Luar na Lubre presenta o seu último disco, dedicado á Ribeira Sacra

O seu novo traballo ten como obxectivo pór en valor a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio

O grupo Luar na Lubre. FACEBOOK
photo_camera O grupo Luar na Lubre. FACEBOOK

Luar na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk de Galicia, publicou en maio un disco dedicado á Ribeira Sacra, que presentará no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa este xoves.

Nun comunicado, Komunika Kultura explicou que a banda, liderada por Bieito Romero, gravou en outubro de 2017 este novo traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), que ten como obxectivo pór en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio

Este novo disco inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías "que van lembrar e remarcar todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra", en palabras de Bieito Romero, que destacou que esta é a primeira vez que se fai un disco destas características para potenciar e difundir a Ribeira Sacra a través da música, un territorio que "é desde sempre patrimonio da humanidade, aínda que oficialmente aínda non". 

Fomos polas aldeas a falar coa xente, recollemos sons de vento, carros, campás, e tamén imaxes de nevaradas, amenceres

A idea é "poder falar coa grandeza da Ribeira Sacra, pontenciándola a través da música", segundo explicou Komunika Kultura. Ribeira Sacra conta con ducias de colaboradores que achegan o seu grao de area ás 26 cancións deste disco: desde Víctor Manuel até Ses; pasando pola Coral de Ruada, Nani García; a asturiana Marisa Vale Roso; ou Juan A. Antepazo, de Astarot; Irma Macías Suárez; Brais Maceiras, entre outros. 

Bieito Romero remarcou na presentación que tivo lugar en Ourense que esta gravación "me tocou no corazón, porque as miñas orixes están na Ribeira Sacra e, ademais, para todos, supuxo un proxecto moi especial, porque empezamos a traballar nel na data en que os incendios fixeron estragos en Galicia, e o feito de estar nun territorio de alto valor natural, como é a Ribeira Sacra, que nos fixo arrincar con moita tristeza". 

Romero lembrou o labor etnográfico e de recollida de sons naturais e testemuñas que enriqueceron este traballo musical. "Fomos polas aldeas a falar coa xente, recollemos sons de vento, carros, campás, e tamén imaxes de nevaradas, amenceres..., de tal modo que neste traballo mestúrase a música co ambiente da Ribeira Sacra". A súa pretensión, termina, "foi alcanzar unha banda sonora humana e natural". 

Comentarios