A artista lucense Dolores Guerrero inaugura este mércores no Centro Empresarial do Tambre en Santiago a exposición Soños. Trátase dunha exposición multidisciplinar de 40 obras de pintura, escultura e deseño. "A mostra é un longo camiño que vai do onírico, con pinceladas realistas, á pura abstracción en onde prima o minimalismo, pois sempre considereir que menos pode ser máis", explica Guerrero.
A artista intenta transmitir coa súa obra serenidade e paz, pero tamén concienciación visible en varias obras que levan impresos mensaxes máis ou menos subliminales.
Os cadros presentes na mostra están realizados en óleo sobre lenzo e as esculturas están feitas dunha soa peza con material de construción.
Tamén figura na exposición unha das súas obras máis emblemáticas, un vestido de noiva realizado con desfeitos do plástico dun invernadoiro de castiñeiros que estiveron á intemperie durante seis anos, creación que presentou no desfile Ecofeminismo y Medioambiente no teatro de Casa de Vacas do Retiro en Madrid.
Dolores Guerrero (Lugo, 1951) estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago. Escribe poesías, relatos, contos e ensaios. Deu clases para oposicións do Estado e para acceso á Universidade de maiores de 25 anos.
É unha pintora autodidacta que tamén indagou noutras áreas artísticas como a escultura e o deseño e conseguiu facerse un oco no eido artístico. Obtivo premios tan destacados como a medalla de prata do VIII Salón de Invierno de Barcelona, e expuxo en Madrid, Barcelona, Ciudad Real e Galicia, e mesmo tamén fora de España, en Francia, Alemaña e en diferentes puntos de Portugal como Lisboa, Coímbra oi Figueira da Foz.
Debido á calidade da súa obra pictórica figura no libro Mulleres destacadas de Galicia, editado por Enrique Alvarellos; e no suplemento editado no ano 2018 polo diario El Progreso 110 lucenses singulares.
É académica asociada da Accademia Internazionale Greci Marino, Accademia del Verbano, di Lettere, Arti, Scienze de Italia.
É delegada tamén da Asociación Española de Pintores e Escultores, fundada, entre outros, por Sorolla, e cuxos socios de honra son os Reis de España.
Forma parte do proxecto Mulleres e Cidadanía do Seminario Mulleres e Universidade patrocinado polo Parlamento de Galicia. Realizou un curso de Arte Galega promovido polo Museo Provincial de Lugo equivalente a dous créditos universitarios.
Nos anos 2013 e 2015 formou parte do xurado do Certame de Pintura Rápida de Lugo.