSQUERA

O elenco da gala estará conformado por Natalia Outeiro Pajarito, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o proio Ptt. A música correrá a cargo de NachoFaiaLar (trío de Nacho Muñoz, Faia Díaz e Lar Legido), o deseño tanto do vestiario coma da escenografía será de Carlos Alonso e a iluminación, de Dani Pais. 

O lucense Marcos Ptt é un artista multidisciplinar vencellado ao teatro, ao teatro de obxectos e ao novo circo. Exerce ademais como actor, showman, bailarín de claqué, clown e director de escena. 

Dende os seus inicios profesionais, traballou con compañías como Belmondo, Chévere, Producións Teatráis Excéntricas ou Pistacatro. En 2006, fundou El Retretre de Dorian Gray xunto ao mago Ezra Moreno.

A gala emitirase por streaming a través da canle de Youtube que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia mantén para os Premios María Casares. Os premios están organizados pola asociación co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación Aisge e Gadis.

Comentarios